Suspenso en xestión para Feijóo

O PSdeG, que anuncia unha "oposición dura" para o 2018, acusa a Rajoy e Feijóo de "autocompracencia" na inauguración da AP-9 e esixe "unha solución" á suba das peaxes, asumindo o Goberno central o seu custo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/01/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

"Un suspenso claro en xestión” á acción de goberno de Alberto Núñez Feijóo durante o 2017. Así o sostén o voceiro do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, no balance do ano político feito este xoves no Parlamento, no que anunciou unha “oposición dura” para 2018 en cuestións centrais como o emprego, a defensa dos servizos sociais, a política industrial ou a transparencia.

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG.
Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG. | Fonte: psdeg-psoe.com

Leiceaga lamentou o “ano perdido” polo Goberno galego, cunha xestión que languideceu lastrada pola perda de peso político do seu titular e que provocou a devaluación da posición de Galicia no conxunto do Estado. Cuestionou o seu “escaso impulso reformista”, logo de presentar apenas 5 das 11 leis previstas para todo o ano, e criticou a súa incapacidade para trasladarlle a recuperación económica ao conxunto da sociedade.

Ademáis, Xoaquín Fernández Leiceaga acusou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de caer na "autocompracencia" e de estar "lonxe da realidade" polas súas verbas durante a inauguración da ampliación da AP-9. En paralelo, o voceiro socialista volveu reclamar "unha solución" para os usuarios fronte ao incremento das peaxes da autoestrada, e lembrou que a proposta dos socialistas galegos pasa por que sexa Fomento o que "asuma" o custo, de xeito que se poida "evitar o traslado" aos cidadáns.

Preguntado polas palabras de Feijóo, que valorou os datos económicos e a labor de dous presidentes galegos en tempos complicados durante o seu discurso este mércores, o portavoz do PSdeG no Parlamento autonómico considerou unha "mala noticia" esta "autocompracencia", fronte á que pediu "máis autocrítica" e "impulso reformista".

"Indica que lonxe están da realidade de moitas familias", apuntou Leiceaga, antes de lembrar que uns 185.000 galegos están no paro e que un 50% das familias afrontan "graves dificultades" para chegar a fin de mes. Nesta situación, "digna" ao seu xuízo dunha política social "máis intensa", opinou que "nin Rajoy nin Feijóo deberían caer nesa característica tan común de gobernantes que levan tempo" no posto, como é, dixo, o "afastamento da realidade".

ANA PASTOR E A AP-9

Sobre a polémica suba das peaxes da AP-9, Leiceaga indicou que, do 3,8% previsto, só un 25% é "imputable" a unha decisión do ano 2011. Así, criticou que o convenio coa concesionaria, Audasa, foi "ampliado" pola que era ministra de Fomento en 2012. "E Ana Pastor estaba moi satisfeita onte", apuntou, en alusión á participación da actual presidenta do Congreso na posta en servizo da ampliación da capacidade da AP-9 na circunvalación da capital galega.

Neste punto, expuxo que "hoxe" as condicións están "máis saneadas" e permiten "asumir" o custo e "evitar o traslado" aos usuarios, pero censurou que o PP "votou en contra" desta iniciativa no Pazo do Hórreo.

Tamén lamentou o veto ao debate da transferencia da titularidade da autoestrada na Cámara Baixa, e é por iso que avogou por "revisar o pacto" coa empresa, "negociar coa empresa unha solución satisfactoria para os usuarios". Por último, terminou censurando o "escaso peso político de Feijóo en Madrid", precisamente, por ese "veto vergonzante" ao traspaso da autoestrada AP-9.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta