Feijóo, destino Madrid?

Alfonso Rueda asegura, ante os rumores que de novo colocan a Feijóo como ministro, que o seu papel "está en Galicia" e Gonzalo Caballero pide ao presidente da Xunta que se centre "nos problemas de Galicia" e non "nos cambios" do Goberno de Rajoy.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2018 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

De novo os rumores que falan dunha posible marcha de Alberto Núñez Feijóo para o Goberno de Mariano Rajoy en Madrid, após varios medios recollesen as peticións de cargos populares para mudar o Executivo central e recuperar a iniciativa, tralo desastre do 21D en Cataluña e tralas enquisas que falan do ascenso de Ciudadanos, que superaría a PP e PSOE.

Rajoy, Feijóo e Alfonso Rueda na inauguración da ampliación de Rande.
Rajoy, Feijóo e Alfonso Rueda na inauguración da ampliación de Rande. | Fonte: Miguel Núñez

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pronunciouse sobre as voces do partido que reclaman a Mariano Rajoy a inclusión do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Executivo central para tentar frear o avance de Ciudadanos. "Alegrámonos moitísimo en Galicia que teña tan alta consideración e tan alto recoñecemento", sinalou, dado que "iso quere dicir" que o PP "estima moitísimo" o camiño seguido polos populares galegos á fronte da Xunta.

Malia esas verbas, Rueda matizou que o traballo de Feijóo e o seu equipo "está en Galicia" e que a vontade do PPdeG é "seguir traballando" para manter o "recoñecemento" e o apoio que os galegos lles trasladaron até "tres veces" nas eleccións autonómicas.

"O noso traballo está en Galicia e así imos seguir. Xa nolo recoñeceron tres veces os galegos e as galegas cando houbo eleccións e o que queremos é seguir traballando para seguir tendo ese recoñecemento", asegura Rueda.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sobre un hipotético salto de Alberto Núñez Feijóo á política estatal, evitou facer declaracións sobre o que considera "comentarios de corte" e "rumores" aparecidos na prensa que non quere "alimentar".

CENTRARSE EN GALICIA

Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a presidente Alberto Núñez Feijóo a centrarse "nos problemas da Galicia real" e deixar a un lado os posibles "cambios de ministros que poda ou non facer Rajoy", en referencia ao salto a Madrid ante unha hipotética reforma do Executivo central.

Caballero visitou o Pazo do Hórreo para manter unha reunión co grupo parlamentario socialista de cara "a intensificar as liñas de acción política" para este ano, no que o PSdeG ten o obxectivo de compatibilizar a "responsabilidade de país" de chegar a acordos co PP en "cuestións necesarias para Galicia" con exercer unha "oposición clara" á Xunta en cuestións como "o modelo económico e produtivo do país e as políticas sociais".

O líder dos socialistas galegos referiuse aos rumores que apuntan a unha saída de Feijóo cara á política estatal. Para Gonzalo Caballero, o presidente galego "está satisfeito e cómodo" con "a súa axenda de acción política de Madrid" mentres "a Galicia real vai a peor no económico, o social e o demográfico".

"O PSdeG ten a tarefa de conseguir que Feijóo manteña unha acción política centrada en Galicia e axustada aos problemas de país", indicou, para logo remarcar que mentres "os galegos están a sufrir unha deterioración importante na súa calidade de vida", o Executivo de Feijóo "está centrado noutro tipo de claves políticas", o que, ao seu xuízo, "evidencia unha falta de proxecto" para o país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 moinhos

O amigo de Marcial Dorado xa tarda en coller á feijoneta e liscar para Madrid. Ao final este camiño é á meta máis ansiada pola xente do PP. Galiza importalle pouco.....

2 Anti...

Billete só de ida de embaixador a Papúa nova Guinea.

1 Dalle que libras

Vai, vai que te leve o demo ¡¡¡