'O Chicle' négase a declarar de novo ante o xuíz

O maxistrado mantén como investigada á esposa, pero sen cautelares. Decenas de veciños concentráronse nas inmediacións dos xulgados de Ribeira para recibir con berros de "asasino" e "cabrón" ao autor confeso da morte de Diana Quer.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2018 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle', volverá a prisión despois de negarse outra vez este xoves a declarar ante o xuíz que instrúe a causa sobre a desaparición de Diana Quer, que quedou formalmente reaberta logo do achado do seu cadáver nun pozo dunha fábrica sen uso do municipio de Rianxo (A Coruña).

O autor confeso da morte de Diana Quer José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle'
O autor confeso da morte de Diana Quer José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle'

Este xoves, o titular do Xulgado número 1 de Ribeira, Félix Isaac Alonso, ratificou a decisión que adoptara sobre 'O Chicle' a súa compañeira do xulgado número 3, ante a que compareceu o pasado luns por estar de garda e ante a cal xa se acolleu ao seu dereito a non declarar. Esta xuíza enviárao a prisión provisional incomunicada e sen fianza.

No entanto, Abuín Gey aínda non pode abandonar as dependencias xudiciais porque agora debe prestar declaración polo intento de secuestro doutra moza acaecido o pasado 25 de decembro en Boiro. 

Respecto da esposa do 'Chicle', Rosario Rodríguez, permanece investigada na causa sobre a desaparición de Diana Quer, pero quedou en liberdade sen ningunha medida cautelar. A muller respondeu ao xuíz todas as preguntas expostas, segundo informou o avogado Ricardo Pérez Lama, quen leva a acusación particular que exercen de forma conxunta os pais de Diana Quer.

A maiores, na causa sobre a moza madrileña que desaparecera o 22 de agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal tamén foron chamados a declarar outras dúas persoas da contorna familiar do 'Chicle', pero cuxo testemuño non está previsto que se recolla este xoves.

INDIGNACIÓN DOS VECIÑOS

Decenas de veciños concentráronse este xoves nas inmediacións dos xulgados de Ribeira para recibir con berros de "asasino" e "cabrón" ao autor confeso da morte da moza madrileña, mentres que dedicaron improperios como "filla de puta" á súa esposa, Rosario Rodríguez, a quen enviaron de palabra "ao cárcere".

Rosario Rodríguez chegou aos xulgados de Ribeira ao redor das 8,40 horas deste xoves nun coche cor gris sen rotular da Policía Nacional, que a deixou no acceso ao garaxe do edificio xudicial, onde a esperou até a súa saída sobre as 11,25 horas.

A agora investigada pola desaparición de Diana Quer entrou e saíu das dependencias xudiciais tentado cubrirse a cara coas mans. Dous furgóns da Policía Nacional colocados diante do garaxe dificultaban que lle vise entrar no vehículo, aínda que non puido librarse dos insultos dos seus veciños.

CHEGADA DO CHICLE

Pola súa banda, 'O Chicle' chegou aos xulgados de Ribeira ás 10,37 horas nun furgón da Garda Civil que o trasladou desde a prisión de Teixeiro, onde foi enviado o pasado luns polo xulgado de garda, que ditou para el prisión provisional incomunicada e sen fianza.

O autor confeso da desaparición de Diana Quer accedeu tapado cunha carapucha pola zona do garaxe dos xulgados, onde estaba chamado a declarar en calidade de investigado por un delito de homicidio ou asasinato. Ademais, o xuíz advirte no auto de reapertura da causa sobre a moza madrileña que "existen igualmente indicios respecto da posible comisión fronte á mesma de delitos contra a súa liberdade sexual".

'O Chicle' foi recibido por decenas de persoas congregadas nas dúas rúas ás que dá o edificio xudicial, no medio de fortes medidas de seguridade. Así, o dispositivo policial ao redor dos xulgados de Ribeira estivo integrado tres furgóns da Policía Nacional, un furgón da Policía Local e tres vehículos da Garda Civil, así como numerosos efectivos de ambos os corpos de seguridade.

Pouco despois de que Rosario Rodríguez chegase aos xulgados, puido verse ao avogado Ricardo Pérez Lama, quen levará a acusación particular que exercerán de forma conxunta os pais de Diana Quer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nexus 6

A este tipo lo pondría yo en perpetuo silencio.