Os portos autonómicos moveron 1,7 millóns de toneladas de mercadorías o ano pasado e facturaron un 1,5% máis que en 2016

José Juan Durán destaca as melloras en tráfico de mercadorías, pesca descargada e recadación destas entidades

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2018 | Actualizada ás 14:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os portos galegos de titularidade autonómica moveron máis de 1,7 millóns de toneladas de mercadorías ao longo do ano pasado e pecharon o ano cunha facturación de 17 millóns de euros, o que supón un aumento do 1,5 por cento respecto de 2016.

José Juan Durán
José Juan Durán | Fonte: Europa Press

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentou este martes en rolda de prensa o balance anual destas entidades, e destacou que os resultados do pasado exercicio supoñen a "unha proba do repunte" da actividade económica destas instalacións, que recuperan unha "tendencia á alza" tras dous anos de descenso moderado.

"Un balance positivo, razoable e esperanzador", sinalou. En concreto, ao longo de 2017 movéronse un total de 1.716.000 toneladas de mercadorías, sobre todo nos portos de Cariño, con 550.000 toneladas; Ribadeo, con 507.000 toneladas; e o de Brens, en Cee, con 355.222 toneladas.

A mellora de resultados reflíctese, á súa vez, nas cifras interanuais, cun incremento do 4,5, do 4 e do 3 por cento nas cifras dos portos de Cariño, Ribadeo e Brens-Cee, respectivamente.

As principais mercadorías descargadas neste tres instalacións foron, respectivamente, as máis de 530.000 toneladas de mineral de ferro, 391.000 toneladas de pasta de madeira e 180.000 de manganeso.

Tamén melloran os datos de descarga de pesca fresca nas lonxas dos portos autonómicos con 120.000 toneladas de peixe e un 12 por cento máis que 2016.

Segundo destacou Durán Hermida, estas cifras supuxeron un importe total da venda en lonxa de máis de 300 millóns de euros, un 5 por cento máis que no ano anterior.

Do total das instalacións, os portos con maior volume de descarga de pesca foron Ribeira, con 36.000 toneladas; Burela, con 23.000, e Celeiro-Viveiro, cunhas 17.000 toneladas.

MELLORA DAS PREVISIÓNS

O responsable de Portos tamén valorou a mellora de case 1.200.000 euros respecto das previsións orzamentarias de comezos de ano, alcanzando un índice de cumprimento do 107,7 por cento.

Con respecto ás taxas, Durán Hermida referiuse á recadación obtida a través da X4, referida a pesca fresca (5 millóns de euros), a TODP, sobre ocupación de dominio público (2,5 millóns) e a X5, de embarcacións recreativas, que logrou 2,1 millóns segundo os datos provisionais e a falta dalgunhas liquidacións pendentes do segundo semestre do ano.

Así e "após dous anos de tendencia á baixa moderada", Portos de Galicia valorou a "recuperación da tendencia á alza" e o "repunte" da actividade económica destas instalacións, destacando a súa importancia para xerar actividade "indirecta" na contorna no que se sitúan, como o sector de transportistas.

INVESTIMENTOS EN 2018

O responsable de Portos tamén destacou as actuacións previstas nestas instalacións para 2018, incidindo na mellora do 90 por cento nas partidas do capítulo 6 destinado a investimentos nos orzamentos autonómicos.

Sobre todo, referiuse á construción de pantaláns en zonas como Cabo de Cruz, Illa de Arousa ou Porto do Son, ademais doutras accións de mellora en Burela, Foz e Celeiro, entre outras.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta