Fontes penitenciarias non descartan un novo traslado de José Enrique Abuín por temor a que sexa linchado

“O Chiclé” pasou do cárcere de Teixeiro ao da Lama por ameazas, pero non seguiu o protocolo habitual que é levar os presos a penais de León ou Asturias cando son ameazados en prisións galegas. Por iso, non descartan novos traslados ante a grande espectación mediatica do seu caso.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/01/2018 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O autor confeso da morte de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, permanece nunha cela só na enfermaría do cárcere pontevedrés da Lama, á que foi trasladado o pasado mércores desde a prisión coruñesa de Teixeiro por seguridade. Pero este podería non ser o último destino do “Chiclé”.

Prisión de A Lama
Prisión de A Lama | Fonte: Pontevedraviva.com

Segundo as fontes consultadas por GC, Abuín podería ser trasladado a outro penal fora de Galicia debido aos temores a que sexa linchado novamente, os memos motivos que provocaron o seu ingreso no centro da Lama. De feito, neste cárcere, “O Chiclé”  atópase nunha "cela adaptada" na enfermaría do cárcere, lonxe doutros internos.

Este é o proceso habitual cando se lle aplica a un preso o protocolo de prevención de suicidios. Así, atópase nunha cela que ten unha parede de cristal na que se atopa un interno de apoio –e de confianza das autoridades do penal-- que o vixía. E, con este mesmo protocolo estivo tamén no cárcere de Teixeiro.

TEMOR A AGRESIÓNS

O cambio de cárcere produciuse oficialmente para afastar ao autor confeso da morte de Diana Quer de presos pertencentes ao seu antigo clan de 'Os Fanchos', relacionado co narcotráfico, que o acusan de chivato. Tamén por temor á represalia doutros internos. De feito, e segundo as fontes consultadas, foi esta segunda posibilidade máis que a primeira, a que motivou o seu cambio á Lama.  

Xulgados de Ribeira, onde se investiga o caso de Diana Qur
Xulgados de Ribeira, onde se investiga o caso de Diana Qur

Ao ser o seu un dos casos penitenciarios máis mediaticos dos últimos anos, témese que poida sufrir agresións na prisión. De feito, en Teixeiro houbo internos que comentaron que como baixara a un módulo común “ía levar ben”. Esta mesma circunstancia mantense tamén na Lama, onde os internos tamén son coñecedores das causas polas que é acusado o “Chiclé” e podería tamén ser agredido. Por iso permanece illado e por iso se lle ten aplicado o protocolo de prevención de suicidios.

PROTOCOLO HABITUAL

Segundo as fontes consultadas por GC, o normal é que Abuín fora trasladado directamente a cárceres de fóra de Galicia, sobre todo, ao Cárcere de Villahierro, en León, ou ao Centro Penitenciario de Asturias. Isto é o que acontece con casos similiares ao seu. Por iso, entre o persoal de prisións chamou a atención que fóra conducido á Lama. “Isto podería deberse a que as investigacións e interrogatorios non remataron aínda e, quizais, tanto o xuíz, coma a Garda Civil quere que estea nun penal próximo ao lugar dos feitos”, apuntaron fontes de Institucións Penitenciarias consultadas por este medio.

Neste sentido, non descartan que, unha vez se vaia pechando a investigación e, sobre todo, baixe a presión mediatica, “O Chiclé” acabe sendo trasladado a outra prisión para evitar, precisamente, que sexa linchado. Con todo, as fontes consultadas non descartan que reciba golpes “vaia a onde vaia”. “O seu é un caso moi mediatico e é moi probable que, cando sexa trasladado a un módulo con outros presos poida ser agredido porque no cárcere este tipo de delitos non son moi ben vistos entre os internos”, aseguran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

De darse un referendo sobre a pena de morte ¿alguén dubida que sairía un sí abafante? Tranquilos todos. En Europa supeimiuse o suspendeuse a pena de morte por un acordo entre políticos para que poidan facer o que lles pete e sexa gratis. É evidente que dar garrote a un depredador sexual daríalles o mesmo.