A 'Carmen' máis innovadora, en Vigo

A reinterpretación do Ballet de Víctor Ullate da obra clásica de Georges Bizet será o vindeiro martes ás 20.30 horas no Teatro Afundación.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/01/2018 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de Abanca, recibe no seu teatro de Vigo (Policarpo Sanz, 13) o Ballet de Víctor Ullate o vindeiro martes 9 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, coa súa reinterpretación do clásico Carmen de Georges Bizet. As entradas para asistir pódense adquirir xa na web ataquilla.com.

O Ballet de Víctor Ullate achega 'Carmen' a Vigo.
O Ballet de Víctor Ullate achega 'Carmen' a Vigo. | Fonte: ataquilla.com

Máis dun século despois da súa estrea, esta nova proposta quérese afastar dos tópicos para introducirse na esencia da historia e verter nova luz sobre un dos personaxes máis poliédricos da ficción contemporánea: Carmen. Para iso foi necesaria unha actualización: recrear un espazo atemporal afastado de todo costumismo, de maneira que non se interpoña entre o espectador e a protagonista ningún tipo de barreira temporal; e unha revisión: porque unha peza que ten máis dun século de antigüidade necesita dunha mirada nova e audaz, pero absolutamente respectuosa coa esencia da historia.

Con estas premisas expuxéronse a escenografía e o vestiario, modernos e atemporais. Carmen é a historia da muller fatal, coqueta, sedutora, é o concepto da muller apaixonada que atopa na sociedade que a rodea un marco estreito que a encorseta e do que quere escapar. Esta versión sitúa á protagonista nunha nova dimensión de luxo e glamour: unha modelo de alto nivel que polas noites se converte en escort.

A música de Carmen de Víctor Ullate ofrece un novo percorrido pola inesgotable partitura de Bizet á vez que inclúe composicións orixinais. Música sinfónica, percusións étnicas ou tambores xaponeses mestúranse con temas de raíz máis popular para percorrer esta historia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta