Aprazado o xuízo para o desafiuzamento dunha nai con dous fillos en Ferrol

A familia monoparental non pode facer fronte ao aluguer de 325 euros no barrio de Caranza. O Concello ferrolán defende "un aluguer moito máis barato, que llo pode proporcionar a Xunta" por ter "as competencias" en Vivenda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2018 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol aprazou para dentro dun mes, o 15 de febreiro, a vista pola denuncia formulada por unha arrendataria contra a súa inquilina após varios meses de falta de pagamentos.

Concentración ante o xulgado da Plataforma de Afectadados pola Hipoteca
Concentración ante o xulgado da Plataforma de Afectadados pola Hipoteca | Fonte: Europa Press

Trátase de S.T.D., nai de dous fillos, un deles menor de idade, residente no barrio ferrolán de Caranza e que debería de satisfacer un aluguer mensual de 325 euros, pero que deixou de abonar "desde o mes de agosto do pasado ano por estar en paro e non recibir ningún tipo de prestación", como ela mesmo asegurou ás portas dos xulgados ferroláns minutos antes de presentarse na vista que estaba convocada para as 11,00 horas.

En paralelo, integrantes da Plataforma de Afectos pola Hipoteca (PAH) de Ferrolterra e de Stop Desafiuzamentos concentráronse á entrada da sede xudicial ferrolá para demandar solucións ao seu caso.

A inquilina trasladou que a súa situación é "moi delicada". "Non teño onde ir nin onde acudir, xa que non hai resposta a pesar de ter menores en casa e nunha cidade onde non hai apenas traballo", manifestou. "Estou no paro e non percibo ningunha axuda", abundou.

Sobre a relación coa propietaria da vivenda, cualificouna de "demasiado boa". "Ela sempre me dicía que me esperaba, ata que me fixo isto", apostilou en alusión á presentación da denuncia por falta de pagamento.

AXUDA DE EMERXENCIA

A muller tamén asegurou que solicitou unha axuda de emerxencia social ao Concello de Ferrol. "Non recibín resposta, xa que acudín ao traballador social que me corresponde, pero non obtiven resposta, porque non o temos agora mesmo", afirmou para lembrar que foi "en decembro, por non estar ao tanto, cando acudía a solicitar a axuda da administración local".

Pola súa banda, o portavoz da Plataforma de Afectados pola Hipoteca na comarca de Ferrolterra, Ignacio Martínez, destacou que desde este colectivo son actualmente coñecedores de "até dez casos destas consentes características nesta zona". Ademais, criticou que "a Xunta di ter até doce medidas para paralizar os desafiuzamentos, pero os problemas non se solucionan".

O activista lembrou que "Ferrol é unha cidade libre de desafiuzamentos, pero todo queda para a galería, con dúas mocións aprobadas en pleno por unanimidade, pero os grupos non son capaces nin de porse de acordo para poder ser substituídos os traballadores sociais cando están de baixa, de descanso ou de vacacións".

É por iso que Martínez pediu "acordos políticos para reverter esta situación, sobre todo no caso de persoas sen recursos económicos". No caso de Ferrolterra comentou existen "625 demandantes de vivendas, dos que 499 son para aluguer".

O portavoz da PAH incidiu que no caso concreto que se tratou nos xulgados de Ferrol este luns "non existe lexitimidade para o aluguer", xa que, segundo manifestou, "esta vivenda non se pode alugar porque existe documentación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dicindo que non se pode realizar esta opción, por ser unha vivenda que foi comprada pero que non está rexistrada a nome da propietaria".

VERSIÓN MUNICIPAL

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Saínza Ruíz (FeC), que tamén acudiu á concentración ás portas dos xulgados ferroláns, asegurou que a afectada "mañá mesmo podería ter prestacións do Concello, aínda que estas non solucionan o problema", xa que ao seu entender "nesta unidade familiar mantense no tempo unha inseguridade económica que non pode facer fronte a un aluguer".

Por iso, estimou a edil ferrolá que o que necesita esta familia é "un aluguer moito máis barato, que llo pode proporcionar a Xunta, que é a que ten as competencias en materia de vivenda segundo a lexislación actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Luís

A Saínza RUÍN, non é quen de solucionar o problema, pero vai lucir palmito de pancarteira