A Xunta entregou case un millón de euros á Corporación Voz de Galicia nun só día

O Goberno galego pechou 2017 cunha nova riada de cartos para os medios tradicionais, con máis de dous millóns de euros regalados nun só día a varias empresas mediáticas. O grupo de La Voz de Galicia recibiu case a metade de todo o concedido pola Xunta, que tamén segue subvencionando a Editorial Compostela, propietaria de El Correo Gallego, malia as súas débedas cos traballadores, Facenda e a Seguridade Social.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia segue sendo unha das principais vías de financiamento dos medios de comunicación tradicionais privados, que de non recibir millóns de euros en publicidade e subvencións do Goberno galego cada ano estarían competindo nunha situación de igualdade e moito máis delicada e precaria para eles, e probablemente perderían a súa hexemonía no mercado. O último favor do ano 2017 da Xunta aos medios convencionais, en declive, elevouse a nada menos que 2 millóns de euros, nun só día. Así o denuncia o sindicato CIG.

O presidente do Banco Pastor,  Ángel Ron Güimil; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o propietario do Grupo Voz, Santiago Rey
O presidente do Banco Pastor, Ángel Ron Güimil; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o propietario do Grupo Voz, Santiago Rey | Fonte: Xunta

En concreto, o 29 de decembro publicouse a resolución das axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifucións que actuén no noso país, cun gasto total de 1.666.194,87 euros. Ese mesmo día tamén se publicaron os xa clásicos convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. e Editorial Compostela, S.A. para "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela", polo que a primeira recibe 125.000 euros e a segunda, 115.000. Ademais, tamén se lle concederon outros 120.000 euros ao grupo de La Voz de Galicia para "a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en Galicia no ano 2017".

A convocatoria dos 1.666.194,87 euros publicouse no DOG de 3 de maio. Xa de aquela, como todos os anos, a CIG denunciou a súa convocatoria pola "inexistencia de motivación real para esta subvención sen concorrencia competitiva". O sindicato considera que o único obxectivo desta convocatoria é "soster economicamente a súa actividade dando máis cartos canta maior difusión teñan, sen outra finalidade", o cal "ten como resultado financiar aos grandes grupos de sempre".

A principal beneficiada é La Voz de Galicia, con 677.300,54 euros (40,65%), aos que se suman as axudas concedidas a Voz de Galicia Radio (do grupo Corporación Voz de Galici) con outros 30.924,96 euros. Ao grupo Voz ségueno Faro de Vigo con 280.858,05 euros (16,86%) e El Progreso de Lugo con 110.657,76 euros (6,64%). Entre as tres empresas levan máis do 60% da subvención total. O 40% restante repártese entre un total de 18 empresas.

"O 29 de decembro foi un gran día para Corporación Voz de Galicia, S.L.U. Entre unhas axudas (para o xornal  La Voz de Galicia e para Radio Voz) e outras (dous convenios) chegou a sumar case un millón de euros (953.225,50 €)", subliña a CIG.

A Xunta reparte máis de 2 millóns de euros entre varios medios de comunicación nun só día
A Xunta reparte máis de 2 millóns de euros entre varios medios de comunicación nun só día | Fonte: CIG San Caetano.

Tamén chama a atención a axuda que recibe Editorial Compostela, por un total de 81.289,90 euros. Resulta que este grupo, propietario de El Correo Gallego, leva vaios anos atravesando unha fonda crise que o levou ao impago de nóminas e a unha débeda de 15 millóns de euros. En concreto, en outibro pasado, como publicou GC, debía aos traballadores 1,4 millóns de euros, cun plan de pago a longo prazo. Tamén tiña 1,2 millóns de débedas con Facenda e a Seguridade Social. Con todo, o director, en declaracións a GC, dicía que confiaba en que este xornal cumpriría moitos anos máis, sen dúbida, axudado coas axudas da Xunta de Galicia.

Para o sindicato "resulta moi doado comprender por que a gran maioría destes medios, sobre todo os que se levan a maior parte do pastel e teñen maior difusión, dificilmente van publicar información que sexa incómoda para o Goberno; todo o contrario, ao final atopámolos cheos de propaganda a favor deste".

O paradoxal destas axudas é que, sobre o papel, están destinadas a favorecer a "liberdade de expresión" e fomentar uns medios "máis plurais e independentes", e mesmo buscan "a potenciación da lingua e cultura galega" e "a galeguidade", pero chega con dedicar tan só un 8% do total do espazo á lingua propia de Galicia para recibir cartos.

Medios como Galicia Confidencial, líder da prensa en galego, ou Praza Pública, outro dos referentes da nova prensa en galego e alternativa aos vellos medios, ambos os dous con audiencias moi consolidadas e con grande impacto, non reciben un só euro de axudas. O único xornal en lingua galega que recibe cartos públicos da Xunta en concepto de subvencións é Sermos Galiza, que acada 918,57 euros, o terceiro que menos achegas recibe, só por diante da delegación galega de Europa Press (473,38 euros) e Radio Lugo (695,60 euros).

"Como xa temos denunciado, estes convenios, aínda que legais, resultan unha presunta fraude. No proceso non existe maior colaboración que a Xunta paga e o medio publica o que esta lle «suxire», o cal semella máis ben un contrato de publicidade en toda regra", censura a CIG.

AXUDAS DA XUNTA A EMPRESAS XORNALÍSTICAS E DE RADIODIFUSIÓN

Beneficiaria

Importe

Editorial Compostela, S.A.

81.289,90

Editorial La Capital, S.L.

36.387,76

El Progreso de Lugo, S.L.

110.657,76

Europa Press Delegaciones, S.A.

473,38

Faro de Vigo, S.A.U.

280.858,05

La Opinión de A Coruña, S.L.U.

43.354,20

La Región, S.A.

85.368,94

La Voz de Galicia, S.A.

677.300,54

Lérez Ediciones, S.L.

66.750,41

Radio Coruña, S.L.

9.036,77

Radio Lugo, S.A.

695,60

Radio Orense, S.A.

9.692,48

Radio Pontevedra, S.A.

26.351,32

Radio Popular, S.A.

90.000,00

Radio Vigo, S.A.

1.017,82

Rías Baixas de Comunicación, S.A.

23.459,39

Sermos Galiza, S.A.

918,57

Sociedad Española de Radiodifusión, S.L.

28.892,58

Uniprex, S.A.

61.030,92

Virtual Vedra Comunicación, S.L.

1.733,52

Voz de Galicia Radio, S.L.U.

30.924,96

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 36 comentarios

6 Braisiño

Non hai solución. Cando chama Rey, acuden rapidamente TODOS os dirixentes políticos galegos, como si de unha orde se tratara a rendirlle pleitesía. Caballero, Pontón, Villares..... Ninguén lle tuse ao capo viREY de Galicia, Don Santiago.

5 Braisiño

Pagar servicios PPrestados, con diñeiro de todos. Ningún xuíz decente pode facer nada?

4 MAMORIA HISTÓRICA

¿E cando lle puxeron no pesebre ao tito, tres millóns de pavos, tres, foi nun so día ou en varios? Nin un peso de subvencións, para ninguén.

3 Españistan

Todo moi normal, dous kilazos nada máis e nada menos , de Indo por riba levan a maioría das ridículas subvencións para os xornais en galego por usar os traductores de Google

2 Anti...

Frank Sinatra esnifraba os cartos polo nariz, hai outros narigudos que os esnifran polos xornais grupo Vocento ou a couce galaica.