O Vigo que [non] sorrí

Activistas de diferentes colectivos sociais portaron este sábado as imaxes desta obra itinerante que busca denunciar a exclusión social na que malviven centos de vigueses. A mostra urbana poderase visitar na Praza do Rei.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/01/2018 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

Unha vintena de retratos para ilustrar 'O Vigo que [ NON] sorrí', un traballo fotográfico que trata de mostrar a outra cara da cidade, o Vigo que non se ve. Activistas de diferentes colectivos sociais portaron este sábado as imaxes desta exposición itinerane, na rúa Príncipe. A intención foi visibilizar a exclusión social na que malviven centos de vigueses.  A partir deste luns a exposición poderá verse de forma permanente na Praza do Rei.

Imaxe da exposición urbana 'O Vigo que [NON] sorrí', con fotografías de Aarón Díez.
Imaxe da exposición urbana 'O Vigo que [NON] sorrí', con fotografías de Aarón Díez.

'O Vigo que [ NON] sorrí' mostra a dura realidade dalgúns dos veciños e veciñas da cidade máis grande de Galicia. As fotografías foron tomadas durante o inverno pasado en diferentes barrios da cidade e tentan mostrar a realidade dun Vigo que non sorrí porque non ten motivos para facelo.

"O Vigo do non: do non teño casa, non teño traballo, non teño voz, non teño dereitos... O Vigo que non queremos ver ou que só miramos de esguello”, explica Aarón Díez, autor dos retratos.

A iniciativa nace como resposta á exposición patrocinada polo Concello de Vigo, en xullo de 2016, onde se mostraba un Vigo riseiro. “Con este traballo non pretendemos criticar a boa vontade do proxecto, que quería sacar un sorriso á xente, buscamos apelar á empatía e á responsabilidade colectiva ante os dramas sociais que temos na porta de casa, aqueles que as institucións tratan de ocultar”, explica o fotógrafo, que sinala que “vivimos nunha cidade fermosa pero onde hai demasiadas persoas que non poden gozala”.

As imaxes relatan a historia dunha vintena de veciños e veciñas. Por unha banda, das vítimas do desemprego, a pobreza, os malos tratos ou o abandono institucional dos últimos anos. Por outro, dos activistas que loitan por un Vigo máis xusto e igualitario.

Imaxe da exposición urbana 'O Vigo que [NON] sorrí', con fotografías de Aarón Díez.
Imaxe da exposición urbana 'O Vigo que [NON] sorrí', con fotografías de Aarón Díez.

O obxectivo da obra é situar no centro do debate esa parte da cidade que queda sempre en segundo plano.

A exposición conta co apoio e a participación de organizacións sociais locais como a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, o colectivo Acampa contra a pobreza, Vos Ninguens e PAH Vigo, Tui – Baixo Miño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta