Ofensiva do PSdeG contra a Lei de Saúde

"Nin a eliminación de áreas sanitarias nin a centralización de servizos son unha boa noticia", argumentan os socialistas, que buscan paralizar a tramitación da nova lei cunha emenda de devolución.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/01/2018 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O PSdeG buscará paralizar a tramitación da nova Lei de saúde de Galicia coa presentación dunha emenda de totalidade ou devolución, é dicir, unha petición para que o texto non chegue a iniciar a súa tramitación parlamentaria e a Xunta volva presentar un texto distinto.

Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG
Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG

Aínda que o PPdeG ten maioría absoluta e, por tanto, forza suficiente para tramitar a lei de saúde, os socialistas, na mesma liña que a plataforma en defensa da saúde pública --que aglutina a representantes de todo o ámbito sanitario-- rexistraron esta emenda á totalidade na que esgrimen argumentos como que esta normativa "non foi obxecto de ningunha información, anuncio ou comunicación previa" a pesar da súa relevancia.

"Nin a centralización de servizos nin a redución de áreas sanitarias son unha boa noticia", sostyén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen deu a coñecer esta emenda, pendente aínda de cando se debaterá. Ademais, o PSdeG atópase á espera do informe que solicitou ao Consello de Contas para coñecer o custo da normativa.

Entre os argumentos que ofrecen os socialistas a esta emenda á totalidade ou de devolución, e ademais da falta de "información", atópase que "non se abordou desde o necesario procedemento aberto e transparente" este debate, o que "imposibilitou unha análise máis plural e participativa".

O PSdeG critica que se reformula a ordenación territorial cara a un modelo "máis concentrado" e "afecta negativamente as comarcas". Tamén critica que "retira as delimitacións" sobre áreas sanitarias e as especificacións sobre funcións, e implica a perda de área sanitaria para as actuais do Salnés, Mariña Lucense, Terra de Lemos e Valdeorras, o que "profundará na minorización de servizos".

Os socialistas alertan de que se "altera fortemente as cuestións en relación á participación social" e "modifica e alerta responsabilidades en termos de autoridade sanitaria e saúde pública", o que "abre a porta a desempeñar tarefas semellantes a persoal de distinta cualificación". Finalmente, o PSdeG tamén critica que se "basea en informes moi superficiais e con contidos demasiado xenéricos, sen avaliar cuestións fundamentais como as posibilidades orzamentarias da Xunta".

NOMEAMENTO ROCÍO MOSQUERA

Doutra banda, e preguntado polo nomeamento provisional de Rocío Mosquera para dirixir a empresa pública Galaria, o portavoz parlamentario do PSdeG lembrou que, sen entrar a valorar "méritos ou deméritos" dos candidatos, o que "choca" é que o concurso público "estea resolto" un mes antes de convocarse, aínda que sexa temporal.

Rocío Mosquera foi nomeada de forma provisional, cun máximo de tres meses, o pasado 17 de novembro. Un mes despois saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o concurso para cubrir este posto. "Parécenos unha práctica que non debería ser aceptable", manifestou.

A pasada semana, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, xustificou este procedemento porque o nomeamento é "provisional" e así o recolle a lei. "As explicacións parécennos insatisfactorias e agora temos que esperar a que a administración sanitaria decida rectificar e, se non, valoraremos (accións)", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta