Dereito penal do inimigo

Unha corte de apelación do Tribunal Supremo (TS) constituída para resolver o recurso de O. Junqueras contra a prisión preventiva acordada polo maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, P. Llarena, rexeitou o recurso do líder catalán, por considerar que existía risco fundado de reiteración delictiva, malia o compromiso de respecto á legalidade expresado polo preso político.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/01/2018

Comparte esta noticia

Porén, o verdadeiramente grave desta resolución xudicial son as súas conclusións  constituíndo corpo doutrinal dende as desaqueladas teses da Fiscalía Xeral do Estado e do maxistrado Llarena a respecto da aplicación do delicto de rebelión aos líderes do procès, nunha interpretación dos feitos e aplicación dos tipos penais mais propia dunha sentenza definitiva ca do limitado coñecemento propio dunha resolución cautelar e provisional.

O artigo 472.5 do Código Penal (CP) castiga como rebeldes aos que declaren a independencia dunha parte do territorio do Estado alzándose de xeito público e violento. Mais até de agora constitúe feito non controvertido, mesmo internacionalmente, o carácter esencialmente non violento do  procès. Os propios maxistrados do TS recoñecen que non consta que Junqueras participase en feitos violentos nin dese ordes directas para desenvolver ea caste de accións. Pero para a corte de apelación do TS a violencia existe dende o intre no que Junqueras, como vicepresidente catalán, debeu pensar que o desenvolvemento do procès podería causar reaccións de violencia lexítima por parte do Estado. Para o TS a pacífica ocupación dos colexios electorais constituiu a causa das violentas actuacións policiais do 1-O que, xa que logo, serían tamén  da responsabilidade de Junqueras e integrarían ese elemento de violencia que esixe o devandito artigo do CP para que exista o delicto de rebelión.

Velaí a revirada aplicación da Lei que fai o TS, impropia dun Dereito Penal dos cidadáns, o único posíbel nos Estados democráticos. Semella máis ben que se está a aplicar un Dereito Penal do inimigo, propio dun estado de excepción non declarado. E a aplicación do concepto de inimigo no Dereito interno sempre foi o xerme da destrución autoritaria do Estado, segundo o profesor Raúl Zaffaroni.

Como ven de escrebir o constitucionalista J. Pérez Royo “esto no puede acabar bien nunca”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.