Brigadista: "Para loitar contra os lumes a Xunta prefire a empresas privadas e non ao seu propio persoal"

Traballan só tres meses ao ano xogándose a vida nos peores lumes do ano pero, aínda así, son sinalados por parte da clase política cando hai grandes incendios, como os do pasado outubro. David Fernández, bombeiro forestal e membro de ATRIFOGA, di que non se debe apuntar cara a eles, senón cara un dispositivo de loita contra os lumes que "non está dimensionado". "Nós tamén sentimos rabia, dor, tristura pola falla de coordinación", apunta. "O problema dos incendios sófrese, agora, en calquera época do ano", indica nesta entrevista na que acusa á Xunta de non ter o modelo adecuado para facer fronte a esta situación.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 09/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) constituiase o 5 de novembro 2016. E, desde entón, xa conta con 436 traballadores do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais) que só prestan os seus servizos tres meses ao ano.Precisamente, naceu ante o desamparo ao que están sometido este colectivo fronte á Administración por mor dunha modalidade de contratación que os limita a traballar só nos meses do verán, sen poder facer substitucións no propio SPDCIF o resto do ano e sufrindo, denuncian, "desprotección e inconvintes" para o acceso a outros empregos ou a axudas sociais.

Traballadores de Atrifoga sofocando un lume
Traballadores de Atrifoga sofocando un lume | Fonte: Atrifoga

Nesta entrevista, David López Fernández, bombeiro forestal e membro de ATRIFOGA,  denuncia a precariedade, inestabilidade e desigualdade que supón estar nesa situación de incerteza laboral, excluídos do Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia. Así, avoga por un servizo único, igualitario e público .

Pouco máis dun ano como asociación, loitando pola dignificación do voso traballo, que conseguichedes nestes doce meses?
Como ben dis, hai un ano da constitución de Atrifoga, e dende entón non se pararon de facer esforzos de cara a mellorar e dignificar a situación laboral dos/as traballadores/as que prestan os seus servizos tan só durante tres meses ao ano como persoal propio da Xunta de Galicia, formando parte do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais). Neste senso levouse a cabo unha campaña de visibilización do colectivo e da súa problemática tanto en prensa coma en redes sociais; houbo reunións coa Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e coa Dirección Xeral de Función Pública para achar solución tanto á nosa problemática como á situación recurrente dos lumes en Galicia; tiveron lugar xuntanzas cos diferentes grupos parlamentares, foron presentadas varias PNL (proposicións non de lei) no Parlamento de Galicia e formuladas preguntas no Parlamento Europeo expoñendo a situación, totalmente inxusta, do persoal ao que representa Atrifoga; participouse en roldas de prensa e manifestacións con traballadores/as doutras Consellerías e con outros colectivos que defenden ao SPDCIF (coma é a asociación Apropiga) amosando unha gran solidariedade connosco na defensa dun servizo público; houbo encontros e conversas con organizacións sindicais, comunidades de montes, asociacións forestais e grupos ecoloxistas. Se ben, polo de agora, toda a loita levada a cabo non deu os froitos agardados, atopándonos cunha Consellería pouco dialogante que non mostra interese por dar solucións a un colectivo que, desgrazadamente, ano tras ano, se xoga a vida na loita contra os lumes forestais tan só na tempada de verán, quedando desprotexido laboral e socialmente o resto do ano.

"O problema dos incendios, na actualidade, sófrese en calquera época do ano"

Pero credes que a sociedade xa é consciente dos vosos problemas?
Cremos que, dende a creación de Atrifoga, se deu bastante visibilidade á nosa problemática. O que ocorre é que a sociedade, a día de hoxe, e tendo en conta que o cambio climático é unha realidade -xerando secas intensas combinadas con chuvias torrenciais- segue a crer, maioritariamente, que os lumes forestais só existen no verán cando saen nos medios de comunicación. E iso é un pensamento errado. O problema dos incendios, na actualidade, sófrese en calquera época do ano e, ademáis, tras os lumes hai moitos problemas engadidos como perda de biodiversidade, erosión do solo, arrastre de cinzas e terra aos ríos, manantiais e rías, contaminación, vías de comunicación intransitables, danos no patrimonio etnográfico e arqueolóxico, etc. A sociedade é consciente que no medio rural hai moito traballo que facer, sobre todo en tarefas preventivas, e para iso fai falta persoal, pero a Consellería, non se sabe ben o por que, prefire facer encomendas de xestión a empresas públicas e privadas e prescindir do seu propio persoal que aportaría capital humano que, deste xeito, está sendo infrautilizado.

Xustamente chega este aniversario nun momento triste, logo dunha terrible vaga de lumes. Como traballador do dispositivo contra incendios, como viviches estas xornadas?
Este ano resultou especialmente dramático na loita contra o lume. Quedan miles de hectáreas arrasadas e o falecemento de catro persoas, ás cales como colectivo nos unimos na perda. Como traballador, sempre que ocorre algún suceso deste tipo a sensación de impotencia é inmensa. Sintes dor, rabia, desolación, tristura, esgotamento, perda… Moitas sensacións mesturadas difíciles de transmitir nunha entrevista. Foron días de loita sen tregua, nos cales cada un/unha demos o mellor de nós para evitar que os danos fosen maiores e cremos que o conxunto do SPDCIF estivo á altura das circunstancias. Tamén hai que dicir que se viviron momentos de desbordamento, pouca seguridade e falta de coordinación motivados, en parte, pola falta dun dispositivo ben dimensionando e preparado xa que a Consellería mantén multitude de entes públicos e privados participando en extinción e isto non axuda á hora de organizar o traballo.

E como é posible que en Galicia, periódicamente, acontezan catástrofes como esta?
En Galicia existen características estruturais e particulares que, dun ou doutro xeito, poden favorecer, chegado o momento, catástrofes deste tipo. Temos unha climatoloxía que propicia o crecemento vexetal rápido e fai que teñamos moita superficie “sen aproveitar” cuberta por matogueira, que resulta difícil de xestionar; a singular orografía; a ausencia de políticas forestais e de ordenación de usos; o abandono nas últimas décadas dos usos tradicionais do monte para agricultura e gandería; a continuidade das repoboacións forestais e escaseza de cortalumes naturais (prados, terras de labranza, masas de frondosas…); o descenso de habitantes e poboación envellecida no medio rural; as plantacións forestais desordeadas con especies, nalgúns casos, non demasiado axeitadas; a existencia dun alto grao de minifundismo; a ausencia dun desenvolvemento urbanístico planificado; o uso tradicional do lume por parte da poboación; a pouca (ou ningunha) valorización do monte pola cidadanía; etc.
En definitiva, multitude de factores que interaccionan e que debemos atallar, de xeito multidisciplinar, se queremos dar solución á problemática dos lumes forestais. É a Administración, xunto con todos os actores que participan activamente no ámbito forestal (propietarios, comuneiros, asociacións forestais, ecoloxistas, industria forestal, SPDCIF, gobernantes, partidos, sindicatos...) e toda a poboación en conxunto, quen debe abordar con ambición o problema e implicarnos como sociedade, para facer un rural vivo e  sen lumes.

"Todos os estudios din que non existe trama incendiaria"

Un brigadista loita contra o lume no Xurés
Un brigadista loita contra o lume no Xurés

Entón existen tramas incendiarias, como di a Xunta?
Evidentemente non. Todos os estudos feitos dende os corpos de investigación (Brigadas de Investigación Forestal, Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil e Policía Autonómica), as comunidades científicas coma a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), investigadores e docentes das Universidades, xefes de distritos forestais e, mesmo, o Fiscal Superior do TSXG e a Fiscalía do Medio Ambiente en Galicia, descartan a existencia de tramas incendiarias organizadas. Sinxelamente, os políticos que nos representan, para transmitir tranquilidade á poboación, recorren a elucubracións deste tipo con referencias ao “terrorismo incendiario”. A causalidade dos lumes en Galicia é múltiple (neglixencias nas queimas, conflitos entre propietarios, desputas polos lindes, rivalidades, vinganzas, renovación de pastos, intereses cinexéticos, vandalismo, pirómanos,...)

Hai xeito de combatir esta situación?
O xeito de combater esta situación ten que abranguer moitos aspectos pero, sen dúbida o máis importante son as tarefas preventivas e, neste punto é onde hai que aproveitar o potencial do persoal temporal.

E hai algún xeito de que vós, o voso colectivo, contribúa a unha solución?
Pois un aumento do tempo de traballo adicándose a manter faixas de protección arredor de edificacións e núcleos rurais, mantemento de vías forestais en boas condicións, tarefas de recuperación de áreas queimadas, vixianza e disuasión fronte aos incendios forestais, mantemento de puntos de auga e infraestruturas, realización de queimas prescritas, apoio ao corpo de axentes facultativos medioambientais na aplicación das normativas de distancias de plantacións, participar en campañas de  divulgación, sensibilización e concienzación á cidadanía - para maiores e cativos - sobre o risco e as consecuencias dos lumes forestais, e múltiples actividades máis. Consideramos necesario o noso traballo e que podemos aportar moito para a solución do problema.

Tamén houbo voces que sinalaron aos brigadistas como responsables da vaga de outubro. Por que cres que hai quen apunta cara a vós?
Na opinión pública sempre hai voces que apuntan cara ao persoal de extinción como responsables dos lumes. Desgrazadamente, deuse algún caso puntual de persoas do colectivo (ou xente vinculada ao mesmo) que provocaba lumes pero de ningunha maneira se pode xeralizar nin criminalizar a todo un gremio pola acción irracional e irresponsable dalgún dos seus membros. Dende Atrifoga condénase públicamente toda acción malfeitora de provocar lumes forestais e compartimos que este tipo de condutas nunca deben quedar impunes. Cómpre reforzar os corpos de investigación e facilitar a colaboración cidadá para perseguir aos culpables e que se cumplan as penas.

Precisamente unha das cuestións que sempre se poñen enriba da mesa é se os traballadores de incendios forestais de Galicia son bombeiros. Sodes ou non sodes bombeiros?
Efectivamente. Somos bombeiros/as forestais dende comezo deste ano que a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais asinaron un acordo no cal se establece un cambio de denominación. Se ben hai categorías como a de vixiante fixo, técnico forestal de defensa contra incendios, emisorista… que, erróneamente, non foron obxeto de modificación cando tamén son parte indispensable do dispositivo.

E cales son entón as vosas funcións?
As funcións, como é lóxico, van en relación coa categoría da que se trate e establécense no Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia e no Pladiga. De xeito xeral, as funcións van dende a vixianza, detección, comunicación e seguimento dos lumes ata a propia extinción, con todas as tarefas que leva aparelladas de coordinación, manexo de vehículos e de maquinaria, uso de cartografía, emprego de redes de comunicación, transferencia e codificación de datos… pero, ademais, o mantemento de infraestruturas, tarefas preventivas, labouras administrativas… E, coa entrada en vigor da Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil, tamén se nos atribúen competencias para actuar en catástrofes, accidentes, temporais e outras emerxencias no medio rural.  Só falta vontade para que a Consellería nos faga partícipes nestas actuacións, aproveitando o coñecemento do terreo e a especialización no eido rural, e desenvolva protocolos de actuación nestas situacións, e de formación a través da AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) como se ven demandando.

"Pedimos traballar tamén en extinción e non só apagando lumes"

Entón teredes problemáticas diferentes, especialmente, a temporalidade. Tras meses de loita hai avances neste tema?
A temporalidade e precariedade son as nosas maiores preocupacións e nelas radican outros problemas asociados (dificultade para percibir subsidios por desemprego, imposibilidade case total para facer substitucións ou para traballar noutros postos da Xunta de Galicia, desprotección social, etc.). Este ano traballamos catro meses: xullo, agosto e setembro como é habitual; e logo, en plena vaga de lumes, fomos incorporados, de xeito urxente, dende o 10 de outubro ao 12 de novembro. Porén, dende Atrifoga esíxese un aumento de tempo de traballo anticipado levando a cabo traballos máis aló da extinción, sen ter que estar á expectativa do lume que, tristemente, arrasa os bens e as vidas de toda a sociedade galega e causa graves efectos ecolóxicos, económicos e sociais.

Durante a vaga de lume moitos brigadistas se queixaron de que foron contratados tarde. Que habería que facer para evitar esta situación?
No noso caso fomos chamados urxentemente para reincorporarnos aos postos de traballo, despois de ser despedidos, tendo en conta a seca existente. As prediccións meteorolóxicas apuntaban a que ía manterse o tempo seco, con altas temperaturas e baixa humidade, e anunciaban a chegada dos restos dun furacán con ventos de ata 120 km/h. O persoal das empresas públicas Seaga e Tragsa tamén era despedido e moitas brigadas e condutores de autobomba municipais xa remataran as súas contratacións.
Asemade, o temor da Consellería do Medio Rural ás responsabilidades políticas e á repercusión na opinión pública, coidamos, determinou o feito de volver a contar co dispositivo ao cen por cen.
O que se ven denunciando é a necesidade urxente dun cambio de modelo na loita contra o lume, coa contratación anticipada do persoal e cunha planificación axeitada baseada na prevención e na atención ás emerxencias rurais para que estas situacións poidan ser evitadas ou minimizadas, tendo “feitos os deberes” antes da aparición do problema.
 
Cales son os retos futuros de ATRIFOGA?

A mellora da situación laboral na que nos atopamos, dende o ano 2012, vencellados a unha modalidade de contratación temporal, precaria, inxusta e desigualitaria. Coidamos que o SPDCIF, creado nos anos 90, requiere unha restruturación e esta ten que pasar, inexcusablemente, pola integración do persoal temporal, tanto de 3 coma de 9 meses, nun único dispositivo público que traballe todo o ano como servizo de interese xeral que é, velando pola seguridade cidadá, a defensa das masas forestais e  o medio ambiente. Unha reestruturación que adapte o dispositivo ao novo escenario dos lumes forestais (desestacionalización do risco de incendios, vulnerabilidade das zonas periurbanas fronte a lumes de interface urbano-forestal, grandes incendios forestais que colapsan os servizos de extinción e xeran situacións multiemerxencia…) e ás novas funcións que a lexislación atribúe ao Servizo como corpo de emerxencias no ámbito rural.  
Seguirase traballando en dar a coñecer a situación, en demandar da Administración a optimización na xestión dos recursos públicos que revertan nun SPDCIF exemplar e profesionalizado, atopando solucións para todo o colectivo que conforma o Servizo e, en definitiva, ao grave problema que supoñen os lumes forestais en Galicia.

David López, membro de Atrifoga
David López, membro de Atrifoga
Bombeiros Forestais de Atrifoga nun incendio
Bombeiros Forestais de Atrifoga nun incendio | Fonte: Atrifoga
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Anti...

Quen tivera cartos pra agasallar aos xestores públicos con botellas de Vega Sicilia e levar contratos a dedo.

1 Ai si oh

Quen tivera contratos a dedo para poder comprar botellas de Vega Sicilia!!! Se o 99% da xente estivera en disposición de acadar un contrato deses non chegaban as caixas que houbera na adega!!! Demagogos que sodes todos....