Lugo, unha provincia con 67 destinos turísticos únicos

A Deputación presenta en FITUR a campaña 'Lugo Cambia', na que colabora o presentador lucense Martín Barreiro.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 18/01/2018 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou este xoves en FITUR —a Feira Internacional de Turismo que se celebra anualmente en Madrid— os novos traballos audiovisuais da campaña de promoción turística do conxunto da provincia, que leva por nome 'Lugo Cambia'.

Presentación en FITUR da campaña de turismo 'Lugo Cambia', da Deputación de Lugo.
Presentación en FITUR da campaña de turismo 'Lugo Cambia', da Deputación de Lugo.

Estas son as primeiras iniciativas que o Goberno provincial ten preparadas para este ano, compostas por 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués sobre os recursos turísticos dos 67 concellos, nos que o coñecido presentador lucense Martín Barreiro convida a visitar a provincia, dando conta dos sentimentos que produce facelo e destacando que “unha viaxe á nosa provincia vos cambiará para sempre”. 

Campos Conde presentou os vídeos promocionais 'Os sentimentos dunha viaxe' xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña 'Lugo Cambia', e dos alcaldes dos principais concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.

Estes novos spots, que se atopan en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais, culturais ou gastronómicos que se poden atopar nos 67 concellos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.

Campos Conde subliñou que “hai un ano, iniciabamos en FITUR a campaña 'Lugo Cambia' coa presentación, na que é a feira turística de referencia no país, dos primeiros 5 traballos audiovisuais sobre os recursos turísticos dos nosos 67 concellos, nunha clara aposta pola promoción do conxunto da nosa provincia como un destino turístico único no país. Hoxe damos a coñecer novas iniciativas de reforzo da nosa campaña de promoción da provincia, sendo unha pequena mostra do que temos preparado para este 2018, cuxo obxectivo é conseguir que máis xente nos visite e experimente os sentimentos que produce unha viaxe a Lugo, que te cambian para sempre. E facémolo coa colaboración dun coñecido lucense que presume da beleza da súa provincia, como é Martín Barreiro, embaixador de 'Lugo Cambia'”.

Martín Barreiro explicou que “dende o primeiro momento no que me propuxeron participar neste marabilloso proxecto sentinme honrado e ilusionado. Pero non me imaxinaba naquel momento o verdadeiramente intenso da aventura. A viaxe pola provincia de Lugo, deseguido se transformou nunha viaxe polos sentimentos. Unha viaxe polos recordos, e para gran sorpresa para min, unha viaxe chea de descubrimentos. Percorrendo os mesmos lugares que de neno visitei, onde xoguei, onde crecín… descubrín ademais de recordos, lugares descoñecidos, novas caras, novas formas, novas sensacións... Os meus compañeiros de viaxe e de rodaxe, seguro que volo poden confirmar, alá onde fixemos un alto no camiño, tratáronnos como da familia. Comemos como na casa, porque xa sabedes, para comer Lugo. Porque que non vos caiba nin a máis mínima dúbida, Lugo ten verdadeiras marabillas, pero o mellor de Lugo son os lucenses”.

O Presidente destacou que “Lugo é unha provincia única que cambia de recuncho a recuncho e que parece acoller varios mundos, pois nela podemos gozar de máis de 100 quilómetros de costa, con praias catalogadas como xoias mundiais, ou 800 quilómetros de rutas de peregrinación; Lugo posúe o maior espazo natural de Galicia: Os Ancares e O Courel. O 50% do seu territorio está recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera; son Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo, e os Camiños Norte e Primitivo; conservamos unha das maiores concentracións de  románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra”.

O presidente da Deputación engadiu que “queremos compartir con todo o mundo o noso inmenso patrimonio cultural, gastronómico, natural, histórico... Queremos aproveitar este escenario idóneo, para convidar as persoas de todos os países que se reúnen en FITUR, a que nos veñan a coñecer. Porque algún día atoparán un lugar que os cambiará para sempre… e ese lugar non é outro que Lugo. Porque Lugo cambia”.

MOTOR ECONÓMICO

A presentación deste novo material audiovisual é un paso máis no traballo do Goberno da Deputación para promover o conxunto do territorio lugués e facer do turismo un motor económico da provincia capaz de xerar emprego e riqueza. Neste senso, a campaña 'Lugo Cambia' enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo que elaborou o Executivo. O Presidente explicou que no 2018, o Goberno da Deputación intensificará a campaña e reforzará a súa colaboración co sector turístico, desenvolvendo máis e novas iniciativas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.

Durante a celebración de FITUR, a provincia de Lugo contará cun stand no pavillón de Turgalicia (pavillón 9) a través do que que haberá contacto directo con turoperadores, representantes do sector turístico e medios de comunicación, co obxectivo de transmitir os atractivos da provincia lucense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Edelmiro

O único que lhe falta é que a xente foda máis e sen condón. A 20 filhos por parelha, en 300 anos pódese converter nunha provincia "normal".