Un informe encargado pola Xunta descarta relación entre a mala calidade da auga do CEIP Ría de Vigo e as tubaxes

Caballero mantén que un enxeñeiro municipal constatou o mal estado dos canos e ve na polémica unha "batalla" contra a cidade

VIGO | 12/01/2018 | Actualizada ás 19:31 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo público un informe, elaborado por unha empresa certificada, no que se descarta que a situación das tubaxes do CEIP Ría de Vigo incida na mala calidade da auga nese centro, xa que só un 5 por cento das conducións son de ferro galvanizado, e non se explicaría así o alto contido neste metal detectado nas analíticas.

Segundo apuntou López-Chaves, "as tubaxes do colexio non afectan para nada á calidade da auga", e con ese informe "destrúese unha falacia do señor Caballero". "O alcalde o que ten que ver é se se centra no problema que temos en Vigo coa auga de abastecemento á poboación", engadiu.

O delegado da Xunta subliñou que, desde o pasado mes de outubro, as análises da auga evidencian que a calidade está "ao límite da potabilidade" e aseverou que dita auga "segue sendo de mala calidade", todo iso consecuencia dunha planta potabilizadora municipal (a ETAP do Casal) "que non cumpre os parámetros que esixe a normativa".

Finalmente, López-Chaves indicou que, segundo a propia dirección do CEIP, nos últimos anos nin o Concello nin a empresa de mantemento "contratada polo Concello" advertiu ao centro de ningún risco para a auga derivada do estado das conducións.

CABALLERO

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, arremeteu contra o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, por afirmar que ningún técnico municipal inspeccionou esas tubaxes. Así, facilitou un informe asinado por un enxeñeiro municipal de edificacións no que se conclúe que o alto contido en ferro da auga débese á situación das canalizacións, moitas delas da época en que se construíu o centro (1976).

"Temos un documento oficial dun enxeñeiro autorizado, que dicía Rueda que non existía. Ou se desculpa por mentir, ou ten que decidir que fai en política", proclamou o rexedor, quen apuntou que o informe está acompañado por fotografías e, o que se ve nalgunhas delas, "dá noxo".

O alcalde constatou que tanto o presidente Feijóo, coas súas "mentiras e calumnias" sobre a calidade da auga en Vigo, como o vicepresidente Rueda, o "subdelegado" da Xunta, e o grupo municipal do PP, atacan á cidade. "Están todos nunha batalla política contra Vigo", sentenciou, e insistiu en que a auga da cidade, incluídos os colexios, é potable, aínda que dentro dos centros a súa calidade é peor debido á situación en que a Xunta mantén as canalizacións.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta