Galicia é a comunidade na que máis baixaron os falecidos en accidente viario en 2017, con 29 menos até 77

Galicia é a comunidade autónoma española na que máis descendeu o número de falecidos en accidente de tráfico en 2017 respecto ao ano anterior, ao rexistrar un descenso de 29 falecidos, pasando dos 106 que houbo en 2016 a 77 en 2017.

VIGO | 03/01/2018 | Actualizada ás 18:54 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade autónoma española na que máis descendeu o número de falecidos en accidente de tráfico en 2017 respecto ao ano anterior, ao rexistrar un descenso de 29 falecidos, pasando dos 106 que houbo en 2016 a 77 en 2017.

Así se desprende do balance anual de sinistralidade viaria 2017 da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), presentado este mércores a partir de cifras provisionais e unicamente referidas aos accidentes mortais ocorridos en vías interurbanas e tomadas até as 24 horas desde o sinistro.

Tal e como reflicte o estudo, Galicia foi a que maior descenso de falecidos rexistrou en 2017, seguida por Valencia (17 mortes menos), País Vasco (6 menos), Navarra (3 menos), A Rioxa (1 menos) e Castela e León (1 menos). En Baleares a cifra mantívose sen cambios e nas demais comunidades creceu o número de falecidos.

Por número total de falecidos, Galicia situouse como a sexta comunidade con máis mortes en sinistro viario durante o pasado ano, por detrás de Andalucía, Cataluña, Castela e León, Castela A Mancha, e Valencia.

Por provincias, o maior descenso en Galicia no pasado ano respecto de 2016 rexistrouse en Lugo, con 11 falecidos menos, despois en Pontevedra (7 menos), na Coruña (6 menos) e finalmente en Ourense (5 menos).

CIFRAS NACIONAIS

No conxunto de España, en 2017 rexistráronse un total de 1.067 accidentes mortais en vías interurbanas con 1.200 falecidos e 4.837 feridos hospitalizados, co que houbo un incremento do 3% en falecidos (39) e unha diminución do 6% en feridos graves (336). Do total de falecidos, 175 non usaban cinto de seguridade (26 persoas máis que o ano anterior).

Estes datos enmárcanse nun aumento no número de desprazamentos de longo percorrido en 2017, que creceron en 16,4 millóns, até chegar a 408,5 millóns. Os factores fundamentais que inflúen nos accidentes son a velocidade inadecuada, o consumo de alcol e drogas, non respectar a prioridade, o cansazo ou soño e a distracción.

A DXT puxo en relevo que a principios de 2017 aprobouse un plan de choque contra a sinistralidade viaria con 15 medidas urxentes, das que xa se executaron o 90 por cento; e en 2018 ten previsto implantar "máis reformas, máis control, máis educación/formación e comunicación, máis investigación e máis compromisos entre administracións e sector privado".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta