O xuízo contra un feirante acusado de matar a outro dun golpe na cabeza en Touro arrinca coa elección de xurado

O home enfróntase a unha pena de 13 anos de prisión

A CORUÑA | 15/01/2018 | Actualizada ás 15:55 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O xuízo contra un feirante acusado de matar a outro dun golpe na cabeza na localidade de Quión, en Touro (A Coruña), arrincou este luns na Audiencia Provincial da Coruña coa elección do xurado popular.

Após a elección dos membros do xurado, tócalle a quenda ao acusado, que prestará declaración este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña.

O home, para quen a Fiscalía solicita 13 anos de prisión por un delito de homicidio por matar a outro dun golpe na cabeza cun nivel de aluminio de 50 centímetros de lonxitude, responderá as cuestións expostas polas partes.

Segundo recolle o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos dos que se acusa producíronse o 1 de agosto de 2016 cando se celebraban festas na localidade de Quión.

NO MEDIO DUNHA DISCUSIÓN

O acusado, J.A.A., nacido en Portugal, interveu na discusión que o seu pai, José A., mantiña sobre o lugar de colocación das barracas con outro feirante, C.I.A., que instalara as súas atraccións no campo da festa.

No transcurso da discusión, o acusado, "con ánimo de atentar contra a vida de C.", propinoulle " un forte golpe na cabeza", cun "nivel de aluminio macizo duns 50 centímetros de lonxitude", que estivera utilizando até ese momento. Como consecuencia do golpe, C.I.A, "caeu ao chan inconsciente".

A continuación, o acusado abandonou o lugar mentres o seu pai, José A., atendía ao home agredido. Após recriminarlle ao seu fillo a súa actitude, este contestoulle "déixeo, que non morre".

Ante a gravidade das feridas sufridas, o home agredido tivo que ser evacuado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde faleceu ás 18,00 horas do 7 de agosto, debido ao traumatismo cranio-encefálico grave sufrido.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta