Mofa e Befa trae a Santiago unha nova obra que ironiza coa filosofía e debaterá na "posfunción" co público

O dúo fará gala da "razón 'perralleira'", unha visión na que "todo problema ten solución" e, se non, non queda outra que inventala

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2018 | Actualizada ás 14:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O dúo cómico formado por Mofa e Befa, personaxes interpretados por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, chegará a Santiago entre os días 24 e 27 de xaneiro con catro funciones do seu novo espectáculo, 'Cranios privilexiados ou crítica dá razón perralleira', que se representará ás 20,30 horas no Teatro Principal.

Presentación de 'Cranios Privilexiados ou crítica dá razón perralleira'
Presentación de 'Cranios Privilexiados ou crítica dá razón perralleira' | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa na que estiveron presentes os actores e o director da obra, a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, destacou a introdución da "posfunción" no espectáculo, o xoves 25, a través dun "debate entre o público e os actores" que permitirá "coñecer o proceso creativo" de cada peza.

Así mesmo, outra das novidades, tal e como informou Branca Novoneyra, é a "invitación ao público" a "comentar todos os días" a obra polas redes sociais, utilizando as etiquetas '#posfunción' e '#euvexoteatrogalego'. Así, en palabras da concelleira, preténdese "compor un relato sobre a cultura galega actual".

ESPECTÁCULO CÓMICO SOBRE A FILOSOFÍA VITAL

O director da obra, Carlos Santiago, explicou que Mofa e Befa "sométense a un duro exercicio espiritual" ao "pór en cuestión" a súa propia filosofía escénica: o 'perralleirismo', baseada no principio de que "todo problema ten solución" e, se non a ten, "non queda outra que inventala", asegura.

Por iso, Santiago comentou que "esta incursión destemida" na filosofía "deriva das grandes preguntas da humanidade" ás que se procura unha "resposta 'perralleira'". Ademais, anticipou como "gran novidade" a creación dunha "quinta categoría teatral", á que denominou "a quinta parede".

Nesta obra, Mofa e Befa emprenden unha viaxe polo "fascinante mundo das ideas", onde serán "asaltados e posuídos" por todo tipo de personaxes: filósofos lucenses, domadores de circo anti-darwinianosk, eremitas positivistas, cantantes sufís ou cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade.

En conxunto, o director do espectáculo asegurou que se trata dun "'freak show' de pensadores e pensamentos" que "non renuncia a comprender a realidade actual", aínda que "pareza difícil". Neste sentido, o actor Evaristo Calvo apuntou que "uno non se pode fiar de calquera filosofía se esta non resiste a proba do algodón".

En resumo, Carlos Santiago explicou que Mofa e Befa son "dous cranios privilexiados" en "busca de respostas" e "dispostos a convencer ao público da validez do seu método", porque "no 'perralleirismo' atópase a verdade".

DATOS DO ESPECTÁCULO E PREZO DAS ENTRADAS

O espectáculo está recomendado para maiores de 13 anos e ten unha duración aproximada de 90 minutos. Está dirixido por Carlos Santiago, que tamén é o autor da obra, xunto con Pepe Sendón.

Os protagonistas son Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo e conta coa dirección de arte de Natasha Lelenco, o espazo lumínico de Octavio Mas, o atrezo de Marcelino de Santiago 'Kukas' e a produción de Rubén G. Pedrero.

As entradas teñen un prezo de 12 euros, sobre o que se aplica un desconto do 50 por cento para os colectivos habituais (parados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais e familias numerosas).

AXUDAS Á PRODUCIÓN 2017 DA XUNTA

Durante a rolda de prensa, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, informou de que este espectáculo se inclúe dentro dos beneficiarios das axudas á produción concedidas pola Xunta en 2017.

Jacobo Sutil lembrou tamén que estas axudas, destinadas ao "fomento" das obras do principal circuíto escénico galego, permitiron desenvolver 346 funcións por parte de 106 compañías teatrais, 90 delas galegas, ao longo dos 37 concellos que conforman Galicia.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta