Por Galicia Confidencial | Madrid | 19/01/2018 | Actualizada ás 14:21
Pablo Crespo, quen fora número 3 do Partido Popular de Galicia (PPdeG) e número dous do Grupo Correa, tirou definitivamente da manta da Gürtel e sinala directamente ao ex-presidente da Generalitat Valenciana Francisco Camps, e ao ex número 2 do PP valenciano, Ricardo Costa. Segundo Crespo, era o propio partido o que "decidía se se pagaba en A ou en B"
Crespo declarou este venres na Audiencia Nacional, onde recoñeceu os pagos irregulares dos traballos realizados para as campañas electorais de 2007 e 2008 con diñeiro negro, un total de 3,4 millóns de euros. Ratifica así o declarado tamén por Francisco Correa, o número un da trama de corrupción Gürtel, que decidiu colaborar coa Xustiza e cantar todo canto sucedía, con nomes, apelidos, cantidades, datas, lugares...
Segundo Crespo, foi Álvaro Pérez 'El Bigotes', en nome da empresa de eventos Orange Market, quen reclamou ao ex-presidente do PP valenciano e da Generalitat Francisco Camps, o pago da débeda que mantiña o partido polos servizos prestados por esta empresa.
O que fora secretario de Organización do PP galego tamén recoñeceu que parte deses traballos foron pagados polo PP valenciano en efectivo e que eses fondos foron parar íntegramente á caixa B das empresas de Francisco Correa.
COSTA E FABRA
Outro sinalado por Crespo é Ricardo Costa, ex número 2 do PP valenciano. Segundo este, Costa foi quen lles dixo que cobrasen a débeda que mantiña o partido coa empresa mediante facturación falsa a empresarios: "Díxonos que non tiñan cartos para pagar as facturas e que a única solución era que facturásemos a determinados empresarios no canto de a eles; dáme a sensación de que nin el sabía a que empresarios. A min a solución non me gustaba, tentei negarme e díxome que non había outra, que era facelo así ou non cobrar. Falei con Correa e aceptamos, porque a alternativa era o concurso de acredores e o peche da empresa", explicou Crespo sobre as negociacións con Costa.
Ademais de Camps e Costa, tamén cae outra 'vaca sagrada' do PP valenciano, o tamén ex presidente da Generalitat Alberto Fabra. Crespo asegurou que un dos empresarios que pagaron os actos de campaña en 2007 e 2008 sufragou un acto en período ordinario de Fabra en Alacante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.