"Detrás do depauperamento da Sanidade hai un intento de que a privada cubra as carencias"

“Pretenden que aceptemos o colapso das Urxencias como algo normal”, denuncia Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que reclama a contratación de máis persoal e que denuncia que aínda se destinan 200 millóns menos á Sanidade que antes da crise. “Estamos ante un proceso de deterioro moi serio no que prima cumprir coa estabilidade orzamentaria", laiase.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/01/2018 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

“Hai unha tendencia a aceptar o colapso das Urxencias como algo normal. No fondo iso é o que pretenden, que aceptemos isto como algo normal. Por iso nós insistimos en seguir denunciando, porque non se pode aceptar”. Tres anos xa denunciando, unha tras outra, as situacións de colapso nas Urxencias do CHUS, que se repiten nas últimas semanas en varios hospitais galegos mentres a Xunta se limita a pedir un uso racional dos servizos sanitarios.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

“Hai unha vulneración da dignidade das persoas nestas condicións, sen lugar a dúbidas. Non só dos que están nos pasillos, tamén os que están nos boxes atendidos, agardando por unha cama. Non pode ser. Son condicións inadmisibles. Unha señora de 90 anos non pode agardar toda a tarde nos pasillos. En canto hai unha situación de colapso, o persoal sanitario chama á Xerencia, para presionar, pero nada”, denuncia Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que cuestiona os reforzos defendidos polo Sergas: “Aquí houbo dous reforzos: unha auxiliar de clínica e unha enfermeira a tempo parcial, e ampliaron un turno adicional dos médicos, pero non contrataron a ninguén. Eses son todos os medios adicionais”.

Para a Asociación de Usuarios do CHUS o problema tería arranxo con máis medios: “A solución definitiva é habilitar máis camas dotadas de persoal, pero podería haber solucións intermedias: unha sala, como teñen outros hospitais, para que a xente non estea agardando en Urxencias. Cal é o problema? Esas salas de preingreso necesitan unha obra e necesitan persoal, non poden estar sen atención. E ao final o que prima é cumplir coa estabilidade orzamentaria, non desviarse do gasto”.

UN ÓRGANO INDEPENDENTE

Contanse xa por decenas as denuncias públicas deste colectivo, malia que asumen que sen moito éxito: “Fai falla un órgano independente, que de xeito permanente estea atendendo as reclamacións e que teña capacidade de presión, pero non temos a onde acudir. Non temos mecanismos de resolución de conflictos no ámbito sanitario. As reclamacións non se responden por parte de alguén que teña competencias para resolvelas. E trala constestación, o paciente non pode articular ningunha acción posterior. É unha vía morta. A outra vía que tiñamos, que era a Valedora do Pobo, pasou de puntillas”.

A asociación que dirixe Abraldes laiase da actitude amosada pola Valedora do Pobo ante as súas denuncias: “Limitouse a coller os informes do Sergas, dixo que ela non podía resolver e que polo tanto o arquivaba. Podía ter feito algunha recomendación, que tería unha trascendencia considerable, un informe recriminándolle ao Sergas a súa conduta, porque atenta contra a integridade das persoas, e polo tanto non pode estar reproduncindo estas condutas, pero non o fixo. Podía terlle dito: ‘Aporten os medios para tentar solucionar o problema’. O único que nos queda é a denuncia pública”.

A SANIDADE PRIVADA COMO ALTERNATIVA

“Fálase dunha administración aberta, participativa, pero aquí a Atención ao Doente é unha entelequia. Ti plantexas o tema, e recibes unha contestación tipo, pero aí morreu todo. Non tes a quen reclamar, nin posibilidade de facer unha reclamación posterior”, denuncia Fernando Abraldes sobre a falta de resposta da Administración ante as denuncias da asociación. E engade: “Esta situación favorece o caciquismo sanitario. Favorece que a xente, ante o deterioro da súa saúde, acuda á privada. Se a alternativa é a privada, automaticamente ráchase o principio de equidade. Imos cara ao modelo americano: o sistema público será só para os máis pobres”.

“As listas de espera, na maioría dos casos, están falsificadas, porque non recollen todos os casos. E se son moi avultadas, veñen os empresarios da Sanidade a ofrecerse a reducilas por uns poucos millóns. Detrás do proceso de depauperamento, hai un intento de que as carencias da pública sexan suplidas pola privada. Canta máis calidade hai na pública, menos campo de negocio hai na privada. En realidade, están a favor de que haxa unha relación moi estreita entre a sanidade privada e a pública”, denuncia Fernando Abraldes, que lembra as cifras de investimento actuais: “O orzamento para Sanidade son 3.500 millón anuais. Neste momento, aínda estamos 200 millóns por debaixo do que se gastaba no 2009. É un montón de pasta. No 2015, gastáronse 492 millóns menos que no 2009. Estamos falando dun proceso de deterioro moi serio”.

CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA

“A Xunta manda acudir aos centros de Atención Primaria, pero alí non teñen medios, non teñen nada. Se vas alí por unha Urxencia, colapsas o centro. Fixeron un modelo asistencial basado na atención hospitalaria, cargáronse a Xerencia que había de Atención Primaria no 2008, centralizaron todo, aumentou a centralización e quitaron capacidade de atención aos centros de saúde. Os especialistas desaparecen. Cousas que había antes, desapareceron”, denuncia o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

“Plantexamos á Xerencia o problema da atención primaria, e dixeron que os médicos de atención primaria tiñan que aprender a xestionar as axendas. Ese é un eufemismo, o que queren dicir é reducir o tempo de atención a cada paciente, para atender máis, co cal se reduce a calidade asistencial”.

REPRESENTACIÓN NO SISTEMA

“O sistema publico de Saúde compónse de tres partes. Os órganos directivos e os profesionais sanitarios teñen articulado mecanismos de intervención, pero os pacientes, non. Non temos representanción que nos permita acceder ao funcionamiento dos servizos. O paciente é o elemento esencial do sistema, pero non interven. Ao non intervir, non se habilitan os mecanismos para solucionar os conflitos entre os Servizos e os pacientes. Ese é o problema. E aquí estamos nós reclamando iso. Se fose xeralizado en todos os centros de saúde, outro galo cantaría. Pero non é fácil”, apunta Abraldes.

Sobre unha posible denuncia non xulgados, Abraldes apunta: “A denuncia nos xulgados é algo que nos reclaman moitos, pero os autos xudiciais din que os Servizos Públicos non sos responsables penalmente. A responsabilidade penal é individual, mentres non haxa un xuíz que determine responsabilidades penais, non se admitirán. Aquí os profesionais presentaron dúas denuncias: unha foi contestada así e a outra, tras falecer unha persoa maior nos pasillos no 2017, aínda está pendente… Estamos á espera de ver que ocorre. Nós podiamos denunciar, pero somos conscientes de que non vai a ningunha parte”.

E insiste en reclamar voz nos problemas da Sanidade: “Cando a reforma de Lei de Saúde, plantexamos que queremos estar integrados dentro do sistema, hai que habilitar mecanismos de representación. Igual que os sindicatos, pero iso sería dar poder aos pacientes. Un paciente consciente, ten unha capacidade de actuación brutal. Pero na Sanidade estamos como na transición, como no 78, aquí non chegaron os procesos democráticos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Don Pimpón

"de que a privada cubra as carencias..." con cartos públicos, engadiría.

3 Ex votante do Vello Vieiras

1.Apoio e solidariedade coas mobilizacións e loitas convocadas pola Comisión de Centro da Xerencia de Ourense sobre os recortes de camas e persoal así como pola situación das urxencias sanitarias. 2.Sumarnos como Plataforma a mobilización convocada por SOS Sanidade Pública de Galicia para o vindeiro día 4 de Febreiro en Compostela. 3.En relación co anterior farase unha concentración o día 24 de Xaneiro as 20 horas na Praza Maior de Ourense. 4.Para elo, farase un reparto de carteles informativos o Xoves día 18 de Xaneiro. Quedouse ese día as 18 horas na entrada do Edificio Sindical para organizar esa cartelada. 5.O luns día 22 as 19 horas, no mesmo lugar, xuntaremonos para despois facer un reparto de propaganda pola rua do Paseo, informando dos motivos das mobilizacións e animando a participar na do día 24. 6.Mandarase un comunicado aos medios de comunicación informando destas cuestións.

2 Haiqueroelo

E Pepe Blanco tamén foi á privada en Asturias. Menos hipocresía.

1 Equidistando

Que si, que si e xa sabemos que o mundo é perfecto en Tabarnia. http://www.eldiario.es/zonacritica/... http://www.eldiario.es/zonacritica/... Nostrus tede coidado que agora parece que os podemitas vos queren asumir parte do programa... Iso si, repetindo o dos dereitos sociais e tal... https://www.efe.com/efe/espana/econ... Anda xa, e despois veñen estes a dicirche que eles están cos máis desfavorecidos e tal... Beiras, e ti que pensas? Queres seguir con esta xente? Queres pasar a nosa pequena historia galaica coma un aliado destes? Ou, coma un subordinado, porque non se ve que teñades política diferente da que vos marcan en Madrí? Ti non es coma eles...

1 Ovello

Beiras xa foi directamente á privada e non tivo que esperar nada

1 Cabratola

Perdoa, pero aí creo que es inxusto. Pode haber razóns de amizade ou mesmo familiares: un amigo ou un familiar que che inspire especial confianza. Todos somos humanos e nada do humano nos debería de ser alleo. Eu teño tido experiencias malas na pública, pero con todo estoulles moi agradecidos á maioría dos traballadores: especialmente aos enfermeiros e enfermeiras e aos médicos noviños. Hai entre os rapaces e as rapazas novos (non todos, pero si unha porcentaxe moi grande) un grande interese polo traballo, un afán de profesionalidade (malia as circunstancias... isto é Galicia) e moita humanidade. Isto non quere dicir que eu ás veces por cuestións de confianza persoal ou simplemente por unha atención máis temperá non teña acudido á privada. E evidentemente tampouco pode ser unha escusa para profesionais que deberían mellorar o seu trato co enfermo e outras cousas que pasan e que teñen moito que ver con narcisismos varios e outras cousiñas.

2 Cabratola

Creo que hai que mellorar moito, pero en verdade, estes rapazas e rapaces noviños son un sopro de aire fresco. Agora ben, deberíase implementar un servizo que garantizase a presenza de representantes dos cidadáns en Consellos Sanitarios (igual que os Consellos Escolares) e facilitar as reclamacións. Eu teño moi malas experiencias con isto... E creo que xa é hora que Galicia entre no século XXI... Pero iso tamén nos atinxe aos pacientes. E non falemos xa do autobombo porque algúns débennos tomar por parvos e pensar que o seu hospital é o Mount Sinai, axudados pola prensa rexional. Sei que os médicos non son deuses nin deusas, eu só quero que sexan humanos e que tenten facer o mellor que podan o seu traballo.

3 Cabratola

E por suposto, unha vez máis reclamar que exista unha supervisión nas listas de espera con presenza cidadá ou dos nosos representantes: cada caso de adianto inesperado debe de ser explicado e supervisado. O problema non é agardar, o problema é escoitar ao veciño de habitación presumindo de certas cousiñas (que eu non sei se son certas ou non, pero das que algúns, na súa inmensa ignorancia presumen) cando tes un familiar grave ao lado. Creo que eses comentarios non benefician a ninguén e se debería de procurar ofrecer a maior transparencia.