Denuncian ameazas de non operar a un paciente no CHUS por non asinar o consentimento nunha tableta

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago recolle a queixa dun doente que, di, se lle pediu que asinase o consentimento informado mediante sinatura dixital nunha tableta, sen ter diante o documento e, polo tanto, descoñecendo o seu contido concreto, baixo ameaza de non practicarlle unha cirurxía se non o facía.

Por Galicia Confidencial | Santiago de C0mpostela | 04/01/2018 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

P.R.C., paciente de Uroloxía con posible cancro de próstata, puxo en coñecemento da Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que foi ameazado polo Servizo de Admisión con non realizarlle unha intervención cirúrxica por negarse a asinar o consentimento informado nunha tableta (trebello electrónico).

Clínico, Chus
Clínico, Chus

Estes son os feitos que relata o denunciante:

“O pasado día 30 de xuño de 2017, para unha intervención de cataratas e posteriormente o día 30 de outubro do mesmo ano, para unha biopsia por posible cancro de próstata, o persoal do mostrador de admisión do CHUS requiriume que asinase o consentimento informado mediante sinatura dixital nunha tableta, sen ter diante o documento e, polo tanto, descoñecendo o seu contido concreto. O día 30 de outubro, ante tal petición, indiquei que estaba disposto a asinar sobre o documento en papel, como así fixen para o anestesista, pero non sobre unha tableta, por considerar que non tiña garantía respecto do que estaba asinando. Ante a insistencia do persoal sanitario, e baixo o apercibimento de que se non asinaba non daba o meu consentimento para ser operado, e en consecuencia, deixaría de estar incluído na correspondente lista de espera, accedín a asinar mediante rúbrica non lexible. Dado que non se correspondía coa miña rúbrica habitual, o luns 11 de decembro persoal responsable do servizo indica que non é unha sinatura válida e que, en vista diso, non se admite como outorgamento de consentimento. Reitérolles que non estou disposto a asinar nunha tableta, ante o cal quedamos durante 48 horas nunha situación de indefinición sen saber se estabamos ou non incluídos na lista de espera, agardando a que os servizos xurídicos do CHUS se pronunciasen. Finalmente, o pasado día 14 de decembro, fomos citados para realizar a sinatura en papel sobre un documento con data do 30 de outubro de 2017 rectificado con corrector. A miña oposición a asinar nunha tableta o consentimento informado foi posta de manifesto mediante unha queixa tramitada o 30 de xuño de 2017 sobre a que non recibín resposta ningunha, e iso que reclamara esta contestación en Atención ao Doente con data de 27 de novembro.”

Ante estes feitos, a Asociación de Pacientes e Usuarios considera que o relato de P. R.C. pon de manifesto que a aplicación dos procedementos impostos polo CHUS "vulnera dereitos fundamentais" e "incorre en condutas sancionadas como infraccións polo ordenamento xurídico".

En concreto, esta plataforma cre que "se vulnerou o dereito á información ao pretender outorgar o consentimento informado sen coñecer o seu contido concreto, cernando así o seu sentido final", o de prestar autorización libre e voluntaria a unha actuación no ámbito da saúde, previa obtención da información adecuada, suficiente e comprensible (artigo 3 da Lei 3/2001, do 28 de maio reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes).

A Asociación tamén considera que se produciu unha "incorrecta prestación do consentimento ao separarse o acto informado verbalmente que debe subministrar o facultativo e o acto de sinatura do consentimento", de xeito que o paciente non pode ter constancia de que a información reflectida por escrito é congruente coa recibida verbalmente e está elaborada polo facultativo que vai practicar a intervención (artigo 4 da Lei 3/2001, do 28 de maio).

A plataforma tamén salienta que a ameaza de non realización da intervención cirúrxica, e polo tanto de exclusión da correspondente lista de espera, se non asinaba nunha tableta vulnera o artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común que lles recoñece ás persoas físicas o dereito a elixir non relacionarse por medios dixitais coas Administracións públicas.

"Non resulta tolerable que sexan os propios servizos administrativos do CHUS, seguindo as instrucións dos directivos responsables, os que levanten obstáculos e barreiras burocráticas para recibir a asistencia sanitaria requirida e prescrita por persoal facultativo, e os que vulneren a normativa básica en materia de procedemento administrativo e ignoren, á custa da nosa saúde, os dereitos esenciais dos pacientes e cidadáns nas súas relacións coa administración sanitaria", censura a Asociación de Pacientes e Usuarios.

Tampouco considera "admisible" que as queixas presentadas polo paciente "non fosen contestadas" nin que "a día de hoxe, despois de 16 anos, aínda non estea constituída a Comisión de Consentimento Informado creada pola Lei 3/2001, de 28 de maio, e, polo tanto, sen que exista control ningún sobre se se está a cumprir adecuadamente o dereito á información", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

2 Os de sempre son os de sempre

Se fose no banco para asinar o cobro dun talón seguro que non lle importaba facelo nun "trebello informático", pero tratándose da saúde..... E seguramente o doente sexa novo, porque unha persoa maior entende mellor o cambio nos tempos que os repunantiños sabelotodo estudiados da sity.

1 Mimadriña

E que queres dicir con ese comentario tan demagóxico? Que é un aproveitado? Pois fixo ben! Coa saúde propia non se xoga. E menos mal que hai xente espabilada! Para meterlla doblada ós pobres vellos da aldea, para iso si que abondan medicuchos "sabelotodo estudiados da sity". Ai non!

2 Os de sempre son os de sempre

Demagóxico? Demagóxica é o comportamento desta xente que describo, que según os casos actúan dun xeito ou doutro según lle conveña. Polo que vexo moito tes que aprender da xente da aldea e che proa por identificarte cun "sabelotodo estudiado da sity" dos que pilla calquera porcalla..a no Mercadona ou no Día, e logo ven á aldea preguntando se lle botamos sulfato as patacas...veña rañala.

3 Mimadriña

Pois non me proa nada porque precisamente eu si son da aldea. Pero sospeito que ti só te fas pasar por un, e de patacas só sabes comelas, pero botalas e pañalas que o fagan outros. Sulfato habíache que botar a ti. Nada... xa que es tan listo asina sempre calquera cousa que che poñan diante. E a rañala vai ti, palanquín!

1 anonimo

Lamentable, pero non me sorprende en absoluto. Calquera que tivese que presenciar coma min, ao longo de 6 meses, o funcionamento deste Hospital e as prácticas do persoal sanitario, non se sorprenderá de NADA do que alí ocorra. Felicito ao doente pola súa responsabilidade e firmeza fronte a un claro abuso de poder que explota a vulnerabilidade psicolóxica dos pacientes e incumpre as propias leis e procedementos estabelecidos

1 Poissi

Douche toda a razón, anónimo. Eu tamén o vivín. Sobre todo, ter que aturar a arrogancia dalgúns "doutores" (por suposto, hai excepcións)