A costa da Coruña e Lugo estarán este mércores en alerta vermella por ondas de máis de oito metros

A Dirección Xeral de Emerxencias alerta dun temporal de nivel vermello que afectará este mércores ao litoral da Coruña e de Lugo, onde se esperan ondas de máis de oito metros.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2018 | Actualizada ás 19:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias alerta dun temporal de nivel vermello que afectará este mércores ao litoral da Coruña e de Lugo, onde se esperan ondas de máis de oito metros.

Alerta vermella litoral galego
Alerta vermella litoral galego | Fonte: Europa Press

En concreto, segundo os datos recollidos por Meteogalicia, o litoral da Coruña e de Lugo permanecerá en alerta vermella entre as 9,00 e as 21,00 horas deste mércores. Na área espéranse ondas de máis de oito metros.

Pola súa banda, a costa de Rías Baixas permanecerá toda a xornada en alerta laranxa por ondas de entre cinco e sete metros. Até as 9,00 e após as 21,00 horas esta será a alerta de todo o litoral galego.

A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior alertou por temporal marítimo ás costas do norte da Península e por ventos fortes nas illas Canarias e nordés peninsular durante os próximos días.

De acordo ás predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) espérase que o temporal marítimo afecte as costas de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco onde poderán alcanzarse ondas de oito metros de altura nalgúns puntos.

Ademais, tamén soprarán ventos moi fortes nas illas Canarias e especialmente durante este martes nas zonas de medianía e no cume das illas máis occidentais, onde poden soprar refachos de até 90 quilómetros por hora.

Ante esta predición, Protección Civil e Emerxencias aconsella adoptar precaucións. Por exemplo, na costa recomenda afastarse de diques, praias, espigóns e doutros lugares que poidan resultar afectados polas elevadas mareas e ondadas así como non pór en risco a vida por tentar captar imaxes espectaculares.

En zonas do interior recomenda asegurar portas, xanelas e todos aqueles obxectos que poidan caer pola vía pública así como afastarse de cornixas, árbores, muros ou edificacións en edificacións en construción ou guindastres que poidan desprenderse, así como absterse de subir a estadas sen as adecuadas medidas de protección.

Aos condutores aconséllalles prestar moita atención ao volante, especialmente na saída de túneles, adiantamentos e cruzamento con vehículos pesados en estradas de dobre sentido e prestar atención ante a posible presenza de obstáculos na estrada.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta