Pleno.-Facenda reivindica que Galicia é "a autonomía máis estable de España" e espera crear 17.500 empregos en 2018

A oposición critica "continuísmo" en "austeridade compulsiva" e o PP asegura que "este camiño é bo para todos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2018 | Actualizada ás 15:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reivindicou que Galicia é "quizá a autonomía máis estable de España", á luz dos datos provisionais de peche de 2017, que fixan nun 0,21% do PIB galego o déficit da comunidade.

Valeriano Martinez Comparece No Pleno Do Parlamento
Valeriano Martinez Comparece No Pleno Do Parlamento | Fonte: Europa Press

Nunha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento, o responsable das contas do Goberno galego destacou que un dos obxectivos no presente exercicio é "continuar creando emprego de calidade e rebaixando a taxa de desemprego", cara a un crecemento "máis inclusivo".

Así, apuntou como meta a creación de 17.500 novos empregos en 2018 e a rebaixa da taxa de paro ata o 14,2% en media anual.

Os grupos da oposición, En Marea, PSdeG e BNG, criticaron o "continuísmo" na "austeridade compulsiva" do Executivo autonómico, mentres que o PP censurou que "non queren ver" que este "camiño" é, ao seu xuízo, "bo para todos".

BALANCE CONSELLEIRO

Máis aló das cifras provisionais do ano pasado, que xa adiantou o presidente da Xunta na súa comparecencia en rolda de prensa tras o Consello do pasado xoves, Martínez apuntou números sobre as previsións da comunidade para este 2018.

Respecto diso, asegurou que Galicia está "en moi boa posición para volver cumprir" e avanzou que non esgotará o límite do 0,4% de déficit imposto para este exercicio, posto que os orzamentos galegos xa inclúen un máximo do 0,3%.

No relativo á débeda, ámbito no que lembrou a redución en dúas décimas do cociente que a compara co PIB (ata o 18,5% en 2017), adiantou que a vontade é rebaixala ata unha "contorna próxima" do 18,2%, coa intención de "mesetar" nuns 11.000-11.100 millóns de euros.

Aínda neste campo, defendeu unha "reestruturación ordenada e planificada", co refinanciamento de máis de 4.000 millóns a través do fondo de facilidade financeira (FFF) habilitado polo Goberno central en 2015.

De acordo cos seus datos, o aforro en pago de intereses de débeda ascende a 170 millóns desde 2014, e en 2018 está previsto que o gasto neste concepto sexa 170 millóns inferior ao de 2014.

En materia de recadación tributaria, e grazas a manter a regra de gasto "controlada", o conselleiro celebrou a mellora "en case 30 millóns" da previsión de ingresos en tributos propios e cedidos.

Tras valorar tamén o período medio de pago a provedores, que augurou que terminará 2017 nuns 7 días, o titular de Facenda afirmou que todo isto "permite manter as maiores rebaixas fiscais xa en vigor en Galicia".

E, sobre este extremo, cuantificou en 115.000 os beneficiarvos na rebaixa do imposto de sucesións (un total de 98.141 persoas) e o programa de 'impostos cero' no rural (16.805).

Por outra banda, o responsable do departamento dixo que Galicia "destaca como unha das comunidades que máis avanzou na execución de programas" con cargo a fondos comunitarios.

CRÍTICAS OPOSICIÓN

Pola súa banda, o portavoz de En Marea no debate, Manuel Lago, acusou á Xunta de "endebedar ao país como nunca na historia", ao atribuír 7.500 millóns aos populares desde que están no Goberno.

Tamén reservou reproches ao recurso ao fondo de facilidade financeira, ao considerar que Galicia debeu "pagar a campaña de imaxe de Feijóo" sobre o feito de non entrar no fondo de liquidez autonómica (o FLA).

Ante o "peor balance dun Goberno autonómico dos últimos 35 anos", Lago concluíu que a economía "saíu da recesión pero a sociedade segue vivindo en crise".

Na súa quenda, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo tachou de "extemporánea" e "sorprendente" a comparecencia de Valeriano Martínez, ao que achacou unha "política de 'power point' e de mercadotecnia".

Así, lamentou que a Xunta pon "os números por encima das persoas", e confrontou o balance con outras cifras como os "máis de 6.300 millóns" en que se viu incrementada a débeda galega co "Goberno Feijóo".

Para a deputada do PSdeG, as "ansias" do Executivo galego por "ser primeiro da clase" chocan con números como os que --segundo apuntou-- sitúan en 98.000 afiliados menos os que ten a comunidade agora en comparación con 2008.

En representación do BNG, Noa Presas subliñou que "este modelo" non lle "vale" ao seu grupo ao entender que supón un aumento "máis rápido" das taxas de pobreza. "Se iso é dar a volta á realidade económica, non é o modelo polo que apostamos", aseverou.

Nesta liña, lamentou que a Xunta manteña unha "tónica compracente" fronte a Madrid, o que, na súa opinión, implica que "continúa a asfixia" e o "corpiño financeiro" que leva unha "consolidación da pobreza estrutural".

"As maiorías sociais non están a ver a recuperación", avisou, antes de xulgar que este proceso serve "como coartada" aos populares "para consolidar a perda de dereitos".

Pola súa banda, o portavoz do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, cualificou de "profundamente oportuna" a presenza de Martínez no pleno, e, aínda que admitiu que "é certo" que "hai problemas de desigualdade", reivindicou que a situación de Galicia é "envexable" con respecto ao resto de comunidades.

RÉPLICA E PECHE

Na réplica, o conselleiro de Facenda falou dun "claro triunfo da sociedade galega", do que, engadiu, os galegos deberían estar "moi orgullosos", tras tres anos crecendo por encima do 3% e un 2018 no que a previsión apunta a un "forte" repunte do 2,5%, "estimación prudente derivada da situación de incerteza en Cataluña".

Con todo, apostilou que o Goberno galego "axudou" e "quizá" foi "o primeiro en axudar" nesta tarefa, e avogou por "ler as regras fiscais" no seu conxunto, non por separado, para non facer "papanatismo ilustrado".

Precisamente por este termo replicou Rodríguez Rumbo na súa intervención na rolda de aclaracións, na que se queixou por estas palabras. Tamén Lago ironizou con que el "tamén" é "un papanatas".

Xa no peche, Martínez pediu "desculpas" polo seu "ton", pero precisou que foi "unha forma de expresión" que non foi "con ningún tipo de intencións". "Ás veces temos a pel un pouco suave de máis", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta