Temas: TURISMO

Surf e rutas en coche, as apostas de Galicia para pomocionarse en Fitur

A Xunta presenta Galicia como un destino "acolledor" e con propostas "novas" e "sustentables", durante a Feira Internacional de Turismo que cada ano se celebra en Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

Propostas para descubrir Galicia a través do surf ou mediante 25 rutas en coche son algunhas das novidades que este ano leva a Xunta á Feira Internacional do Turismo (Fitur), que se celebra cada ano en Madrid. A directora de Turismo, Nava Castro, explicou que Galicia se presenta nesta 38º edición con ideas "novas" e "sustentables" para todo o territorio, que converten o país nun destino "acolledor" para os visitantes.

A directora xeral de Turismo,  Nava Castro, no Pazo de San Lourenzo.
A directora xeral de Turismo, Nava Castro, no Pazo de San Lourenzo. | Fonte: Europa Press

Na presentación da programación, este xoves no Pazo de San Lourenzo (Santiago), Nava Castro incidiu en que os "produtos" deseñados polo Goberno galego para formar parte dos expositores de Fitur "apostan por un turismo diferenciado e de calidade", creado "con imaxinación" para "gozar sen présas".

Neste sentido, a directora de Turismo comentou que se trata dunha "oferta ampla", que abarca tanto "o interior" como "a costa". Ademais, trátase dunha "aposta respectuosa co medio ambiente", cuxo principal obxectivo é "pór en valor os recursos" galegos.

Castro destacou que a oferta desta edición "percorre as catro provincias" e mestura a "Galicia azul" (mar) e a "Galicia verde" (terra), así como o patrimonio natural e o cultural.

Durante o acto, a responsable de Turismo centrou a atención nas dúas candidaturas a Patrimonio Mundial da Unesco representadas polas Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra. Tamén destacou o 25 aniversario do Camiño de Santiago no contexto de celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural e do próximo Xacobeo 2021.

'GALICIA, O BO CAMIÑO'

Todas as iniciativas e proxectos presentados pola Xunta para esta 38º edición de Fitur exporanse na 'caseta' de Galicia, situado no pavillón 9 de Ifema, entre o mércores 17 e o domingo 21 de xaneiro. Os tres primeiros días da feira estarán enfocados a profesionais e a fin de semana abriranse as portas para o público xeral.

A directora de Turismo comentou que, nesta ocasión, o expositor de Galicia está "inspirado nun pazo" entendido como "fogar" e redeseñado baixo "parámetros actuais" que aúnan "tradición e modernidade". Segundo Nava Castro, trátase de transmitir a idea de que "os galegos son acolledores e hospitalarios".

A 'caseta' estará composta por varios módulos informativos: Galicia Xeral, Establecementos 'Q' de Calidade, Camiño de Santiago, Natureza, Gastronomía, Festas, Entroido, Experiencias, Cidade da Cultura de Galicia, as catro provincias cos seus xeodestinos, as sete grandes cidades, Mundo Náutico, Mananciais e Clúster Turismo de Galicia, entre outros.

Baixo a lema 'Galicia, o bo Camiño', a proposta turística galega preséntase nunha feira que é "punto de encontro global para o sector", en palabras da responsable autonómica.

Así, na pasada edición, participaron en Fitur case 245.000 persoas, 135.000 delas profesionais do sector. Trátase dunha das 40 feiras internacionais nas que a Xunta participará ao longo do ano 2018.

PRODUTOS ASOCIADOS AO MAR E Á NATUREZA

Entre os "novos produtos" que se darán a coñecer en Fitur 2018, Nava Castro sinalou a iniciativa 'Galicia Surfing', que identifica un cento de praias aptas para o surf. Así, comentou que se trata de "propostas de viaxe para coñecer recursos asociados ao mar".

Outro dos proxectos nos que incidiu a directora de Turismo da Xunta é o 'Club da auga', unha marca na que se integra a Ruta dos Faros de Galicia, a Travesía Náutica Xacobea, a Ruta do Miño e os balnearios.

Ás anteriores iniciativas súmase, como indicou Castro, 'Escenarios ao volante', unha elección das 25 "mellores rutas" do territorio galego, que "suman máis de 900 quilómetros" e "atravesan 110 concellos" nos que se localizan 50 miradoiros.

Finalmente, Turismo tamén insistiu na necesidade de "explotar os recursos naturais" de forma "responsable", con 'Experiencias nos seis parques naturais', oferta de turismo "sustentable" e "activo" que inclúe rutas ornitolóxicas, fotográficas, sendeirismo, ciclismo, equitación ou visitas a covas, entre outros atractivos.

PROMOCIÓN DO CAMIÑO ANTE O XACOBEO 2021

Polo que respecta ao Camiño de Santiago, Nava Castro destacou o ciclo de concertos 'O son do Camiño', un festival de música que "servirá de antesala" ao Xacobeo 2021, na súa opinión. O festival celebrarase no "renovado" Parque Monte do Gozo (Santiago) e estará composto por un programa de concertos con artistas internacionais.

Neste sentido, ademais desta iniciativa, a promoción do Camiño fomentarase a través do 25º aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio Mundial e da conmemoración dos 20 anos "de amizade" entre a Ruta Xacobea e a ruta Kumano Kodo de Xapón, tal e como sinalou a directora de Turismo.

Nava Castro tamén expuxo "diversos paquetes" para peregrinos con discapacidade e para o "turismo sénior", no marco do proxecto europeo 'Saber Universal'.

Temas: TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta