A provincia de Lugo ten un déficit de 70 axentes de policía

A investigación polo dobre crime no Cash Record do Ceao, onde morreron por disparos hai case 24 anos Esteban Carballedo e Elena López, segue aberta, segundo o comisario da Policía Nacional en Lugo.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 16/01/2018 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O comisario da Policía Nacional de Lugo, Antonio Villamarín, recoñeceu este martes que nas tres comisarías da provincia luguesa existe un déficit de preto de 70 axentes. Así o manifestou antes de participar nos actos conmemorativos do aniversario da creación da Policía, en relación ás comisarías de Lugo cidade, Viveiro e Monforte.

Carteis esixindo avanzar na investigación do dobre crime no Ceao.
Carteis esixindo avanzar na investigación do dobre crime no Ceao. | Fonte: Radio Lugo

"Non digo ao cento por cento, pero a nivel da provincia, para completar o catálogo serían necesarios 68 ó 69 axentes. Iso vai ser difícil de momento, en tanto as novas promocións non vaian cubrindo o déficit que imos arrastrando", abundou.

Tamén sinalou que este é un problema que se arrastra no ámbito estatal e autonómico, con "un 20% de déficit con respecto ao catalogo de postos de traballo".

CASH RECORD, INVESTIGACIÓN ABERTA

Por outra banda, o comisario afirmou que a investigación sobre o dobre crime do Cash Record, ocorrido no polígono industrial lucense de O Ceao, prosegue porque "nunca se arquiva ningún caso".

En abril cumpriranse 24 anos deste dobre crime, no que morreron por disparos o reponedor Esteban Carballedo e a caixeira Elena López, sen que se avanzase na investigación, segundo denuncian as propias familias. "Nunca se arquiva ningún caso. Iso ocorreu hai moitísimos anos, levouse no seu momento unha investigación paulatina de todo o que ocorrera. Posteriormente, mesmo un equipo de traballo que veu de fóra revisou e volveu incidir en todas as investigacións que se fixeron", destacou.

Villamarín subliñou que "iso non quere dicir" que a Policía estea "de brazos cruzados, nin moito menos". "Se nun momento determinado temos algo que achegar ao xulgado, por suposto que o achegaremos", recalcou. Preguntado sobre se continúan as pescudas por parte da Policía Nacional, o comisario sentenciou: "A Policía nunca abandona unha investigación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta