Galicia atrae máis traballadores que o Norte de Portugal na Eurorrexión, pero menos cualificados

Un estudo mostra que o Norte de Portugal proporciona a Galicia máis man de obra pero pouco cualificada e con baixos salarios, mentres que o noso país contribúe ao veciño con menos traballadores pero mellor cualificados e remunerados. Iva Pires, profesora da Universidade Nova de Lisboa, explica a GC os resultados da investigación.

Por Alberto Quian | Lisboa | 23/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “o espazo transfronteirizo mellor definido en Europa”, segundo economistas da Universidade de Vigo, é un mercado laboral fragmentado no que o Norte de Portugal proporciona man de obra pouco cualificada e con baixos salarios, mentres que Galicia contribúe con man de obra ben cualificada e ben remunerada. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado por investigadores lusos da Universidade Nova de Lisboa e da Universidade do Minho.

Fronteira entre Galicia e Portugal
Fronteira entre Galicia e Portugal | Fonte: Concello de Tui.

"A mobilidade transfronteiriza da man de obra parece estar fortemente ligada ao dinamismo económico de cada rexión. No Norte de Portugal, o baixo crecemento económico e a falta de oportunidades de emprego foron fortes factores de presión que estimularon a mobilidade da man de obra e así o mercado de traballo no país veciño foi capaz de responder á crecente procura de traballadores resultante do dinamismo da economía galega, particularmente debido ao boom da construción civil", explica a GC a Iva Pires, profesora do Departamento de Socioloxía da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa.

O fluxo de man de obra de Galicia a Portugal é menor, con traballadores con niveis de cualificación e de escolarización superiores e ben pagados, principalmente na sanidade.

Pires vén de publicar na revista European Planning Studies os resultados do estudo 'Labour mobility in the Euroregion Galicia–Norte de Portugal: constraints faced by cross-border commuters', que asina canda Flávio Nunes, do Centro de Estudos em Geografia e Ordenamento do Território (CEGOT), creado polas departamentos de Xeografia das Universidades de Coimbra, Porto e Minho. O estudo baséase en entrevistas semi-estruturadas realizadas a traballadores portugueses que desenvolven a súa actidade laboral en Galicia e a traballadores galegos que desenvolven a súa atividade profesional no Norte de Portugal coa intención de aclarar que tipo de barreiras experimentan estes e que factores dificultan a creación dun mercado laboral integrado na  Eurorrexión.

Por que Galicia atrae máis man de obra que o Norte de Portugal? Segundo Pires, en conversa con GC, "os diferenciais de salarios, máis elevados en Galicia, así como a proximidade xeográfica, actuaron como factores de atracción que facilitaron os movementos transfronteirizos de traballadores do Norte de Portugal cara a Galicia diariamente ou semanalmente".

Taxas de desemprego máis elevadas no Norte de Portugal e o diferencial de salarios, máis elevados en Galicia, definiron, para Pires, a orientación dominante dos fluxos de traballadores.

As conclusións desta investigación, salienta a profesora, "están en liña con outros traballos semellantes noutras rexións fronteirizas en Europa (Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo) e encaixan no modelo clásico push-pull de migracións onde a interacción transfronteiriza se alimenta das desigualdades entre os territorios".

Pires salienta. ademais, que tamén existe un movemento de man de obra de Galicia cara a Portugal, mais "de menor dimensión". Neste caso, explica, "trátase de traballadores con niveis de cualificación e de escolarización superiores para cubrir ofertas de traballo na sanidade, por exemplo".

Os traballadores portugueses ocupan en Galicia principalmente prazas de emprego na construción civill, con salarios mesmo por debaixo dos que reciben os galegos.

SEGMENTACIÓN

Existe así unha "segmentación clara do mercado de traballo" entre Galicia e o Norte de Portugal.

"Os traballadores galegos no Norte de Portugal cubriron prazas relacionadas a empregos altamente cualificados e ben pagados, como os servizos de saúde, mentres os traballadores portugueses ocuparon prazas de emprego na construción civil, que non son atrativas para os mozos galegos que, mesmo traballando nese sector, prefiren mudar a outras provincias españolas onde os salarios son máis elevados", detalla a profesora da Universidade Nova de Lisboa.

Esta segmentación, prosegue, "é susceptíbel de dificultar a cohesión territorial e social da Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia, reforzando a diverxencia económica e o foso de desenvolvemento entre as dúas rexións".

Neste senso, Pires advirte de que "unha intensa interacción transfronteiriza (que existe e é visíbel en varias áreas) non sempre conduce á converxencia rexional, como no caso desta Eurorrexión". E engade: "Aínda que ambas as rexións tivesen converxido coa media da Unión Europea durante parte dos anos 2000, a diferenza entre o seu PIB era maior en 2014 do que era en 1995, ou sexa, a fenda de desenvolvemento entre as dúas rexións agravouse neste período".

Que efectos ten todo isto? Para Pires, "a fronteira parece ser uma barreira maior para os galegos", máis remisos a buscar traballo do outro lado da raia que os nosos veciños lusos aquí. Porque "o recente dinamismo económico da Galicia proporcionou emprego, rendementos e un bo nivel de vida" aos galegos, que "só se mostran dispostos a deixar a súa 'zona de confort' e atravesar a fronteira no caso de ofertas de emprego cualificado", argúe a profesora en base aos resultados do estudo.

Mentres, no Norte de Portugal, a profunda crise económica "conduciu ao peche de empresas e a un maior desemprego", o cal crea "un sentimento de 'incomodidade' que, asociado a factores de atracción (a atratividade de Galicia debido ao seu desenvolvemento económico), facilita a decisión de procurar emprego no outro lado da fronteira, mesmo aínda que as condicións non sexan as mellores (ou sexa, salarios máis baixos que os dos seus homólogos galegos, maior inseguridade e discriminación)", subliña a Iva Pires.

En resumo, "os mesmos factores, entendidos de forma distinta, levan ós portugueses a atravesar a fronteira e ós galegos a permanecer na súa rexión", conclúe a profesora.

Diferenzas nos custos do traballo, lexislacións laborais distintas ou diferenzas nos prezos e impostos da enerxía, combustíbel, peaxes e vivenda son barreiras para a integración do mercado de traballo na Eurorrexión.

BARREIRAS

Malia a proximidade xeográfica e cultural, e de ser unha fronteira "moi porosa”, Pires observa que "aínda peristen barreiras que condicionan a mobilidade transfronteiriza de traballadores" na Eurorrexión.

Exemplos desas barreiras, di, son "as diferenzas nos custos do traballo, lexislación laboral distinta, así como outras diferenzas rexionais nos niveis de impostos e custos de vida, como enerxía, combustíbel, peaxes e vivenda".

Algunhas destas barreiras esixen, para Pires, "planos de desenvolvemento territorial integrados e unha estratexia común en ambos os lados da fronteira".

Por exemplo, a partir das informacións das entrevistas realizadas para este estudo, foi posíbel detectar un consenso entre traballadores transfronteirizos de Galicia e do Norte de Portugal, sobre a urxencia de desenvolver un plano de mobilidade integrado, a fin de ofrecer solucións de transporte público transfronteirizo eficiente para facilitar a integración do mercado de traballo na Eurorrexión.

"Todos refiren que mesmo tratándose de traslados reducidos (10-15km) é forzoso usar o vehículo particular, pois non existe oferta de transporte adecuado que sirva ós traballadores transfronteirizos que se desprazan diariamente dentro da Eurorexión Norte de Portugal-Galicia", clarifica Pires.

TRABALLOS PREVIOS

Iva Pires leva anos facendo estudos sobre a fronteira. Coordinou dous proxectos financiados pola Fundação para a Ciência e Tecnologia sobre esta temática: 'IberMint A Integração dos Mercados Ibéricos: um processo dependente e territorialmente diferenciado?', Projecto POCTI/GEO/48477/2002 (2004/08); e 'CB-NET Redes Transfronteiriças de Relações entre Empresas: Norte de Portugal/Galiza e Alentejo-Extremadura', PTDC/CS-GEO/100409/2008 (01-02-2010 a 09-08-2013).

Do primeiro publicou un libro de resumo das conclusións. Do segundo, o libro aínda está en fase de finalización.

Tras este último proxecto, onde estudou sobre todo os fluxos de investimento e a cooperación transfronteiriza, xurdiron, entre outros, unha tese de doutoramento, 'A Cooperación Transfronteiriza como Oportunidade de Desenvolvemento das Rexións de Fronteira. A Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Galiza-Norte de Portugal', na, Universidade do Miño, ademais deste estudo, 'Labour mobility in the Euroregion Galicia–Norte de Portugal: constraints faced by cross-border commuters'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Mariana

La verdad es que en este país es importante que vivan personas de todas las nacionalidades, por el turismo y la riqueza que nos dan. No importa si son de religion politeista o la que sea. Si no vienen a delinquir, bienvenidos sean.

1 Don Pimpón

Cambiamos camareiros por enxeñeiros. Perfecto! Total aquí vivimos do turismo non?