Poderá algún día o Sáhara Occidental liberarse da ocupación de Marrocos?

A xustiza europea recoñece que a UE non pode asinar acordos co país alauí que afecten aos recursos saharauis. LidIa Senra esíxelles ás autoridades europeas que respecte as conclusións do TXUE.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Pequena gran vitoria para o Sáhara Occidental, un país ocupado por Marrocos logo dunha longa colonización española que permitiu aos marroquíes apoderarse deste país. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) acaba de sinalar que o Acordo de Pesca asinado en 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non pode en ningún caso ser aplicado ao Sáhara Occidental nin ás augas adxacentes. “O TXUE está a darlle a razón ao pobo saharauí reiterando que este Acordo de Pesca estase a aplicar ilegalmente nun territorio ocupado, en contra do Dereito Internacional e impedindo que o Sáhara Occidental dispoña libremente dos seus recursos naturais”, dixo a este respecto a eurodeputada galega Lidia Senra, representante suplente para o GUE/NGL na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

campamento saharaui destruído por Marrocos
campamento saharaui destruído por Marrocos

As conclusións feitas públicas este mércores polo avogado xeral da UE, paso previo dunha futura sentencia, “constitúe unha nova vitoria do pobo saharauí fronte aos acordos que a UE asina cun país ocupante como é Marrocos, acordos ilexítimos que teñen que acabar xa”.  De feito, Senra entende que o avogado xeral da UE “é moi claro ao establecer que a explotación pesqueira por parte da Unión das augas adxacentes ao Sáhara Occidental, instaurada e aplicada polos actos impugnados, non respecta o dereito á libre determinación do pobo saharauí”. 

O PAPEL DA UE

Está previsto que proximamente comecen as negociacións para renovar o acordo de Pesca entre a UE e Marrocos, que vence nuns meses. “Que agarda a Comisión Europea para poñer fin a esta situación? A aplicación deste acordo é ilegal e a UE non pode seguir escudándose nel nin seguir tratando a Marrocos como interlocutor no referente aos territorios ocupados do Sáhara Occidental”, apremiou a eurodeputada galega nun comunicado.

Senra, que xa o ano pasado denunciou a explotación ilegal dos fosfatos saharauís polo Reino de Marrocos e foille impedida a entrada, xunto a outras eurodeputadas, a El Aaiún no curso dunha visita a colectivos e activistas saharauís, lembra que esta non é a primeira vez que o TXUE tumba acordos comunitarios con Marrocos por aplicarse ilegalmente ao territorio e aos recursos do Sáhara Occidental. De feito, en decembro de 2016 unha sentencia do TXUE declarou que o Acordo de Asociación de 1996 e o Acordo de liberalización en materia de produtos agrícolas, pescado e produtos de pesca de 2012 non podían aplicarse ao Sáhara Occidental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta