Temas: PARO XUNTA CCOO CIG UXT

Galicia remata o ano con 185.013 desempregados

A Xunta destaca "a tendencia positiva" que rexistra Galicia tras baixar o paro en 20.901 persoas no 2017, mentres os sindicatos denuncian a "`precariedade" e que a cifra segue "moi por encima" dos niveis precrisis. Hai no país 985.448 afiliados á Seguridade Social.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/01/2018 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) situouse ao rematar o 2017 en 185.013 persoas en Galicia, tras baixar en 20.901 desempregados no conxunto do ano (-10,15%). En decembro, os parados na Comunidade galega reducíronse en 2.162, o que supón un recorte do 1,16%.

Paro
Paro

No conxunto estatal, a cifra de desempregados alcanza os 3,41 millóns de persoas, tras diminuír en 290.193 desempregados no conxunto do ano, o quinto descenso anual consecutivo, aínda que por baixo do descenso rexistrado en 2015 e 2016.

En comparativa interanual, Galicia é a cuarta comunidade do Estado na que máis descendeu o paro en termos relativos (-10,15%), só superada por Cantabria (-12,52%), Aragón (-11,54%) e Navarra (-10,77%).

En canto ao número de afiliados á Seguridade Social, Galicia situouse en 985.448 ao remate do ano, segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego, que reflicten un incremento no número de afiliacións do 2,25% con respecto a decembro de 2016. Aínda que Galicia gañou 21.713 afiliados á Seguridade Social, este incremento está por baixo dos datos de ámbito estatal, xa que España pechou o ano cunha taxa de crecemento da afiliación do 3,42%, até chegar aos 18.460.201 na Seguridade Social.

DESCENSO NAS CATRO PROVINCIAS

Os parados diminuíron en todas as provincias galegas. En concreto, en decembro Pontevedra rexistrou 831 desempregados menos (-1,12%), Ourense 471 menos (-2,31%), A Coruña 452 menos (-0,61%) e Lugo un descenso de 408 parados con respecto ao mes anterior (-2,23%).
De igual modo, en comparación co peche de 2016, Pontevedra rexistra 8.695 parados menos (-10,56%) e A Coruña 7.030 menos (-8,73%). En termos relativos, os parados en Lugo baixaron un 11,75% en relación a un ano antes (2.386 menos) e en Ourense un 12,28% (2.790).
En toda a Comunidade galega, o paro repártese entre 81.498 homes e 103.515 mulleres. E un total de 8.710 son menores de 25 anos.

CASE 250.000 DEMANDANTES DE EMPREGO

Pola súa banda, os demandantes de emprego, un total de 246.474 galegos, distribúense entre 29.392 ocupados, 20.197 que indican na súa solicitude condiciones especiais de traballo e 196.885 non ocupados.
Estes últimos representan un descenso de 3.094 persoas en comparativa mensual (-1,55%) e de 22.706 con respecto a hai un ano (-10,34%).

DATOS HISTÓRICOS OU PRECARIEDADE?

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou “a tendencia positiva” que rexistra Galicia e “os datos históricos” que reflicte a estatística de decembro. En concreto, Toca explicou que Galicia rexistrou, por primeira vez en toda a serie histórica, un descenso intermensual nun mes de decembro superior ao 1% e que a Comunidade “encadea cinco anos consecutivos de caída do paro interanual”.

Non son tan optimistas os sindicatos UXT, Comisións Obreiras e CIG, que advertiron de que a estacionalidade e a precariedade seguen marcando o mercado laboral galego e que as cifras de desemprego seguen moi por riba dos niveis previos á crise.

A CIG incidiu en que o recorte do número de parados é "conxuntural" e está vinculado á campaña de Nadal. CCOO subliñou que o desemprego en Galicia segue castigando máis ás mulleres, que son o 56% dos 185.013 parados que ten Galicia ao termo do 2017. Pola súa banda, UXT apuntou que o nivel de desemprego en Galicia segue “moi por encima dos valores precrisis”, e referiuse “ao evidente efecto da estacionalidade” nas cifras de paro de decembro.

Temas: PARO XUNTA CCOO CIG UXT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta