Mágoa de penalti!

Gran partido do Celta no empate 2-2 co Real Madrid. Daniel Wass adiantou os vigueses, Bale fixo dous goles en tres minutos para os brancos e Maxi Gómez acadou o empate definitivo tras errar Iago Aspas o seu primeiro penalti en Primeira División.

Por gcdeportes | Vigo | 08/01/2018 | Actualizada ás 00:21

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 2:
Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja, Daniel Wass (Jozabed, 89’), Tucu Hernández; Pione Sisto (Emre Mor, 72’), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Real Madrid 2: Keylor Navas; Achraf, Rafael Varane, Nacho, Marcelo; Casemiro, Modric (Lucas Vázquez, 76’), Kroos; Isco Alarcón (Kovacic, 77’), Bale (Asensio, 84’) e Cristiano Ronaldo.
Goles: 1-0: Daniel Wass (33’). 1-1: Bale (36’). 1-2: Bale (38’). 2-2: Maxi Gómez (81’).
Árbitro: Jaime Latre (aragonés). Amarelas a Hugo Mallo e Iago Aspasnos celestes e a Casemiro e Keylor Navas nos visitantes.
Incidencias: partido da 18ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 20.872 espectadores.

Os xogadores celestes celebran o 1-0 de Daniel Wass.
Os xogadores celestes celebran o 1-0 de Daniel Wass. | Fonte: lfp.es

Ben puido quedar cos tres puntos o Celta. Nun choque trepidante, con ocasións nas dúas áreas, os celestes firmaron un gran partido ante o Real Madrid, que levou un punto de Balaídos grazas a dous goles de Bale en tres minutos. Daniel Wass adiantou os vigueses e co 1-2 Aspas errou un penalti antes de que Maxi Gómez empatara o encontro na recta final. Un punto para cada equipo. O xoves, volta da Copa co Barça (1-1 na ida).

Malia xogar tres días antes co Barça, o Celta cumpliu co guión agardado: subiu as liñas de presión para dificultar a saída do rival. Ben colocado, e con Iago Aspas de metrónomo, tirou de velocidade para atacar os brancos. O primeiro aviso, pola dereita cun centro de Hugo Mallo que rematou Aspas ao pau; o segundo, unha rápida contra entre Aspas, Maxi e Wass, finalizada cun lanzamento desviado do dinamarqués.

O Real Madrid non creaba apenas perigo, agás un tiro lonxano de Casimiro que despexou Rubén Blanco. O Celta agardaba para saír veloz: Aspas arrincou un contraataque que rematou cun golazo tras disparo en parábola de Wass. Era o 1-0 no minuto 32. Non durou nada a ledicia. Bale marcou dous goles en tres minutos con xogadas similares. Ao descanso, 1-2.

Trala reanudación e malia ao cansanzo, o Celta tomou o mando e non deixou de perseguir a remontada ante un Real Madrid que, aínda que lonxe da súa mellor versión, levaba perigo nas contras. Os celestes volveron presionar moi arriba e fixéronse donos da pelota. E achegáronse a Keylor Navas. Tentárono Aspas e Maxi Gomez sen éxito. O de Moaña tivo incluso un penalti tras ser derrubado por Keylor Navas, pero detivo o costarriqueño (o primeiro que erra en Primeira División tras once marcados). Unzué refrescou o equipo con Lobotka e Emre Mor e Zidane meteu a Kovacic e Lucas Vázquez. O acoso local non cesaba. Nunha saída rápida, o Celta atopou a merecida recompensa: Aspas, centro de Wass e remate coa testa do uruguaio Maxi Gómez.

Os últimos dez minutos foron de ida e volta. Cristiano Ronaldo disparou ao lateral da rede e Iago Aspas reclamou outro penalti de Marcelo que non parecía. Rubén Blanco evitou a vitoria branca nunha clarísima ocasión do coruñés Lucas Vázquez. 2-2 resultado final.

Maxi Gómesz, perseguido por Aspas, celebra o tanto do empate.
Maxi Gómesz, perseguido por Aspas, celebra o tanto do empate. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta