Temas: MúSICA PORTUGAL

Nace a Associaçom José Afonso - Galiza

O obxectivo é divulgar en Galicia o legado do autor de 'Grândola, Vila Morena', símbolo da Revolución dos Caraveis, ademais de promover ao sur do Miño a realidade social e cultural galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A Associaçom José Afonso - Galiza inicia a súa traxectoria para dar a coñecer o labor deste artista que contribuíu a popularizar reivindicacións políticas e sociais coa súa música e acadou sona mundial con mensaxes que transcenden a fronteira do tempo.

Testemuño da primeira xira por Galicia de Zeca Afonso (dereita), xunto co cantautaro galego Benedicto Garcia Villar, en 1972
Testemuño da primeira xira por Galicia de Zeca Afonso (dereita), xunto co cantautaro galego Benedicto Garcia Villar, en 1972 | Fonte: www.aja.pt.

Esta asociación, conformada como un núcleo da AJA-Portugal, ten previsto un completo programa de actividades para o sábado 27 de xaneiro en Santiago de Compostela que inclúe unha palestra, unha exposición e un concerto homenaxe onde actuarán artistas con ligazón ao Zeca Afonso.

José Afonso —coñecido como Zeca Afonso ou simplemente Zeca— teceu unha forte relación con Galicia, tanto nos seus concertos no noso país e nas amizades que cultivou, como na comprensión do feito popular e nacional da Galicia. Foi el quen dixo para os seus compatriotas "a Galiza não fica no Minho!".

O recoñecemento da situación política non foi o único que levou do noso país José Afonso, que estendeu as raíces musicais populares na base dos seus traballos musicais en Portugal.

Di a memoria colectiva que foi nun concerto multitudinario do 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela, cando se interpretou por vez primeira Grândola, vila morena, a canción que o MFA usou, improvisadamente, como sinal para confirmar a súa Revolución en abril de 1974.

Nin a presión da ditadura de Salazar en Portugal contra un dos seus cantores máis populares, coa policía política a prohibir concertos e recitais e mesmo a deter o músico en diversas ocasións, nin a equivalente presión do franquismo en España contra a música de protesta galega, con resultados semellantes, puideron impedir que a música de intervención se recoñecese polo mundo adiante.

En 1977 celebrouse o Festival dos Pobos Ibéricos na Coruña, organizado entre outros por Xico de Cariño, coa participación do Zeca Afonso, onde volveu en 1984. En 1981, José Afonso cantou no Auditorio de Castrelos de Vigo, onde catro anos despois, Benedito e outros músicos organizaron a maior homenaxe á figura do seu amigo: o 31 de agosto de 1985, 20.000 persoas ocuparon de novo aquel auditorio durante máis de 12 horas continuadas para acompañar decenas de músicos, poetas e escritoras, nun tributo a un Zeca gravemente enfermo.

A morte de José Afonso en 1987 tampouco derrubou as pontes sobre o Miño, pois as homenaxes a Zeca continuaron cos Cantos na Maré, o Ponte… nas Ondas! e, agora, as actividades da AJA-Galiza contribuirán á herdanza desa universalidade que o Zeca sementou.

Temas: MúSICA PORTUGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta