A Xunta teme novos atrasos no AVE a Galicia se non se aproban os Orzamentos Xerais do Estado

En declaracións á Cadena Ser manifestou que mantén a súa confianza en que o AVE chegue en probas a Galicia a finais de 2019 Ethel Vázquez ha replicado a Pedro Sánchez que el tamén podería estar en Madrid velando polos intereses dos cidadáns no colapso da AP-6

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2018 | Actualizada ás 16:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia teme que se poidan rexistrar novos atrasos na chegada do AVE a Galicia se non se aproban os Orzamentos Xerais do Estado, segundo admitiu a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que apelou á "responsabilidade" dos partidos da oposición.

Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, Ethel Vázquez fixo un chamamento á "responsabilidade dos grupos políticos" para a aprobación dos Orzamentos do Estado, "para que non haxa ningún atraso máis no AVE galego".

En todo caso, a titular de Infraestruturas do goberno galego mostrou a súa confianza en que a boa relación que mantén cos altos cargos do Ministerio de Fomento sirva de garantía para que se cumpran os compromisos adquiridos e o AVE chegue a Galicia en probas a finais de 2019.

Unha data que sitúa como "un obxectivo de país irrenunciable". "Estamos cansados de tantos atrasos, xa non nos cremos ningunha data que nos trasladen, pero creo que Fomento ten feito moitísimo, aposto pola confianza que teño na directora de ADIF, é galega, teño unha relación fluída e directa con Isabel, e aposto pola súa capacidade, e aposto porque se cumpran esas datas", asegurou, após lembrar que compartiu pupitre coa directora de ADIF na Universidade.

"Estamos a facer seguimento, e confío en que non haxa ningún atraso máis", insistiu.

ETHEL VÁZQUEZ ACUSA A MARTIÑO NORIEGA DE "FILOSOFAR"

Por outra banda, en referencia á situación da futura estación intermodal de Santiago de Compostela, Ethel Vázquez abre unha nova fronte co Concello, ao que acusa de non cumprir coa súa parte no desenvolvemento do proxecto.

"Temos os deseños, Santiago será a primeira estación intermodal en executar e en pór en servizo, hai que aproveitar para facer cidade, pero é un proxecto que necesita da colaboración de todos, de Fomento, de ADIF, do Concello de Santiago que ten que pór os terreos a disposición, a día de hoxe non os temos", apostilou.

A conselleira de Infraestruturas ironizou, en referencia ao goberno local de Martiño Noriega, que "está moi ben filosofar" pero que se podería dar a situación de contar cunha estación intermodal sen accesos.

"Está moi ben filosofar, pero como di a miña nai 'nin arre que fuxa, nin so que se deite', non temos unha alternativa, nin tampouco documento técnico, e dubido da alternativa urbanística para solucionar eses accesos do Concello de Santiago, deberíanse pór a traballar canto antes, porque nos podemos atopar que teriamos unha estación intermodal en Santiago sen accesos", engadiu.

COLAPSOS NA AP-6

Doutra banda, a titular autonómica de Infraestruturas admitiu que non considera nin sequera que sexa "tolerable" a situación vivida polos condutores no colapso por nevadas da AP-6, pero dirixiu as responsabilidades á concesionaria, en especial, tendo en conta que se trata "dunha autovía de peaxe".

"Os cidadáns merecen explicacións por parte da concesionaria por unha situación que non consideramos tolerable, a concesionaria quizá esperou demasiado tempo en pechar esa infraestrutura, debe de dar explicacións, creo que o goberno central está a dar as explicacións", afirmou.

Vázquez engadiu que entende que "desde o Estado están a darse explicacións" e xutificou a ausencia do director xeral da DXT, Gregorio Serrano, durante as peores horas da crise, dirixindo as súas críticas ao PSOE e censurando a súa petición de cesamentos.

"O recomendable é estar no terreo, pero algúns que piden que tiña que estar en Madrid, podían estar en Madrid, o director xeral de Tráfico é responsable, pero tamén o PSOE que pide a súa dimisión, Pedro Sánchez tamén podería estar en Madrid velando polos cidadáns que estaban atrapados na AP-6".

Ethel Vázquez pon en dúbida que as dimisións resolvan os problemas. "O fácil sempre é pedir dimisións e responsabilidades aos demais, reflexión temos que facer todos, isto non pode volver ocorrer, pero dubido de que se arranxe pedindo cesamentos".

En canto ao 'kit quitaneves' proposto pola DXT, Ethel Vázquez matizou que en Galicia non resulta tan necesario argumentando que existe "un plan de viabilidade invernal".

"O meu kit antinevadas é o plan de viabilidade invernal que temos no goberno galego, está activo desde o un de novembro, temos un operativo de máis de 400 efectivos, toda precaución é boa, pero como administración autonómica temos operativo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta