Adif resolve o futuro do AVE co PP de Lugo e non co Goberno provincial

Os socialistas consideran que os populares viaxaron a Madrid a "certificar a defunción da chegada do AVE á provincia de Lugo"

Por Galicia Confidencial | Lugo / Madrid | 04/01/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O futuro do AVE a Lugo está a ser decidido por Adif e o Ministerio de Fomento coa oposición na Deputación provincial. Tanto é así, que este mesmo martes o Partido Popular de Lugo, encabezado pola súa presidenta e portavoz na Deputación, Elena Candia, mantivo na capital de España unha reunión con representantes do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias. Un feito que non sentou ben no goberno provincial e, máis concretamente, no PSOE, que preside o Goberno provincial.

Un tren Ave.
Un tren Ave.

Tanto o secretario xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santo Ramos, como a deputada socialista por Lugo no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, valoraron negativamente este encontro e os seus resultados.

Santos Ramos destacou que “Candia viaxou a Madrid co seu cortexo fúnebre a certificar a defunción da chegada do AVE á provincia de Lugo, a certificar que os lucenses collerán o AVE en Ourense mentres goberne o PP e a certificar o desprezo do Partido Popular cos lucenses, tratándonos como cidadáns de terceira”.

Os socialistas subliñaron que “o PP de Lugo de novo se burla da intelixencia dos lucenses, pois toda a información que transcendeu da reunión con representantes de Adif é exactamente a mesma que recolle o Presuposto Xeral do Estado para 2017, presentado hai nove meses, o pasado mes de abril, do que, “aínda que ao PP lle pareza imposible, todos os lucenses nos lembramos”, dixeron.

Neste senso, explicaron que “falan dun proxecto de 700 millóns de euros para mellorar a línea de Lugo a Ourense, non para a chegada do AVE a Lugo. É máis, nin tan sequera falan da imprescindible estación Intermodal para que a chegada da Alta Velocidade á provincia lucense sexa posible. Ditos fondos son os xa previstos por Fomento en 2017 (cuxo nivel de execución se descoñece), 2018, 2019 e, cando menos, tamén no 2020 para, exclusivamente, mellorar a actual línea ferroviaria de Lugo a Ourense. Son as previsións económicas que Fomento deu a coñecer en abril”, critican os socialistas.

Polo tanto, o PSOE considera que “o PP volve mentir e burlarse dos lucenses, facendo crer que trae novas e boas noticias para Lugo sobre a Alta Velocidade tras o seu paseo mediático a Madrid". "O único que fixeron foi certificar a defunción do AVE a Lugo, sepultar a chegada da Alta Velocidade na nosa provincia mentres goberne o Partido Popular”, sentenzan os socialistas.

Para os socialistas, a situación segue sendo a mesma: "O PP segue empeñado en que Lugo sexa a única provincia galega sen Alta Velocidade e en que os lucenses, aos que trata de cidadáns de terceira, vaiamos a coller o AVE a Ourense se queremos empregalo, pois na súa provincia non o van a ter. Como moito, contarán, se compren coas súas irrisorias promesas cos veciños de Lugo, con melloras, totalmente insuficientes, na actual liña ferroviaria, que hoxe xa é das peores de España”, censuran.

Pérez Herraiz insistiu en que toda esta información se pode contrastar no documento oficial sobre o Presuposto Xeral do Estado de 2017. A Deputada apuntou ademais que o PP no Congreso nunca fala de AVE a Lugo, pois as súas palabras exactas son “melloras nos tempos de viaxe cando o AVE chegue a Ourense”, tal e como se pode comprobar nas comparecencias públicas do secretario xeral de Fomento, Manuel Niño, a preguntas da socialista.

Neste senso, destacou que o pasado mes de xuño, cando a socialista preguntou a Niño pola supresión de pasos a niveis, o secretario de Fomento respondeu que “na planificación de supresión de pasos a nivel na provincia de Lugo só figura un situado en Guitiriz”.

Ao respecto do aparcadoiro, Pérez Herraiz lembrou que en abril preguntou a Niño sobre este asunto e que este respondeu hai nove meses que “se está estudiando a viabilidade de pór ese terreo en explotación, tendo en conta sempre o equilibrio entre a viabilidade económica e a atención do viaxeiro, sen ben actualmente non figura dotación presupostaria”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

A estación de tren de Lugo é pequeña, pero, desde logo, non fai falta nengunha estación intermodal para que una vía de alta velocdiade chegase alí. Unha cousa non ter que ver ca outra. A liña de tren que pasa por Lugo non é, para nada, " unha das peores de España ". O correcto é decir que ten un trazado que non permite velocidades altas, sobre todo entre Lugo e Rubián. E cunha mellora da vía Lugo - Monforte - Ourense, Lugo e Ourense poderían quedar a una hora: hoxe o tren xa o fai en 1 hora e 45 minutos. E ( mais todavía) non fai falta " ir a coller" o AVE a Ourense ( suponse que en coche) porque hoxe xa hai tres trens de enlace e un tren directo Lugo - Ourense - Zamora - Madrid. Ademais, coma a vía de alta velocdiade entra por Ourense, sempre será necesario que o tren vaia de Lugo a Ourense e alí coller a vía de alta velocidade: a liña Monforte - León non permite velocidades altas.