O Dépor, tocado

Volve perder en Riazor, esta vez co Valencia, e sitúase ao bordo do abismo. É o segundo equipo máis goleado na Liga e suma tan só 16 puntos en 19 xornadas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/01/2018 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O Deportivo non  levanta cabeza e segue xogando con fogo. Trala decimonovena xornada de Liga queda tocado... e case afundido. 19 partidos, só catro gañados e 11 perdidos (o resto, empates), e nada menos que 37 goles en contra, o segundo equipo que máis tantos encaixa, só por detrás de Las Palmas (46 goles en contra). Tantas facilidades para os contrarios condenan o Dépor a pelexar un ano máis por manter con agonía a categoría. Só unha milagre semella que poderá mudar o rumbo que segue cara o abismo.

Deportivo 1-2 Valencia na 19º xornada do campionato de Liga 2017-2018
Deportivo 1-2 Valencia na 19º xornada do campionato de Liga 2017-2018 | Fonte: La Liga.

Ao Dépor xa non lle vale de nada que digan que foi superior no global do xogo e en ocasións xeradas. Calquera equipo pódelle facer gol cun mínimo de eficacia, como fixo nesta xornada o Valencia, que castigou dous fallos dos coruñeses con senllos goles.

Cristóbal Parralo, adestrador branquiazul, apostou por primeira vez por aliñar de saída aos seus tres dianteiros, con Florin Andone no centro, Adrián aberto á banda esquerda e no extremo dereito Lucas que, deste xeito, converteuse na única novidade no once con respecto á visita ao Villarreal CF. Carles Gil foi o sacrificado.

O Dépor saíu ben na primeira parte, dominando a pelota, achegándose aos dominios de Neto con asiduidade, aínda que sen excesiva claridade durante os primeiros dez minutos. A zaga visitante despexou varios centros laterais perigosos, antes de que Celso Borges probase por primeira vez ao porteiro valencianista, cun disparo lonxano.

O mesmo Borges si acariñou o gol no minuto 13. O costarriqueño estrelou no traveseiro un remate de cabeza errado, no que impactou no esférico co seu ombreiro esquerdo, nun córner botado por Lucas.

O primeiro achegamento claro do Valencia non chegou até case a media hora. No minuto 27, Guedes, malia atoparse escorado cara ao extremo esquerdo, tentou sorprender a Rubén cun tiro con parábola que buscaba o segundo pau. O gardameta deportivista reaccionou con tanta celeridade como acerto, rexeitando o balón a saque de esquina.

Non tardou en responder o Dépor, nunha cabezada de Borges, esta vez si limpa, a centro de Luisinho. O esférico marchouse por riba do traveseiro por escasos centímetros. Os deportivistas deixaban claro que a súa intención era seguir levando o mango do encontro.

Con todo, o xogo entrou na fase de dominio máis claro do conxunto valencianista. De novo Guedes, no minuto 33, puxo en apertos o portal coruñés. O portugués agarrou o rexeite dun córner na frontal da área, antes de soltar un trallazo que se marchou alto por moi pouco.

Á terceira, o dianteiro luso adiantou á Valencia. No minuto 37, Guedes culminou un contragolpe che cun disparo por baixo que a pesar de resultar errado sorprendeu a Rubén, ao que se lle escapou o coiro cando axeonlleábase para rexeitalo.

A pesar de caer como un xerro de auga fría, o gol valencianista non descompuxo ao Dépor, que recuperou a pelota, pechando así eses apenas 10 minutos de claro control por parte do conxunto che. De todos os xeitos, os coruñeses non xeraron ocasión algunha até o descanso.

Cristóbal moveu o banco coa entrada de Emre Çolak nos primeiros compases da segunda metade. Celso Borges deixou o seu lugar ao turco. E o Dépor seguiu mandando. A primeira ocasión clara do tempo complementario estivo na cabeza de Guilherme, que chegou desde atrás para rematar, desviado á esquerda do marco de Neto, un centro de Luisinho desde a esquerda.

Con todo, a pesar dos insistentes ataques branquiazuis, o equipo que volveu ver porta foi o Valencia. Unha imprecisión da zaga deportivista uniuse á fortuna no disparo de Rodrigo, desviado pola punta da bota de esquerda de Pedro Mosquera cando se cruzaba ante o dianteiro che para impedir o seu remate. Rubén quedou como unha estatua vendo como o balón entraba pegado ao poste contrario, sen poder facer nada por evitalo. Corría o minuto 64.

Esa acción si pareceu finiquitar o encontro. O Valencia deixouse dominar para saír á contra e o control do Deportivo foi estéril, sen xerar apenas accións de perigo na área contraria. Durante máis de vinte minutos, esa foi a tónica xeral do choque.

Con todo, no minuto 88, o Dépor recortou distancias nun remate de cabeza de Florin Andone de socato. Lucas centrou ao segundo pau, onde chegou Adrián para devolver cara ao centro. Alí apareceu o romanés para marcar a pracer.

Os branquiazuis apertaron. Acariñaron o empate nun par de ocasións, a máis clara nas botas de Adrián, ao que Lucas deixou só cun xenial pase picado sobre a defensa valencianista. O dianteiro asturiano, co balón botando e con Neto completamente á súa mercé, enviou o seu remate de volea por riba do traveseiro.

Na última acción do encontro, unha xogada trenzada acabou nun saque de esquina ao que Rubén subiu para tentar rematar, pero o lanzamento de Emre Çolak non chegou a ser rematado por ningún xogador deportivista.

Após esta derrota, o Deportivo conclúe a primeira volta con tan só 16 puntos, un balance moi pobre que pode lastralo e levalo a Segunda se non muda a dinámica do equipo.

FICHA

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Albentosa, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 70), Borges (Emre Çolak, min. 52), Lucas, Andone e Adrián.

Valencia CF: Neto, Ruben Vezo, Gabriel Paulista, Garay, Gayá, Maksimovic, Coquelin (Martín Montoya, min. 83), Parejo, Guedes, Rodrigo (Zaza, min. 81) e Santi Mina (Vietto, min. 74).

Goles: 0-1 Guedes (min. 37); 0-2 Rodrigo (min. 64); 1-2 Andone (min. 88).

Árbitro: Alberola Rojas (c. castelán manchego). Cartón amarelo a Pedro Mosquera (min. 47), Parejo (min. 63) e Albentosa (min. 90+3).

Incidencias: partido da 19ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 19.096 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PITER

O primeiro achegamento claro do Valencia non chegou até case a media hora. No minuto 27, Guedes,Bundesliga, malia atoparse escorado cara ao extremo esquerdo, tentou sorprender a Rubén cun tiro con parábola que buscaba o segundo pau. O gardameta deportivista reaccionou con tanta celeridade como acerto, rexeitando o balón a saque de esquina.