Temas: BNG XUNTA FEIJóO AVE

O Estado só inviste en Galicia o 16% do que promete nos Orzamentos

O BNG reclama ao Goberno central un plan de investimentos extraordinario, que recolla os máis de 1.000 millóns que deixou sen executar en Galicia, para “acabar coa marxinación constante” que sofre o país. Ana Pontón denuncia que a comisión de control anunciada por Feijóo so "serviu para dar un titular".

Por E.P. | Compostela | 11/01/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reclama un plan de investimentos extraordinario do Estado que inclúa os máis de 1.000 millóns de euros que non se executaron en Galicia e que permita "acabar coa discriminación e marxinación constante" que sofre o territorio, con "incumprimentos" e anuncios que quedan "en papel mollado". Así o sinalou nunha comparecencia este xoves, na que tamén considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "debería ser o primeiro interesado en poñese á fronte desta reclamación".

A portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón
A portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Pontón compareceu publicamente para avanzar o grao de execución orzamentaria das contas estatais con respecto a Galicia no primeiro semestre do ano pasado, en comparación con outras anualidades. En suma, denunciou que esta execución se atopa "baixo mínimos", cun 15,9% no primeiro trimestre (16 de cada 100 euros dos previstos), nun ano xa caracterizado polo "recortazo" de 442 millóns nos investimentos do Estado en  Galicia, ata un 32%.

A deputada nacionalista advertiu de que estas cifras converten estes orzamentos "en papel mollado", dado que "de nada serven os anuncios" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, se despois "non se executan" os investimentos.

Así mesmo, o grao de execución en 2016 respecto de Galicia situouse no 54%, polo que "46 de cada 100 euros anunciados quedaron en nada". En contraste, a media de execución orzamentaria a nivel estatal ascendeu ao 108 por cento, que achacou ás "consecuencias" da "irrelevancia política" á que Feijóo conduce a Galicia.

"DÉCADAS DE ATRASO"

Ana Pontón advertiu de que a situación é "especialmente grave" ao observar as cifras relativas ao Ministerio de Fomento, cun grao de execución "moi inferior" en Galicia respecto ao conxunto do Estado. Este nivel de execución situouse no 80,8% en 2015, o 47% en 2016 e no 16,2% no primeiro semestre de 2017, mentres que a media estatal rexistrou un 107%, 89% e un 54,7% de media, respectivamente.

Por todo iso, Pontón considerou que "non fai falta ser adiviña nin premio Nobel" para entender as "décadas de atraso" respecto ao AVE ou a situación do ferrocarril en Galicia, con liñas propias "do século XIX".

"Con estes datos, moito me temo que estamos ante as portas dun novo incumprimento dos prazos da AVE", vaticinou, dado que o investimento de ADIF situouse sobre o 40% en 2015 e no 28,7% en 2016.

Así, tendo en conta só os recursos previstos en obras da AVE, deixáronse de investir case 1.000 millóns de euros no bienio 2015-2016, mentres outros territorios "levan décadas gozando da modernización do ferrocarril".

Tamén reprochou o "deixamento absoluto" nas tarefas de mantemento e renovación destas liñas, dado que Renfe Operadora deixou de investir o 94% do previsto nese mesmo bienio, o que supón unha perda para Galicia duns 40 millóns de euros.

COMISIÓN DE CONTROL

Pontón tamén lembrou a comisión de control dos orzamentos do Estado anunciada por Alberto Núñez Feijóo en abril de 2017, que "só serviu para dar un titular ao día seguinte", solicitando un plan de investimentos extraordinarios que compense os "incumprimentos" do Goberno central en materia orzamentaria.

Neste sentido, ve "importante" impulsar unha "posición de país" en defensa dos intereses dos galegos, e preguntouse se Feijóo condicionará os votos dos deputados populares en Madrid respecto das contas de 2018 a un "trato xusto" con Galicia ou se apostará por "servir a Rajoy".

Temas: BNG XUNTA FEIJóO AVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta