Temas: PESCA

O ano 2017 foi o mellor da década en vendas nas lonxas galegas

Os Grupos de Acción Local beneficiaranse de 11 millóns en axudas para proxectos en 2018

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2018 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, adiantou este mércores que, con datos provisionais, 2017 foi o mellor ano da última década en vendas nas lonxas galegas, tanto en quilos descargados como en volume de facturación. "Cos datos que agora mesmo temos nas mans, 2017 mellora os resultados do exercicio de 2016, e hai que ter en conta que o 2016 fora o mellor ano da última década", indicou Quintana nunha visita ao Grove.

Rosa Quintana
Rosa Quintana | Fonte: Europa Press

Con todo, a conselleira insistiu en que se trata de datos provisionais e até "dentro de 15 ou 20 días" non haberá o "balance definitivo".

Así, cualificou o exercicio de 2017 como "moi bo" para o sector pesqueiro e marisqueiro galego. Á vista dos resultados, Rosa Quintana aposta por seguir dándolle máis valor aos produtos.

"Eu quero que os mariñeiros e as mariscadoras galegas saian ao mar non só a buscar cada vez máis quilos de peixes e mariscos senón que eses produtos lles repercuta nun maior valor engadido", resalta. Neste sentido, incidiu a conselleira, "aínda queda moita marxe para mellorar na comercialización".

NOVAS AXUDAS

Por outra banda, a conselleira do Mar avanzou que este xoves, 4 de xaneiro, a Xunta fará pública a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para proxectos dos Grupos de Acción Local Pesqueiros (GALP) por un importe de 11 millóns de euros para os seus proxectos en 2018.

Rosa Quintana lembra que con estas axudas en 2017 se aprobaron en Galicia 200 proxectos que xeraron 190 postos de traballo e que propiciaron a creación de 84 novos negocios, ademais de que outros moitos mellorasen as súas condicións.

A titular de Mar resalta que, ademais destas axudas, a Xunta pon a disposición dos GALP outras para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca por un importe de 311.500 euros.

VISITA AO GROVE

Rosa Quintana fixo estas declaracións durante o transcurso da visita que realizou á empresa Mariscos O Grove onde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, coñeceu o seu proxecto de nova liña de comercialización de crustáceos, financiado a través do GALP Ría de Arousa.

Respecto diso, indicou que estas axudas buscan impulsar iniciativas que contribúan a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas, diversificar as actividades realizadas no marco da pesca e aumentar o valor e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración destes produtos.

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta