Temas: PARLAMENTO

Unha lei para vítimas do roubo de bebés e suspender a caza en zonas incendiadas, peticións ante o Parlamento

A Comisión de Peticións tamén abordará unha demanda de UPyD que insta á Cámara a promover unha declaración contra o referendo catalán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2018 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

A Comisión de Peticións do Parlamento galego reunirase o martes para abordar varias demandas que chegan de fóra do Hórreo, entre as que se atopa o impulso dunha lei que ampare ás vítimas de casos de roubos de bebé en España no franquismo e décadas posteriores, así como a suspensión da caza en zonas afectadas pola vaga de incendios de mediados de outubro.

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia

Aínda que adoita transcender, sobre todo, o traballo parlamentario que se centra en propostas promovidas polos grupos con representación no hemiciclo ou o Goberno, a Cámara tamén ten xanelas abertas para a participación cidadá como as iniciativas lexislativas populares (ILP) e a vía do dereito a petición.

Calquera galego pode exercer o dereito de petición, de forma individual ou colectiva, ante o Parlamento de Galicia. O procedemento habitual é que a comisión procedente analice cada demanda para remitirlla ao órgano que corresponda, que pode ser a propia Cámara, as Cortes, ou os Gobernos central e autonómico, entre outros.

O martes, os grupos terán que analizar a proposta rexistrada pola Plataforma Foro Internacional de Vítimas por Desaparicións Forzadas Infantís 'Estamos buscándote' sobre unha proposición de lei que ampare ás vítimas de casos do roubo de bebés en todo o territorio español.

Os membros desta plataforma dan o paso coa base de que as asembleas das comunidades --lembran na exposición de motivos-- poden solicitar do Goberno a adopción dun proxecto de lei ou remitir unha proposición de lei á Mesa do Congreso para a súa toma en consideración.

Neste caso, o borrador co que a plataforma acompaña a súa petición busca "establecer o conxunto de principios, dereitos, prestacións, recoñecementos e medidas para a protección e asistencia" ás vítimas polas desaparicións forzadas infantís. Tamén para os que padeceron a persecución ou violencia durante a Guerra Civil, a ditadura e a Transición pola súa condición de nai solteira, pola súa condición económica ou social, polas súas ideas políticas ou polas súas ideas relixiosas.

Entre outros fins, a lei avoga por "recoñecer o dano causado ás vítimas e aos seus familiares polas violacións graves" das que foron obxecto, así como "reparar na medida do posible os danos causados e restablecer os dereitos lesionados"; do mesmo xeito que contribuír á difusión do respecto aos dereitos humanos.

SUSPENDER A CAZA

A asociación animalista Libera! tamén presentou, e será abordada na próxima reunión da Comisión de Peticións, unha proposta (que previsiblemente será remitida ao Goberno galego) para a adopción dos acordos precisos para suspender a caza de forma indefinida nas zonas afectadas pola vaga de incendios de mediados de outubro.

Tamén pide o reforzo dos reténs de axentes facultativos ambientais para garantir o cumprimento da suspensión.

Do mesmo xeito, insta a modificar o artigo 44 da lei de prevención de incendios para ampliar a prohibición da actividade cinexética en terreos queimados "até os 72 meses reais". Finalmente, avoga pola inclusión no catálogo de infraccións de carácter moi grave da práctica da caza en zonas queimadas da mesma norma.

CONTRA O REFERENDO DE INDEPENDENCIA EN CATALUÑA

UPyD, pola súa banda, tamén recorreu ao dereito de petición para solicitar que o Parlamento de Galicia promova unha declaración institucional --este tipo de iniciativas esixen a unanimidade dos grupos-- contra o referendo de Cataluña.

En concreto, na súa proposta rexistrada en setembro de 2017, entre outras cuestións, a formación pide reprobar a actuación do anterior Goberno catalán e instar o Executivo central a adoptar todas as medidas necesarias para "evitar a celebración de calquera referendo ilegal".

REGULAMENTO DO VALEDOR

Na Comisión de Peticións tamén se debaterá e votará o informe do relatorio sobre o proxecto de reforma do regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, que incorpora algúns cambios puntuais, algúns ligados co seu novo papel de Comisionado da Transparencia.

Entre outros, tamén se modifica lixeiramente un punto do artigo 7 relativo ás competencias do Valedor do Pobo e, á marxe de exercer a xefatura do persoal e a potestade disciplinaria, engádese a de decidir sobre a representación e defensa en xuízo.

Temas: PARLAMENTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta