Máis porteiros para Baltar

A Deputación de Ourense contrata de xeito temporal catro porteiros para a exposición 'In tempore sueborum' no Centro Marcos Valcárcel. O PSOE asegura que o edificio "xa tiña 10 porteiros" no seu cadro de persoal e denuncia que "o caciquismo está no ADN do clan Baltar".

Por E.P. | Ourense | 23/01/2018 | Actualizada ás 22:22

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense contratou catro porteiros para o Centro Cultural Marcos Valcárcel como persoal laboral temporal. O anuncio da súa contratación, ao que tivo acceso Europa Press, sitúa o período no que exercerán o seu labor entre o 14 de decembro de 2017 ata o 13 de marzo de 2018, data ata a que estará exposta a mostra In tempore sueborum.

Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da exposición.
Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da exposición.

O PSOE ourensán denunciou estas contratacións e afeou "caciquismo" ao titular da institución provincial e líder do PP de Ourense, Manuel Baltar, quen, subliñan os socialistas, ratifica "da súa propia man" os contratos para o Centro Cultural, un edificio situado á beira da Deputación que "conta con dúas portas e que, nos tempos de Baltar pai, chegou a ter 22 porteiros".

Antes destas catro novas contratacións, os socialistas subliñan que este centro "xa tiña no seu cadro de persoal dez porteiros, nove persoas baixo a figura de persoal laboral fixo e outra como persoal laboral temporal”. Deste xeito, e como estes catro porteiros xa estarían a desempeñar a súa función, os socialistas inciden en que "o edificio ten na actualidade 14 porteiros para controlar só dúas portas que permanecen abertas unicamente sete horas ao día de luns a venres, e tres horas diarias en fins de semana e festivos”.

Nun comunicado, os socialistas pregúntanse se este é “un novo récord mundial do que presumirá Baltar, ao superar a media de sete porteiros por porta” durante o tempo que dura a exposición In tempore suevorum "para a que, supostamente, foron realizados estes novos contratos".

Engaden que, “a estes 14 porteiros a xornada completa” hai que sumar “outros tres operarios sen cualificar que traballan no edificio a xornada completa e que non se sabe exactamente que labor teñen encomendada nas instalacións”.

“CACIQUISMO NO ADN"

O voceiro provincial do PSOE, Francisco Fraga, denuncia que "o caciquismo polo que José Luis Baltar foi inhabilitado segue campando pola Deputación presidida agora polo seu fillo”. Así, denuncia que “o caciquismo está no ADN do clan Baltar” e concluíu que "non se entende que, tendo 10 persoas dedicadas exclusivamente a esta misión, sexa necesario contratar catro traballadores máis, se o horario do edificio non se ampliou durante a exposición sobre o reino suevo e as portas do edificio tampouco se multiplicaron coma se fosen os pans e os peixes".

A Deputación de Ourense, pola súa banda, consultada por Europa Press, declinou pronunciarse sobre este asunto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Con pelo

Que aposten pola iniciativa privada e o externalicen contratándoo a Cidadanía de Xestión de Porterías SL

2 Breogán

Serán os suplentes do Celta,Deportivo, o Lugo e o Racing do Ferrol. Non hai que ser tan desconfiados.

1 anonimo

Moi mal se hai algunha irregularide, pero a esquerda e o nacionalismo son especialistas en clirntelismo, en crear chiringos e subvencións para amamantar aos seus, e desto, nin chiu ¿O embudo?

1 anonimo

E noraboa por denunciar este caso. Mais dunha vez vin comentarios nos q se dicía, mais ou menos, q estábades a soldo de Baltar porque o tratábades moi ben. Non vin esta nova como a de cabeceira no GC, pero si moi pertiño. Ao mellor non vos levades mal, e ao hincar o dente este non vai a fondo, pero hincádesllo.