Así son as mulleres que traballan na economía somerxida en Santiago de Compostela

Entre 20 e 60 anos, xeralmente con dous fillos, cun nivel de estudos básico, principal fonte de ingresos do seu fogar e que se dedica ao comercio irregular polo miúdo; estas son as principais características das mulleres con traballos irregulares na capital de Galicia, segundo un estudo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A economía somerxida pode roldar os 14.159 millóns de euros ao ano en Galicia, arredor do 26% do Produto Interior Bruto (PIB) do país, segundo datos do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Hacienda. As actividades irregulares, non fiscalizadas, aumentaron durante os anos de crise, xa que milleiros de persoas empurradas ao paro tiveron que buscar saídas para subsistir. A poboación feminina foi especialmente afectada na crise e moitas mulleres atoparon no traballo irregular unha vía de supervivencia. Pero non todos os casos responden a esta causa. Agora, un estudo mostra o perfil das mulleres da economía somerxida na capital de Galicia, Santiago de Compostela.

Oficina de emprego
Oficina de emprego

Os resultados do traballo de investigación mostran que "factores como o desemprego, a maior dispoñibilidade de tempo libre, así como o menor control fiscal e laboral son determinantes para traballar na informalidade".

O obxectivo dos investigadores foi determinar os motivos que levan a unha mujer a recorrer a un emprego irregular, e describir os factores socioeconómicos e laborais desas mulleres. Para isto, o primeiro que deixan claro os autores é que "a economía somerxida se divide en actividades legais e ilegais".

"Dentro das actividades legais están aquelas actividades que son licitas, pero que por diversas razóns, como evitar o pago de impostos ou de Seguridade Social, na súa totalidade ou en parte, ocúltanse ante as autoridades correspondentes, utilizando como alternativa laboral o traballo irregular", aclaran.

Os resultados do estudo, feito mediante enquisas e observación directa, revelan que o perfil socioeconómico da muller que realiza traballo irregular é o dunha muller galega entre 20 e 60 anos, con dous fillos, que vive na súa vivenda propia e que é a principal fonte de ingresos do seu fogar.

Ademais, o seu nivel de estudos é básico, non pertence a ningunha asociación, nalgún momento da súa vida traballou para unha empresa e agora é autónoma.

No que se refire ás características laborais da muller que realiza traballo irregular en Compostela, os datos revelan que se dedica ao comercio polo miúdo, ofrece produtos lícitos, cotiza á Seguridade Social por menos horas das debidas, traballa de 5 a 8 horas ao día, carece de contrato laboral, leva máis de 10 anos dedicándose a actividades de comercio polo miúdo, o tipo de traballo é familiar e este é menos rendible que traballar para unha empresa.

Os principais motivos para traballar na irregularidade son a falta de emprego, a dispoñibilidade de tempo libre, evitar o pago da Seguridade Social, evitar o pago de impostos e/ou un menor control fiscal/laboral. 

Os resultados deste estudo, de carácter preliminar, publícanse no último número da Revista Análisis Organizacional, da Red Mexicana de Investigadores en Estudios Organizacionales A.C. Os seus autores son David Eduardo Espinosa Meza e Nélida Porto Cervantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 per

Non sei se sería máis correcto dicir mergullada por somerxida,,,, e unha suxerencia