Temas: EXPORTACIóN

Abismo na balanza comercial da Galicia atlántica e a do interior

A Coruña e Pontevedra suman case o 94% das exportacións, que volveron crecer o pasado ano. O sector de manufacturas de consumo consolídase como o principal motor das exportacións galegas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/01/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

As exportacións están puxando da balanza comercial galega. Así, e segundo os datos publicados no Informe Mensual de Comercio Exterior de Galicia que elabora a Dirección Territorial de Comercio e ICEX en Galicia, durante o período de xaneiro a outubro do ano 2017 mantense cunha taxa de crecemento en torno ao 10%. Exportáronse bens por un valor de 17.811,02 millóns de euros; mentres que as importacións contabilizaron 14.168,30 millóns. 

Exportacións de mercadorías galegas desde Vigo
Exportacións de mercadorías galegas desde Vigo

Por tanto, o superávit comercial rexistrou un valor de 3.642,72  millóns de euros, situándose a taxa de cobertura no 125,71%; o que mantén a Galicia no segundo posto entre as CCAA con máis superávit comercial (só por detrás do País Vasco).

DIFERENCIAS

Con todo, a fenda entre a Galicia atlántica e a Galicia do interior increméntase. A análise por provincias, en consonancia coa estrutura sectorial, mostra a concentración do comercio exterior de Galicia nas provincias da Coruña e Pontevedra.  En concreto, na vertente exportadora, A Coruña xerou o 50,53% e Pontevedra o 42,31%, mentres que Ourense e Lugo contribuíron co 3,88% e 3,28%, respectivamente. 

Destaca especialmente o incremento do peso da Coruña, non só en Galicia, senón tamén no conxunto da exportación española, onde se consolida como a cuarta provincia con maior achega, só por detrás de Barcelona, Madrid e Valencia, tradicionalmente nos primeiros postos.

Os sectores económicos con maior peso na exportación foron: manufacturas de consumo (30,92%; achegando o sector téxtil-confección case 27 puntos); automóbiles (16,23%), bens de equipo (14,86%, no seu maior parte, correspondentes a vehículos de transporte de mercadorías por estrada e buques), alimentación (13,51%; destacando os produtos pesqueiros con case 10 puntos); e semimanufacturas (12,59%; principalmente do grupo metálico e químico).  En conxunto, estes cinco  sectores superan o 88%  das exportacións galegas. Tamén ten un importante crecemento o sector téxtil con cotas de crecemento interanual superior ao 10%. 

MERCADOS

A UE sigue sendo o mercado referencial, ao concentrar case o tres cuartas partes da exportación galega, tendo como clientes principais a Francia (18,70% do total da exportación de Galicia), Portugal (12,54%), Italia (9,07%), Reino Unido (6,49%), Alemaña (6,21%), Países Baixos (4,59%), Bélxica (3,77%) e Polonia (2,97%). Tamén aumentaron a outros países comunitarios como Grecia, Romanía, Suecia e Irlanda (con cotas entre case o 2% e o 1%).  

 

Fóra da UE, Marrocos mantense como principal mercado  ( co 3,86% da exportación de Galicia e 8º país destino das exportacións); séguenlle Estados Unidos (2,74%), Turquía (2,49%), México (2,09%), Arxentina (0,97%), China (0,88%) e Noruega (0,83%).

Temas: EXPORTACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta