Punto para saír do descenso

O Dépor empata 1-1 en Vilarreal cun gol de Florin Andone tras centro de Sidnei na recta final do choque e acada un empate tras dúas derrotas consecutivas. Suma 16 puntos antes de recibir o Valencia en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 07/01/2018 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Vilarreal 1:
Asenjo; Mario, Víctor Ruiz, Álvaro, Jaume Costa; Rodri, Raba (Chuca, 76’), Castillejo (Cheryshev, 63’), Pablo Fornals; Bacca e Enes Ünal.
RC Deportivo 1: Rubén; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Pedro Mosquera (Borja Valle, 78’), Celso Borges, Carles Gil (Emre Çolak, 60’), Adrián López (Bruno Gama, 85’) e Florin Andone.
Goles: 1-0: Enes Ünal (minuto 30). 1-1: Florin Andone (minuto 84).
Árbitro: Medié Jiménez (catalán). Amarelas a Víctor Ruiz, Bacca e Álvaro no Vilarreal e a Guilherme, Luisinho e Sidnei no Dépor.
Incidencias: partido da 18ª xornada de Primeira División disputado no estadio da Cerámica ante 15.500 espectadores.

Andone celebra o gol do empate en Vilarreal.
Andone celebra o gol do empate en Vilarreal. | Fonte: lfp.es

Cun gol de Florin Andone tras xogada de Sidnei na recta final do partido, o Dépor acadou un merecido empate (1-1) na súa visita ao Vilarreal, punto que lle serve para adiantar o Alavés e saír dos puestos de descenso. Un empate para comezar o ano despois de dúas derrotas consecutivas antes do parón de Nadal.

Aínda que o Vilarreal entrou enchufado ao partido, o Dépor foi pouco a pouco mudando o guión do choque. E puido adiantarse o equipo coruñés tras unha gran acción individual de Adrián López, que chegou ata a liña de fondo e centrou atrás, pero o remate de Raúl Albentosa foise fóra cando tiña todo a favor para marcar.

O Dépor atopábase cómodo, con Adrián López creando perigo en campo rival, pero case na primeira chegada local, tras unha rápida acción, o turco Enes Ünal fixo o 1-0 para o Vilarreal. Apenas un minuto despois, Rubén evitou o segundo nun disparo de Castillejo. Andone puido acadar o empate pouco antes do descanso, pero Asenjo evitou o gol visitante.

Tralo paso por vestiarios, abriuse o partido, con chegadas nas dúas áreas. A primeira acabou nunha parada de Rubén tras disparo raso de Castillejo. Os locais presionaban arriba e rondaban a área galega con perigo. Foi a entrada de Emre Çolak no minuto 60 a que reactivou o Dépor, que pechou no seu campo o Vilarreal. Adrián López seguía xerando perigo, primeiro cun disparo e logo cun gran pase á área pequena que non tivo rematador. O partido estaba aberto, e o gol galego viase vir, con asubíos da bancada local aos seus. No minuto 84, trala enésima subida de Sidnei, centro ao segundo pau onde Florin Andonde rematou picado ao fondo da rede.

O Vilarreal tentouno nos minutos finais pero o Dépor defendeuse para sumar un importante punto máis que merecido. As vindeiras citas, Valencia en Riazor e visita ao Santiago Bernabéu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta