O PPdeG inicia a precampaña para as municipais do 2019 reivindicando o seu "inconformismo"

Proponse "gañar" aos seus rivais, ás "enquisas" e ás "modas pasaxeiras" e destaca o seu papel na "saída da crise".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O PPdeG "pon en marcha" esta semana a súa "maquinaria" de cara ás eleccións municipais de 2019 coa Xunta Directiva que celebrará o sábado en Santiago e na que o partido reivindicará o seu proxecto, o seu "inconformismo" e a súa "autoestima". Así o indicou este venres o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha rolda de prensa que convocou tras participar nunha reunión do Comité de Cidades, un órgano que reivindicou como "moi útil" para "compartir experiencias" e buscar "solucións comúns a problemas" no ámbito municipal.

Miguel Tellado PPdeG
Miguel Tellado PPdeG | Fonte: Europa Press

Esta reunión, continuou Tellado, e a Xunta Directiva deste sábado, marcarán o "pistoletazo de saída" dun ano no que porán en marcha a "maquinaria política" do PPdeG de cara ás eleccións municipais de 2019, co reto de crear proxectos que "ilusionen nos municipios".

Este 2018, no que non haberá citas electorais, será para os populares galegos un exercicio de "organización extrema e pausada" con "a vista posta" nas eleccións locais, un "gran desafío" que o PPdeG afronta "reivindicando" o seu proxecto político.

"As eleccións non se gañan nos 15 días de campaña nin nos tres meses de precampaña, gáñanse ao longo de meses e anos", dixo Tellado, tras o que engadiu que a Xunta Directiva do sábado contará coa participación de "moitos alcaldes e portavoces" e suporá o "comezo" do traballo da formación de cara aos comicios locais.

AUTOESTIMA E ORGULLO

A mesma semana na que se cumpren 12 anos desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu o liderado do PPdeG, o secretario xeral dos populares galegos animou aos seus a "reivindicar" o seu proxecto e a súa capacidade de "xestionar a saída dunha das crises máis graves que sufriu Galicia e España".

Neste sentido, Miguel Tellado destacou que o proxecto do PPdeG para as municipais basearase nun partido "inconformista" e en fomentar a "autoestima" e o "orgullo" de "pertencer a este proxecto político". Así, Tellado eloxiou a actitude dos populares, que, "cando as cousas van mal", fan "autocrítica" e "traballan por mellorar"; mentres que cando "van ben", teñen presente "que poderían ir mellor" e son "autoexigentes".

"Somos o partido que máis se parece a Galicia", destacou o secretario xeral, após o que mencionou que o seu obxectivo non é só "gañar as eleccións", se non, ademais de "gañar" aos seus rivais, vencer ás "enquisas" e ás "modas pasaxeiras", tendo en conta que "hai moitos partidos que quixeran ser o PP".

Entre os logros dos populares á fronte tanto do Goberno galego como do central, Miguel Tellado destacou que o PP foi "o partido que sacou a España e a Galicia da crise", que "reflotou" os servizos públicos e que "recuperou a confianza de Europa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Breogán

Pra inconformistas, xente con inquedanzas e emprendedores están xa correa, crespo o bigotes e uns mil máis.

1 O.Bejarano

Cada vez que o vividor Tellado , ven a Ferrol e fai unha rolda de prensa, Rey Varela perde centos de votos