Sen AVE ata 2023

As obras da conexión da alta velocidade co vello trazado ferroviario en Taboadela deberían ter principiado no 2017 e “non está nin adxudicado”. O PSOE denuncia que o PP e Adif “están a incumprir” os prazos para a chegada do AVE a Ourense.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/01/2018 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

O grupo socialista da Deputación de Ourense pide a Adif que deixe de "incumprir" os prazos anunciados para a chegada do AVE á estación da cidade das Burgas. "O PP e Adif están a incumprir o cronograma das obras, calendario que eles mesmos fixeron oficial no Diario da Unión Europea", asegurou o portavoz provincial do PSOE, Francisco Fraga.

Tren Alvia circulando polo trazado Ourense-Santiago
Tren Alvia circulando polo trazado Ourense-Santiago | Fonte: Adif

E é que, segundo o calendario, remitido nun comunicado dos socialistas, a conexión da liña de alta velocidade e o vello trazado ferroviario en Taboadela (Ourense) "debería estar en obras no último trimestre de 2017 e actualmente non está nin adxudicado".

Ademais, o PSOE asegurou que "tampouco se sabe nada" do último tramo de 17 quilómetros da mesma liña, debido a que, segundo a formación, "ten todos os trámites ambientais acabados e, por tanto, poderían ser licitadas as obras de inmediato".

Con todo, Fraga ve que o PP "se empeña" en culpar desta situación á oposición. E é que, segundo expresou nunha entrevista a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a Xunta teme pola chegada do AVE a Galicia se non se aproban os Orzamentos Xerais do Estado.

A modo de resposta, Adif reiterou este luns nun comunicado o seu "compromiso" de concluír as obras de alta velocidade para finais de 2019. "A planificación financeira de Adif Alta Velocidade permítelle conseguir fondos para o desenvolvemento dos seus proxectos a través de distintas fontes, independentemente da aprobación dos Orzamentos", incidiu a empresa. Neste contexto, os socialistas "celebran a labazada de realidade" que, ao seu modo de ver, deu Adif aos populares, que, en palabras de Fraga, "culpan á oposición das súas incompetencias mentres teñen a casa sen varrer".

"ATA 2023 COMO MÍNIMO"

"(Os populares) ningunean os galegos con mentiras mentres Feijóo só se preocupa por non facer ruído para asegurar o seu futuro en Madrid e Baltar cala e mira cara a outro lado, a pesar de que declarou hai uns días que ía estar vixiante", esgrimiu o socialista ourensán. Ademais, Fraga considera un "escándalo" as "mentiras" do PP, á vez que prevé que a liña "non estará acabada na súa totalidade ata 2023 ou 2024, como mínimo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta