Un detido en Galicia relacionado cunha rede de distribución de pornografía infantil en WhatsApp

Efectivos da Guardia Civil detiveron a 19 persoas no marco da 'Operación Íntegra', incluídos dous menores, en 14 provincias. O arrestado en Galicia reside na Pobra do Caramiñal.

Por E.P. | ALACANTE | 17/01/2018 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

Efectivos da Guardia Civil detiveron no marco da 'Operación Íntegra' a 19 persoas, entre os que se inclúen dous menores, en 14 provincias españolas, entre elas A Coruña, por un suposto delito de tenencia e/ou distribución de pornografía infantil a través da aplicación WhatsApp. A investigación arrincou en marzo de 2017 e finalizou o pasado 11 de xaneiro.

Material incautado polos axentes na súa investigación por pornografía infantil
Material incautado polos axentes na súa investigación por pornografía infantil | Fonte: Europa Press

Segundo concretou o Instituto Armado, entre os detidos atópase un cidadán español de 37 anos do municipio da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

A operación foi coordinada pola Unidade de Investigación Tecnolóxica da Comandancia de Alacante, que tivo coñecemento dos feitos por mor da denuncia dunha testemuña protexida.

En concreto, realizáronse 20 rexistros domiciliarios en 14 provincias --Madrid, Barcelona, Sevilla, Alacante, Murcia, Córdoba, Bizkaia, Granada, Valladolid, Málaga, Almería, Tenerife e Lanzarote, A Coruña e Castelló-- nos que se interveu numeroso material.

As investigacións comezaron após coñecerse que en determinados grupos 'pechados' ou 'segredos' de Facebook se intercambiaban ligazóns desde as que se accedía a grupos de mensaxería instantánea. Nalgún caso os usuarios dos móbiles non eran os titulares da liña, explicaron as mesmas fontes.

Así mesmo, detallaron que nos "numerosos grupos" de mensaxería instantánea se distribuían imaxes e vídeos de pornografía infantil e de zoofilia adulta e infantil, na que aparecían desde menores de apenas uns meses de idade até nenos duns cinco anos.

A maioría deses grupos, máis de 20 contabilizados, teñen un administrador en países suramericanos e o número dos usuarios ascendería a "miles de persoas", dado que cada grupo ten unha capacidade máxima de 250 persoas.

Os axentes encargados da investigación explicaron que o acceso aos grupos facíase por invitación doutro membro e a través de ligazóns colgadas en páxinas "secretas" e "pechadas" de Facebook e con só facer 'click' na ligazón, a través do móbil ou da versión WhattsApp Web, accedíase ao grupo.

Respecto deses grupos, os investigadores sinalaron que seguen "existindo" porque "en determinados casos a temática non era pornografía infantil senón que se compartía unha ligazón".

Sobre o perfil do usuario, os axentes precisaron que se trata de persoas que "mostraban o seu interese sexual por menores", e afirmou que existen dous menores entre os arrestados --ambos de 16 anos, nas provincias de Alacante e Murcia--. Así mesmo, indicou que se constatou que os administradores dos grupos "eliminaban" os membros que "non compartían" arquivos "para propiciar que compartisen e facilitar a distribución".

"Aos que non compartían, chamábanos 'observadores' ou 'mirones' e directamente tirábanos", comentaron e expuxeron que era tal a cantidade de arquivos compartidos que "por moita capacidade que tivese o móbil, nun día encheriámolo. Pensamos que se utilizaba a versión de WhattsApp Web, que é conectar o móbil ao computador".

Actuouse sobre os números de teléfono residenciados en España --19--, e lanzouse unha alerta ás autoridades de países como México, Chile e Perú.

Todos os detidos xa pasaron a disposición xudicial, nas súas respectivas provincias, após o que quedaron en liberdade provisional con cargos á espera de xuízo. As dilixencias incoáronse no Xulgado de Instrución número 2 de Orihuela (Alacante).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta