Temas: SERGAS DOAZóNS

Galicia alcanza a maior cifra de transplantes de órganos na súa historia

En comparación co ano 2016, a cifra de transplantes creceu case un 14% o pasado ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2018 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) conseguiu no pasado ano 2017 unha cifra record de 340 transplantes de órganos nos seus hospitais, a cifra máis elevada desde que se iniciou a actividade deste tipo en Galicia hai case 40 anos. Así o deu a coñecer este venres a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, que presentou acompañada de representantes do Sergas os datos de doazóns relativos ao último ano.

ADOS transplantes órganos
ADOS transplantes órganos | Fonte: Europa Press

En concreto, do total de transplantes realizados en Galicia, 160 foron de ril —dos cales 31 procedían de doante vivo—, 105 de fígado, 1 de páncreas, 26 de corazón e 48 de pulmón. Desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, até o 31 de decembro de 2017, levan feitos en Galicia un total de 7.585 transplantes de órganos.

En comparación co ano 2016, a cifra de transplantes realizados en Galicia creceu case un 14%. Fíxoo nos transplantes de ril, que pasaron de 135 a 160; nos de fígado, de 91 a 105; e de pulmón, de 39 a 48. No entanto, diminuíron os de corazón, de 29 a 26; e os de páncreas, de 5 a 1.

No 2017, Galicia rexistrou un importante peso do transplante de ril de doante vivo, que se incrementou até un total de 31. Desde 2001, realizáronse 279 transplantes neste apartado, o que supón que o 19,4% do total de transplante de ril en Galicia procede de doante vivo.

DOANTES

O número de doantes de órganos cadáver en Galicia situouse en 113 (64 na provincia da Coruña, 6 na de Lugo, 7 na de Ourense e 36 na de Pontevedra); o que supón que Galicia rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio: 41,9 doantes por millón de habitantes.

No relativo ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (77%), sendo a porcentaxe de doantes por accidente de tráfico de tan só un 3%. Con respecto á idade media do doante, foi de 62 anos.

A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2017 nun 21,5%, unha das cifras máis baixas desde o inicio da actividade de transplantes e sete puntos por baixo do ano anterior. Isto, dixo Marisa López, supón que oito de cada 10 familiares aceptan a doazón, unhas cifras que eloxiou.

Actualmente, Galicia conta con 107.649 persoas con tarxeta de doante, das que algo máis de 4.000 se realizaron durante o ano 2017, un crecemento do 37,6% con respecto exercicio precedente.

No que se refire á doazón de medula ósea, Marisa López destacou que Galicia conseguiu en 2017 o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.499 novos doantes. Deste xeito, o país conta con máis de 9.000 doantes de medula ósea rexistrados, o que supón un incremento do 20% desde a posta en funcionamento do Plan Nacional.

PROGRAMA EDUCATIVO

A Coordinación Autonómica de Transplantes de Galicia realizou 103 charlas a escolares no curso académico 2016-2017 para fomentar a doazón, nun total de 85 centros educativos de 45 concellos. Nestas actividades tomaron parte un total de 5.307 escolares.

Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abarcou a 14 centros con 773 escolares e 47 profesores. A este programa, indicou a directora da entidade, engádense as visitas guiadas ás instalacións de ADOS nas que tomaron parte 19 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 615 estudantes.

Ademais, convocouse, no pasado curso, o II Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, no que participaron cinco traballos elaborados por 12 estudantes universitarios; así como o V Concurso de Curtametraxes sobre doazón e transplante, no que tomaron parte 59 alumnos de 11 centros procedentes de oito concellos diferentes.

Do mesmo xeito, continuouse co programa de formación especializada en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia. Mediante o desenvolvemento de tres seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón e sete cursos sobre proceso de doazón e transplantes, ofreceuse unha formación "altamente especializada" a 232 profesionais sanitarios.

Temas: SERGAS DOAZóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta