O 44% dos controis de drogas a condutores dan positivo

Galicia pecha 2017 con 76 falecidos nas estradas, un 28% menos que o ano anterior e a cifra máis baixa das rexistradas no país na serie histórica. En máis dun 30% dos accidentes mortais non se facía uso do cinto.

Por E.P. | A CORUÑA | 12/01/2018 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

O número de mortos en accidentes de tráfico baixou o ano pasado nas estradas galegas dos 106 de 2016 até un total de 76, o que supón unha redución do 28% fronte a un incremento a nivel estatal do 3%. O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, acompañado polo xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, o tenente coronel Francisco Javier Molano, presentou este venres os datos de accidentalidade en 2017, que reflicten a cifra máis baixa desde que hai rexistros das vías galegas.

Imaxe de arquivo dun control de alcholemia.
Imaxe de arquivo dun control de alcholemia. | Fonte: GC

Segundo eses datos, aínda que se incrementou un 2% o tráfico, puidéronse reducir as vítimas mortais; no entanto, Villanueva advertiu de que en máis dun 30% dos accidentes mortais, non se facía uso do cinto de seguridade.

Nas estradas contabilizáronse 76 vítimas mortais, fronte ás 106 de 2016. Trátase da cifra máis baixa rexistrada no histórico de Galicia, onde no ano 2000 chegouse aos 380 falecidos. Por provincias, A Coruña sumou 33; Lugo tivo 16; Ourense, sete; e en Pontevedra foron 20.

ALCOHOLEMIA E DROGAS

O 81% dos accidentes mortais produciuse en estradas convencionais, e o sinistro máis recorrente foi a saída de vía, seguida polo choque frontal. Dos 76 falecidos, 10 foron peóns atropelados en vías interurbanas e 14, condutores de motocicleta.

Ao longo do ano acentuáronse os controis de alcoholemia, con case 800.000 probas e 11.000 denuncias; mentres que no caso de drogas efectuáronse 8.321 test dos que derivaron en denuncia 3.680 casos, ata un 44% do total. No ámbito da velocidade, foron denunciados 139.611 vehículos dos 4.244.493 revisados.

Santiago Villanueva destacou que "en 2018 seguirase traballando para manter e reducir estas cifras" e insistiu nunha apelación á "concienciación" para adaptar a condución ao tipo da vía e ás condicións meteorolóxicas, respectando as normas de seguridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta