O Hospital da Coruña, cuarto en España en número de transplantes

O CHUAC realizou 256 transplantes durante o ano 2017. Como retos para este ano fixa reducir as taxas de negativas de familiares á doazón, a pesar da redución rexistrada.

Por E.P. | A CORUÑA | 19/01/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) sitúase como cuarto hospital en España en número de transplantes, ao alcanzar os 256 en 2017, segundo os datos achegados polos seus responsables no balance correspondente á actividade do ano pasado.

Trasplantes
Trasplantes | Fonte: Oficina Coordinación Transplantes CHUAC

Destes 256 transplantes, 120 foron do ril, sendo 26 do total de doante vivo; 61 de fígado; 48 de pulmón; 26 de corazón e un de páncreas. O ano pasado realizáronse tres dobres de transplantes: dous hepatorrenais e un renopancreático.

Tanto o xerente da área sanitaria da Coruña, Luís Verde Remeseiro, como o coordinador de Transplantes do CHUAC, Fernando Mosteiro, agradeceron a solidariedade das familias que doaron os órganos dos seus familiares falecidos ou das que doaron en vida, ademais do labor dos profesionais do complexo hospitalario.

"Un acto de xenerosidade", resumiu Remeseiro sobre as doazóns. No entanto, para este ano, un dos obxectivos do CHUAC é reducir as negativas familiares, que se manteñen no 13,9%, nove décimas por enriba da media estatal, aínda que por baixo da galega, segundo explicaron.

Sobre as razóns desta negativa, o doutor Mosteiro sinalou que "non hai un único motivo claro". Non entanto, vinculouno con "o culto ao corpo que hai en Galicia, a desconfianza e a falta de información". A iso, sumou razóns "éticas e relixiosas".

PACIENTES EN ESPERA

Por outra banda, insistiu en que a lista de espera nestas intervencións "depende de ter un doante". A 31 de decembro do ano pasado, había catro pacientes esperando un transplante cardíaco; nove de pulmonar; dez, hepático e 224, á espera dun ril.

Na súa comparecencia, xunto á enfermeira da Oficina de Coordinación de Transplantes, Valentina Fernández, e a responsable do Transplante de Pulmón, Mercedes da Torre, destacouse tamén o aumento de intervencións neste último programa.

En concreto, bateu o seu propio rexistro con 48 transplantes. O seu responsable destacou, entre outros casos, o dun menor de 15 anos ao que se someteu a unha cirurxía cardíaca e a un transplante de pulmón.

Pola súa banda, Valentina Fernández sinalou, en relación ás doazóns en vivo no caso do ril, que as máis comúns foron as realizadas entre cónxuxes (10 de muller a marido e dous do home á súa parella), aínda que tamén houbo doazóns de pais a fillos e á inversa e entre curmáns e amigos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta