Condenan a 26 vendedores do mercado vigués da Pedra a penas de entre 3 e 18 meses de prisión

Un total de 13 dos acusados foron absoltos, outros dous irán a xuízo e outro máis está en busca e captura

| 19/01/2018 | Actualizada ás 18:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O xulgado do Penal número 2 de Vigo condenou a 26 dos 42 vendedores do mercado vigués da Pedra procesados por delitos contra a propiedade industrial (venda de roupa de marca falsificada) a penas de entre 3 e 18 meses de prisión, e ao pago de multas por diferentes contías.

Xuízo a vendedores o mercado da Pedra
Xuízo a vendedores o mercado da Pedra | Fonte: Europa Press

A vista previa para decidir se se chegaba a un acordo ou se celebraba xuízo estaba fixada para este venres, e 26 das persoas implicadas chegaron a acordos de conformidade coa Fiscalía e coa acusación particular, exercida polos representantes dunhas 40 marcas de roupa e complementos.

Así, a maxistrada comunicoulles xa en sala as penas ás que foron condenados. Dous dos acusados, Gemma M.G. e Juan Carlos R.L., foron condenados a 18 meses de prisión por tres delitos contra a propiedade industrial cada un, ao pago de 1.080 euros de multa e a indemnizar solidariamente ás marcas en 19.440 euros.

O resto de procesados foron sentenciados a multas ou penas de prisión de entre 3 e 6 meses, que moitos deles pediron substituír por multas (uns 240 euros) e outros pedirán a suspensión en execución de sentenza. Todos eles deben indemnizar ás marcas en concepto de responsabilidade civil, pero a gran maioría consignaron xa as contías reclamadas ou unha parte destas.

A todos os implicados atribúenselles un ou varios delitos contra a propiedade industrial ou faltas contra o patrimonio. Ademais dos 26 que chegaron a acordo coas acusacións, outros 13 vendedores foron absoltos, e só dous optaron por non conformar e ir a xuízo.

Por outra banda, o xulgado ditará orde de procura e captura para un dos investigados, de orixe portuguesa, que está en paradoiro descoñecido e non se presentou á vista previa.

MACRO XUÍZO

A investigación destes feitos remóntase a varios anos atrás e desenvolveuse en base a tres redadas policiais que tiveron lugar no mercado da Pedra, no Casco Vello de Vigo, nos anos 2006, 2007 e 2010. A Policía incautouse de decenas de miles de pezas e complementos que eran reproducións non autorizadas de coñecidas marcas.

Para a celebración da vista deste venres, e dada a gran cantidade de acusados e avogados, habilitouse a sala de xuízos da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

A Fiscalía pedía inicialmente penas que oscilaban entre os 6 anos de prisión e 21.600 euros de multa, e os 12 meses de prisión e 16.200 euros de multa; ademais dos acusados por faltas, para quen pedía 1.800 euros de multa. Finalmente, as penas rebaixáronse substancialmente, e todos os acusados pagarán solidariamente as cousas a razón de 280 euros cada un.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta