Onde están os colectivos sociais?

No número de decembro de Tempos Novos (nº 163) preguntábame que está facendo Galiza Non Se Vende e en xeral o conxunto dos movementos sociais do país, onde se meteron no último ano, unha pregunta apresurada pola que xa recibín un par de correos que querían afondar comigo no asunto.

Por Marcos Pérez Pena | | 13/01/2011

Comparte esta noticia

Nos seus primeiros 18 meses de goberno Núñez Feijoo puxo en marcha un novo plano eólico igual de malo (ou peor) que o do BNG, aprobou unha nova Lei do Solo que o desprotexe aínda máis, estendeu as zonas habilitadas para a instalación de plantas acuícolas, aprobou unha moi criticable Lei de Augas, e por suposto mantén as Reganosas, minas a ceo aberto e minicentrais que o bipartito consentiu. E onde están os colectivos sociais na defensa do medio ambiente, dos espazos de alto valor ecolóxico, do litoral? Todo isto debería ser suficiente para que as loitas medioambientais fosen o cerne da oposición a Feijoo. Houbo neste ano e medio, é certo, unha mobilización continuada en defensa da sanidade pública, unha protesta significativa (pero que se foi esfarelando) contra o decreto do ensino e unha folga máis ou menos xeral que se dirixiu principalmente contra Zapatero. É isto suficiente? Onde están os movementos sociais? Onde está a esquerda? Dá a impresión que a oposición acusa aínda o golpe do 1 de marzo de 2009. Como un boxeador noqueado dá voltas ao redor do ring, procurando antes que nada manterse en pé, mentres Feijoo aumenta a súa diferenza. A sociedade civil galega, pouco activa e pouco organizada en por si, atópase moito máis feble e máis desconectada do que estaba durante o goberno bipartito e tamén durante os gobernos de Fraga ou durante os anos oitenta e a Transición.

Hai varias explicacións para isto. Na sociedade galega, tan pouco activa, os partidos políticos seguen sendo imprescindibles, parece ser, para liderar as mobilizacións sociais; pero os dous partidos da oposición atravesan un moi mal momento. Ademais, existe unha desconexión crecente entre os dous partidos do centro-esquerda galego e a sociedade civil, motivada pola decepción xerada pola xestión do bipartito e o traballo feito nos concellos, pero tamén por un ambiente xeral de desafección cos partidos políticos. O 2005 consumouse un traballo que partidos, sindicatos e colectivos sociais, a esquerda galega, realizaron durante anos: o primeiro goberno de esquerda saído dunhas eleccións en Galicia, a oportunidade de poñer en marcha un proxecto de país e unha forma diferente de gobernar e de relacionarse coa sociedade. O resultado, sendo obviamente mellor do que coñecíamos e do que hoxe vemos, foi decepcionante, sobre todo pola escasa ambición do novo proxecto de país, pola submisión aos poderes tradicionais, pola deficiente coordinación interna e pola continuidade de prácticas e actitudes. Pasáramos media vida agardando a Godot e resultou que Godot era unha cousa bastante mediocre. É posible que a ausencia desa esperanza de cambio ou o seu escaso atractivo para a sociedade galega máis activa, estea desactivando a mobilización social. Pierre Bourdieu escribiu sobre o vínculo que se establece entre o colapso da confianza e a decadente vontade de compromiso político e acción colectiva: a habilidade de facer proxeccións de futuro é a condicion sine qua non de todo pensamento transformativo e de todo esforzo por reexaminar e reformar o estado actual das cousas

Por outra banda, hai que ter en conta que 'a esquerda social' non é un ente metafísico, está formado por persoas, persoas que constrúen as súas redes, as súas mobilizacións e as súas propostas alternativas de sociedade gastando horas e cartos que sacan de onde poden. Digo isto porque en Galicia hai 250 mil persoas no paro, moitas máis en situacións laborais moi precarias, ademais dun pesimismo xeneralizado sobre o futuro económico inmediato, e iso paraliza a acción social. Os ascensos electorais das formacións de esquerda (real) ou o aumento da súa incidencia social a través dunha mobilización xeral da sociedade adoitan coincidir con mudanzas bruscas do clima económico (ben con transicións de situacións de crise a fase de recuperación, ou todo o contrario), pero contrariamente ao que se podería pensar, a esquerda ten grandes dificultades para mobilizar á poboación en situacións prolongadas de crise e paro. O canto peor, mellor non funciona para a esquerda. O paro masivo debilita a clase traballadora, cando menos dende o punto de vista da súa capacidade de mobilización sobre unha base económica. O mesmo que a destrución dos instrumentos e garantías do Estado do Benestar en lugar de provocar unha reacción de rebeldía nas clases medias e baixas déixaas desarmadas.

O problema é que en certa forma dá a impresión de que hai que partir de cero, de que o traballo realizado dende a Transición, a lenta creación de estruturas sociais e de redes, foi desbaldido polos partidos de esquerda ou simplemente debilitouse pola falta de relevo. Cómpre actividade real na base, novas iniciativas que supoñan unha alternativa real ao sistema, como a Banca Ética, traballo colaborativo e en rede entre os sindicatos de asalariados, organizacións ecoloxistas, redes de comercio xusto, cooperativas e sindicatos agrarios, rachando os tabiques entre organizacións e loitas (aí está o gran traballo transversal que está a realizar nos últimos tempos o Sindicato Labrego Galego). Cómpre traballar coas comunidades realmente existentes, apoiar os seus procesos de relación e de mobilización, como se fixo en Mehá, en Quilmas, en Merexo. Non podemos partir dun programa pechado, o programa hai que construílo partindo das necesidades da xente e dos seus problemas cotiáns, o que temos que facer é organizar capilarmente á xente, como sempre lembra Alexandre Carrodeguas. Cómpre entender tamén que vivimos nunha sociedade distinta, na que os mecanismos de mobilización social son diferentes aos dos anos oitenta, unha sociedade máis líquida e dispersa, pero ao tempo máis interconectada, ou con maiores posibilidades de interconexión, se se saben utilizar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.