Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2018 | Actualizada ás 12:15
A comisión de expertos que analiza a incorporación ao patrimonio público do Pazo de Meirás mantén esta semana a terceira reunión na que se seguirá avanzando nas liñas de traballo. Neste labor búscanse lagoas na transmisión patrimonial da que foi propiedade de Emilia Pardo Bazán aos Franco.
O grupo de traballo composto por un total de 11 expertos --do mundo académico, xurídico e patrimonial--, que preside o catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manuel Núñez Seixas, e que se constituíu a finais de novembro do pasado ano, marcouse como horizonte "dous ou tres meses" para alcanzar as conclusións que poidan botar luz sobre esta propiedade.
En declaracións a Europa Press, o profesor da USC lembrou que as Torres de Meirás (como se coñece o inmoble e ao que despois se lle engadiron outras leiras expropiadas polas que algunhas se documentou que nunca se pagaron) nunca foi de titularidade pública. O edificio pasou da familia Pardo Bazán á Francisco Franco como particular, despois de que unha comisión --da que formaban parte sublevados do réxime-- solicitase o diñeiro.
Precisamente, os detalles da transmisión patrimonial son os que estudan os expertos da comisión, que parte da premisa de que o pobo galego xa "pagou" en 1938 por este pazo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2011.
A morte de Carmen Franco deixa en mans dos seus fillos a titularidade deste pazo, do que poderían querer desfacerse a cambio dunha indemnización, a cal a Xunta xa especificou que non estaría disposta a asumir. De feito, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, xa suxeriu aos Franco que se non estaban dispostos a asumir a declaración BIC de Meirás --que obriga a abrir o inmoble ás visitas ao público--, poden "doar" o inmoble ao patrimonio público.
Ademais deste traballo da comisión, recentemente saíu publicada unha investigación realizada durante 21 anos por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, co título 'Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio', no que se documenta e recóllense testemuños cos que se pretende demostrar "a versión oficial de que se tratou dun agasallo do pobo" coruñés.
ESTATUAS DE ISAAC E ABRAHAM
A herdanza da filla do ditador ten seis meses para que os fillos a asuman. Nela, tamén se atopa a denuncia do Concello de Santiago para recuperar as estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, cuxa admisión a trámite coñeceuse xusto o día anterior ao falecemento de Carmen Franco.
Fontes municipais consultadas por Europa Press explicaron que Carmen Franco aínda non recollera a demanda, polo que hai que notificarlla a todos os seus herdeiros e, nese proceso de identificación de domicilios, atópanse os servizos xurídicos do Concello.
A demanda do Consistorio compostelán foi froito dun proceso de documentación realizado tamén co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no que se demostraba a titularidade de ambas as estatuas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.