A debilidade de Mariano Rajoy

Transcorreu un mes dende as eleccións ao Parlament de Catalunya e Mariano Rajoy só tomou unha iniciativa política despois de coñecidos os resultados das urnas:reunirse na Moncloa con Albert Rivera.

Por Xesús Veiga | Compostela | 23/01/2018

Comparte esta noticia
Reparese nunha circunstancia significativa:a pesar de que na súa primeira comparecencia pública tras o 21-D o presidente do goberno barallara a posibilidade de entrevistarse con Inés Arrimadas, como candidata da opción máis votada, declinou tal alternativa e substituíuna por ese encontro co líder estatal de Cidadáns.E, dende logo, non promoveu contacto algún con dirixentes das dúas principais candidaturas independentistas.A escenificación realizada ten que ever, obviamente, co sucedido no territorio catalán pero obedece a unha lóxica política de dimensión estatal.
 
Rajoy saíu moi debilitado desta cita electoral.Se por aquí fose habitual a cultura política que se practica noutros paises europeos xa tería presentado a dimisión: imaxínanse que faría Merkel se o seu partido non obtivese o 5% nas eleccións dun “ land” de importancia equivalente á que ten Catalunya no ámbito do Estado español? O temor ao potencial impacto do éxito cultivado polo partido de Rivera provocou que o inquilino da Moncloa comezase a construír alguns cortalumes.Por iso aplicou o vello axioma de que “se non podes co teu adversario únete a el”.Ou, polo menos, fai unha foto conxunta canto antes. 
A lóxica desa reunión non resulta congruente cos discursos de ambos líderes nos últimos meses.A pesar de que proclamaron reiteradamente que o problema principal radica na fractura interna da sociedade catalá máis que na disputa entre a Generalitat e o goberno do Estado, decidiron priorizar un diálogo entre dirixentes estatais que, ademais, teñen un diágnostico moi parecido sobre este grave problema.Non é máis urxente tender pontes entre as distintas formacións que van estar presentes na próxima Cámara lexislativa catalá? 
O PP, a través de distintos portavoces, está a presionar a Cidadáns para que despregue iniciativas políticas por ser a forza máis votada o 21-D mentres segue demostrando unha absoluta carencia de propostas para tentar reconducir o grave bloqueo no que está instalada a vida política catalá.Hai tempo que Mariano Rajoy -que encabezou a candidatura máis apoiada nas xerais de 2016- decidiu dar preferencia á vía xudicial, permitindo que a fiscalía presentase querelas contra diversos dirixentes independentistas pola suposta comisión dos delitos de rebelión e sedición.Semellante estratexia contribuíu a incrementar a polarización no panorama político de Catalunya e facilitou, seguramente, a reacción defensiva do electorado independentista na recente consulta de decembro. 
Que se pretende coa xudicialización deste problema? Utilizar a máxima dureza do Código Penal para que os sectores independentistas acepten unha sorte de rendición que aprace por un tempo o tránsito polo terreo do diálogo e da transacción? Transferir aos xuíces unha notábel capacidade para incidir na eventual saída do labirinto catalán? Hai na Moncloa algún plan B?
Unha das derivadas colaterais dos recentes comicios cataláns é a revalorización da figura de Núñez Feijoo como eventual substituto de Rajoy no cumio dirixente do PP. A esta altura hai dúas certidumes pouco discutíbeis:a reiterada afirmación do presidente da Xunta sobre a súa negativa a unha nova candidatura a San Caetano e a sua implícita dispoñibilidade para xogar no campo da política estatal.A coincidencia do desacougo que se vive nos despachos da rúa Génova e a contrastada ambición de Feijoo achegan notabelmente a viabilidade desta hipótese sucesoria.As incógnitas tamén están identificadas:aceitará Mariano Rajoy optar por unha retirada organizada ou vai recuncar como presidenciábel? E tamén:qué atrancos lle preparan ao líder do PPdG nas cloacas que manexa Saenz de Santamaría? Mais fotos con Marcial Dorado?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.