Nova marcha para reclamar a supresión da peaxe da AP-9 en Redondela

Veciños de Teis e Chapela volverán manifestarse para esixir melloras na zona tralas "desfeitas" pola ampliación da autoestrada e piden a convocatoria da comisión da AP-9 para abordar as súas reclamacións.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/01/2018 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

As asociacións de veciños de Teis (Vigo) e Chapela (Redondela) convocan unha nova manifestación para reclamar ao Ministerio de Fomento e a Audasa a eliminación da peaxe en Redondela, a conversión da autoestrada AP-9 en urbana desde as Torres de Padín até o centro da cidade olívica, medidas contra o ruído e outras actuacións.

Protesta de Teis e Chapela durante a inauguración da ampliación da AP-9.
Protesta de Teis e Chapela durante a inauguración da ampliación da AP-9. | Fonte: Asociación de Veciños de Chapela

A marcha terá lugar o sábado 27 de xaneiro, e sairá do Centro de Saúde de Chapela, en dirección a Teis, até as Torres de Padín, segundo informou o portavoz veciñal de Teis, Anxo Iglesias, en declaracións aos medios antes de entregar no rexistro da Xunta un escrito para reclamar a inmediata convocatoria da comisión mixta de seguimento da AP-9.

Iglesias explicou que este acto reivindicativo, do mesmo xeito que outros que xa se realizaron, ten como finalidade "seguir presionando" á Xunta e ao Ministerio de Fomento, porque os veciños están "cansados de anuncios" e piden "solucións" para eses dous barrios.

Nese sentido, o portavoz da asociación de Teis incidiu en que as reivindicacións non son só dos veciños destas zonas, senón "de toda a comarca de Vigo". "Pedimos á Xunta que exerza presión ante o Goberno do Estado", recalcou.

DEMANDAS APÓS AS DESFEITAS

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, lembrou as "xustas" reivindicacións dos veciños deste barrio e os de Teis. Segundo incidiu, na parroquia redondelana "aínda non se empezaron as obras de reposición" prometidas por Audasa e por Fomento após as "desfeitas" que supuxo a ampliación da AP-9.

"Reclamamos datas reais para a reposición de vías e servizos, e para a construción do novo colexio", afirmou, e esixiu tamén a eliminación da peaxe entre Redondela e Vigo, así como a supresión do tráfico pesado polo centro de Chapela, ou medidas para paliar a contaminación acústica. Por iso, pediron a convocatoria da comisión de seguimento da AP-9 para abordar todas estas demandas, e lamentaron que, a pesar dos anuncios, tanto da Xunta como do goberno central de que se convocaría entre decembro e xaneiro, aínda non hai data concreta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 LKI

Aí, aí. O logo do BeNeGá que se vexa ben, que é o único que lles importa.